O amor de María Victoria Moreno polo galego, protagonista dun novo 17M de letras e reivindicación

María Victoria Moreno, nunha imaxe da Editorial Galaxia cedida á RAG © Galaxia - RAG

A Real Academia Galega (RAG) celebra este 17 de maio o Día das Letras cunha sesión plenaria extraordinaria e pública no Teatro Principal de Pontevedra, onde María Victoria Moreno, a homenaxeada neste 2018, se estableceu en 1963 ao chegar a Galicia. Ás 12:30 horas terá lugar este acto nunha cidade que será epicentro da xornada festiva e reivindicativa. Nel falarán as académicas Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero, todas con fonda relación coa escritora homenaxeada, e será pechado coa intervención o presidente da institución, Víctor F. Freixanes. 

Pontevedra, cidade onde se asentou Victoria Moreno en Galicia, será o epicentro das celebracións e sede da sesión plenaria extraodinaria da RAG

Xa na tarde deste mércores, o Café Moderno de Pontevedra será o lugar de recepción aos membros da RAG e do Consello da Cultura Galega. O alcalde da cidade, Miguel Fernández Lores, e máis a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e o de Normalización, Alberto Oubiña, recibirán os membros das dúas entidades antes de que ás 21 horas, na sede de AFundación, a Real Filharmonía de Galicia ofreza un recital dedicado a María Victoria Moreno. 

O propio 17, antes do acto da Academia, terá lugar o acto oficial que celebra a Xunta e que terá lugar no Instituto Torrente Ballester, onde foi profesora María Victoria Moreno e ao que lle legou a súa biblioteca persoal e mesmo un conto inédito. Esta homenaxe do Goberno galego comezará ás 11 horas e suporá o inicio dunha xornada de homenaxes á autora. 

A urbe do Lérez será o epicentro dos actos de recoñecemento á autora nada en Extremadura, criada en Castela, estudante en Barcelona, filóloga en Madrid e asentada durante 40 anos en Galicia. Así, xa o xoves 17, a Banda de Música de Salcedo ofrecerá ás 18 horas o seu Concerto das Letras Galegas no Pazo da Cultura, mentres que ás 19.30 terá lugar na praza de Curros Enríquez un acto popular de homenaxe a María Victoria Moreno, cun recital poético, a actuación dun grupo de gaitas e un breve concerto da Banda de Música de Pontevedra. 

Á marxe da capital, no resto da provincia a Deputación leva meses celebrando actos de homenaxe a Moreno e seguiraos celebrando ata o mes de decembro. Son sesenta representacións dentro da programación teatral Ano da Lingua.

Ademais, a RAG xa escolleu o pasado mes de febreiro Pontevedra para abrir a súa programación do Ano María Victoria Moreno. Da man da comunidade educativa do CEP Marcos da Portela, a institución presentou a nova edición do proxecto web Primavera das Letras, que fornece de recursos lúdicos e didácticos arredor do universo vital e literario da protagonista deste 17 de maio destinados os cativos e cativas de infantil e primaria. 

A Coruña organiza por terceiro ano consecutivo unha lectura pública colectiva da obra da homenaxeada en María Pita

Os actos co gallo do Día das Letras Galegas esténdense por toda a xeografía galega. Por exemplo, na Coruña o 17 de maio o goberno local organizará, por terceiro ano consecutivo, unha lectura pública colectiva da obra da homenaxeada aberta á veciñanza desde o balcón do Pazo de María Pita. Será unha iniciativa máis nun programa de actividades que inclúen, durante a noite do mércores 16, concertos no Campo da Leña coa participación de diversos grupos galegos. Así, ás 22 horas, O Leo i Arremecághona subiranse ao escenario, para dar paso, contra ás 23.15 horas, á banda The Tetas Van. Finalmente, Terbutalina pechará a sesión cunha actuación que comezará contra ás 00.15 horas da noite.

En Lugo, pola súa banda, na rúa Aguirre e na praza Maior, a homenaxe a María Victoria Moreno correrá a cargo das agrupacións corais de Lugo: Coral Asociación Amigos do Camiño de Santiago, Cantar Delas, Coral Ecos do Miño Astelu, Coral Polifónico Hospital Xeral, Conjunto Vocal Lugh, Grupo Vocal Solo Voces, Orfeón Lucense, Orfeón Xoán Montes e Coral Xolda. Completarase así un recoñecemento que durante toda a semana percorreu e percorrerá toda a provincia grazas ás iniciativas impulsadas pola Deputación. 

Compostela organiza paseos comentados para facer un repaso polas persoas homenaxeadas cada 17 demaio

Ademais, en Compostela, o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións en galego a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido (na praza das Praterías) ao longo do 17 de maio e ata que se esgoten as existencias. Tamén terán lugar paseos comentados, do 16 ao 18, itinerarios pensados para facer un repaso pola historia do Días Letras Galegas e polas persoas homenaxeadas en cada 17 de maio desde 1963.

As visitas están organizadas en colaboración con MaOs Innovación Social e o percorrido conta con nove paradas, durará ao redor de hora e media e permitirá "resumir 800 anos de historia da literatura de Galicia e lembrar as 56 persoas homenaxeadas ata o de agora no Día das Letras Galegas".

Os paseos comentados partirán das escaleiras do Museo do Pobo Galego e rematarán na praza de San Martiño Pinario. Mércores e o venres, os percorridos comezarán ás 20 horas. O 17 de maio, o inicio está previsto para as 19 horas, e o paseo incluirá un recital da man de Celia Parra e unha actuación de peche de Alba María. A inscrición é de balde, a través do correo paseos.compostela@maos.gal. Tamén se pode realizar por Whatsapp ou Telegram no teléfono 694 474 166, indicando o nome, correo electrónico e día no que se desexa participar no paseo.

Queremos Galego convoca á "festa e reivindicación" nunha marcha en Santiago que prevé "masiva"

Alén disto, e como cada Día das Letras, a plataforma Queremos Galego convoca á "festa e reivindicación" na manifestación que sairá ás 12 do mediodía da Alameda. Desde a plataforma agardan que a mobilización sexa "masiva" en torno a un idioma que "non só non conta con amparo institucional, senón que recibe desamparo e agresividade sistemática" dende a Xunta. 

A actriz Nieves Rodríguez conducirá o acto final da manifestación, na que os estudantes gañadores do Correlingua 2018 cunha composición de hip-hop interpretarán 'Rapea, que a lingua non para'

 

O compromiso co galego e coa xente nova

Toda Galicia renderá así homenae a María Victoria Moreno, que entre entre 1965 e 1967deu clases no Instituto Masculino de Lugo, "unha etapa decisiva no espertar do seu activismo a prol da lingua galega en plena ditadura", como afirma a RAG. Alí coñeceu o profesor Xesús Alonso Montero, de quen herdou, segundo ela mesma dixo, a súa actitude ante a lingua galega e a ética e o compromiso cos seus falantes. O académico prologou Mar adiante (1973).

Esta obra foi un título "pioneiro na literatura infantil galega", como recorda o académico correspondente Xoán Babarro na Tribuna de Academia.gal. Con el asinou para sempre o compromiso coa lingua galega e co público máis novo: "o idioma na creación literaria, e na vida, sería en diante sempre o galego e a gran maioría das obras que escribiría dedicaríaas á xente miúda e adolescente, se ben tamén escribiu poesía e relatos para o público adulto, ensaio e crítica literaria". 

Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, tamén escritoras de literatura infantil e xuvenil, abriran o acto da RAG en Pontevedra

A literatura infantil e xuvenil é o terreo no que adoitan expresarse literariamente as académicas Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, as encargadas de abriren o acto da Academia do 17 de maio en Pontevedra. Fina Casalderrey, que comparte con María Victoria Moreno a condición de pontevedresa, foi ademais alumna dela nos cursos de literatura galega que impartiu como mestra de mestres nos primeiros anos 80. Ambas as académicas son, como a homenaxeada, persoas moi vinculadas á xente nova desde o ámbito laboral. As dúas asinan tamén a biografía de María Victoria Moreno que pode lerse no espazo da web da Academia dedicado á autora.

María Victoria Moreno escoita a Alonso Montero © Consorcio de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.