O Apóstolo: a dificultade de atopar un filme nos cines

Fotograma do filme © O Apóstolo

Son moitas as virtudes de O Apóstolo: trátase da primeira película de animación stop-motion estereoscópica realizada en Europa, é un proxecto galego no que dende 2008 traballaron con mimo ducias de profesionais, contou con Philip Glass para a creación da Banda Sonora e obtivo recoñecementos en festivais coma Moscú, Málaga, Sitges, Bogotá ou Buenos Aires. Por suposto, cada ano prodúcense moitos bos filmes que fican fóra das salas comerciais ou que apenas teñen distribución, pero o caso do Apóstolo é significativo porque esta película obtivera un compromiso da súa distribuidora para ser estreada o pasado 31 de outubro, véspera de Defuntos, en 80 salas de todo o Estado.

Finalmente non foron 80 senón 25. En moitas das cidades nas que estaba prevista a súa proxección (Sevilla, Bilbao, Donostia, Murcia, León…) a película non chegou a estrearse, e noutras coma Madrid quedou relegada a salas afastadas do centro ou a horarios incómodos para a meirande parte dos espectadores. A produtora do filme denuncia que dende entón este trato se vén repetindo en cines de toda España: dende grandes superficies que incumpren o prometido e alegan que nas súas moitas salas non teñen espazo para O Apóstolo ou outros cines que a proxectan en días alternos. Neste momento O Apóstolo pode verse en 17 salas en todo o Estado, aínda que non todos os días da semana e non sempre nas mellores horas. En Galicia está na Coruña, Ferrol, Carballo, Compostela, Vigo e Monforte. 

Os responsables do Apóstolo veñen de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas na rede para esixirlle a Yelmo Cines, Cinesa, Kinepolis ou Cinebox que lle dean un espazo. Mentres o filme busca fóra de España a súa rendibilidade e vén de participar no American Film Market para negociar a súa distribución nos Estados Unidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.