Este sábado 30 celébrase en Boiro unha nova edición do festival Olloboi, unha mostra audiovisual e de cinema dirixida aos centros de ensino, nomeadamente de secundaria (aínda que hai unha categoría para Escolas de Imaxe e Son e Universidades), que se está a converter un referente para todo o sistema educativo galego. Neste 2015 o festival recibiu 149 filmes procedentes de 60 centros de toda Galicia, que sumaron un total de 5.000 votos a través da rede. Os seus responsables destacan que o obxectivo de Olloboi é "difundir valores sociais de compromiso coa lingua, a cultura, o medio ambiente, sempre coa ferramenta da creatividade de por medio".
O festival non sería posible sen a colaboración do que eles e elas mesmas denominan "cómplices", profesionais do audiovisual galego que apoian a mostra de forma desinteresada
O festival non sería posible sen a colaboración do que eles e elas mesmas denominan "cómplices", profesionais do audiovisual galego que xa o pasado ano, e tamén nesta edición, apoian a mostra de forma desinteresada, difundíndoo, actuando, entregando premios ou formando parte do xurado. É o caso de Miguel de Lira, Alfonso Zarauza, Xesús Ron, Mónica García, Monti Castiñeiras, Morris, Karra Elejalde, Sabela Arán, Camila Bossa, Sabela Hermida ou Marta Doviro.
O festival conta con dez categorías: Cómico, Peleón, Fotoxénico, DJ, Orixinal, Animado, Online, Zamburrioi, Embarcacións tradicionais e Universidade e Escolas Audiovisuais. E en cada categoría hai dez filmes finalistas. Un dos galardóns, patrocinado polo Encontro de Embarcacións Tradicionais, recoñecerá a experiencia educativa máis enriquecedora a través do audiovisual. Mentres, o Zamburrioi está reservado ao filme que o xurado de Olloboi considera o mellor entre todos os presentados.
Os premios, que se entregarán a partir das 20 horas na Casa da Cultura de Boiro, consistirán nun trofeo orixinal deseñado pola creadora Susana Diz e un fantástico dron con cámara integrada. Porén, a gala conducida polos actores Federico Pérez e Xosé A. Touriñán e coa colaboración musical do alumnado do CPI de Dodro será tan só a guinda dunha completa xornada de actividades.
"Na edición pasada contamos coa axuda inestimable do profesor e experto Manolo González: el impeliunos a medrar e facer do festival unha xornada de convivio, e así o concebimos este ano"
"Na edición pasada contamos coa axuda inestimable do profesor e experto Manolo González: el animounos a medrar e facer do festival unha xornada de convivio, e así o concibimos este ano" -explican- "O vindeiro sábado 30 de maio aspiramos a xuntar en Boiro a xente do ensino e do mundo do cine para intercambiar experiencias e disfrutarmos xuntos".
Para os organizadores de Olloboi, esta xornada representa "a ilusión de moitos docentes e rapaces por cambiar un pouquiño o mundo que os rodea a través da expresión artística audiovisual". Así, xa a partir das 13 horas haberá unha recepción de participantes no Náutico de Cabo de Cruz e un xantar para 100 comensais sufragado polos patrocinadores do festival, encabezados por Gadis. Ademais, ás 17 horas proxectaranse os filmes Unary e Encallados, na sede de Asteleiros Triñanes, coa presenza do director Luis Avilés e o guionista Andrés Mahía.