O baile e a música galega tradicional dan o primeiro paso para ser Patrimonio da Humanidade

Baile tradicional galego CC-BY-NC-SA Eduardo R. Recio

O baile e a música galega tradicionais dan un paso máis para ser declarados como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola Unesco. A Xunta, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, prometeu este mércores o seu apoio a esta solicitude impulsada pola Asociación Cultural Xacarandaina, a Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos.

A Xunta acorda promover a declaración do baile e música tradicionais como BIC, paso previo á solicitude á Unesco

Fíxoo logo dunha xuntanza na que o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez, lles comunicaron aos promotores que o Goberno xa acordou promover a declaración do baile e a música tradicionais galegos como Ben de Interese Cultural (BIC). Este paso, tal e como lembra a Xunta, é o "previo á solicitude de inclusión na lista representativa da Unesco do Patrimonio Cultural Inmaterial, e dotará de protección legal esta manifestación artística, requisito para solicitar a candidatura perante o organismo europeo".

A entrada na lista de patrimonio inmaterial da humanidade implica salvagardar os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos ou os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural. Neste marco, o propósito da candidatura para o baile e a música tradicionais galegas é "poñer en valor estas manifestacións artísticas propias e singulares de Galicia, que contan cunha longa e rica tradición que hoxe se mantén viva, así como garantir a súa protección e transmisión".

Os estados membros da Unesco son quen formalizan a solicitude de inclusión na lista representativa da Unesco do PIC. No caso de España, esta solicitude formalízase na Comisión de Seguimento do Plan Nacional para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial. As comunidades autónomas, que están representadas nesta comisión, son as que achegan as propostas que posteriormente son valoradas de cara a formalizar a solicitude de declaración como Patrimonio Cultural Inmaterial.

Baile tradicional galego CC-BY-NC-SA Eduardo R. Recio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.