Este martes celébrase en Carballo a vista do xuízo que pode dedicir o futuro do Casino 1889, a entidade cultural ameazada por un proxecto inmobiliario que prevé edificar no seu lugar un edificio residencial
Este martes 12 de xullo celébrase no xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Carballo a vista do xuízo que pode dedicir o futuro do Casino 1889, a entidade cultural ameazada por un proxecto inmobiliario que prevé edificar no seu lugar un edificio residencial. O xuízo, que estaba previsto para o pasado mes de marzo, fora previamente adiado noutras ocasións por mor da pandemia.
A asociación Casino 1889 leva catro anos desenvolvendo unha intensa actividade cultural e social, dende clases de danza, a clubs de lectura, pasando por concertos, obras de teatro, ciclos de cinema ou presentacións de libros, sendo un espazo aberto para calquera persoa que quixera organizar un evento público. A Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños Casino de Carballo naceu en 1889, de aí o nome, aínda que foi no ano 2018 cando un grupo de persoas se uniu para darlle un novo pulo á entidade, fundamental para a vida cultural da capital da comarca de Bergantiños.
A asociación Casino 1889 leva catro anos desenvolvendo unha intensa actividade cultural e social, dende clases de danza, a clubs de lectura, pasando por concertos, obras de teatro, ciclos de cinema ou presentacións de libros
O inmoble, inaugurado a comezos dos anos vinte do século pasado, acolle as actividades do Casino dende 1925. Porén, agora o edificio corre o risco de ser derrubado, se ten éxito o proxecto da sociedade inmobiliaria Horta do Casino SL. Os problemas comezaron precisamente no ano 2018 cando un novo grupo de persoas se fixo cargo da xestión da centenaria entidade cultural, que pechara as súas portas un ano antes. "Poucos meses despois, saíu por primeira vez á luz que o edificio fora adquirido en 2005 por unha sociedade inmobiliaria por un importe de 70.000 euros, un feito que nunca antes fora comunicado", explican.
Como a lei permite que os arrendatarios dun edificio exerzan a súa opción preferente de adquisición do inmoble fronte a outros posibles compradores a través do dereito de retracto, a entidade comezou unha campaña para reunir os 70.000 euros requiridos. En só dez días conseguiron mobilizar á sociedade carballesa e acadaron máis cartos que a suma buscada. Porén, nese momento a sociedade propietaria, Horta do Casino SL, informou de que houbera un "erro" e de que o importe sinalado na escritura de compra era, en realidade, de 360.000 euros. A empresa xustificábase en que a "confusión" fora provocada polo cambio de pesetas a euros, que tivera lugar en decembro de 2002, tres anos antes da adquisición.
"Nós tiñamos moitas ganas de que se celebrase, porque despois de tanto tempo agardando o que queremos é pechar esta primeira fase, xa que pensamos que o proceso pode ser aínda máis longo"
Dende a asociación Casino 1889 destacan que o xuízo decidirá se o edificio "seguirá sendo un espazo para o desenvolvemento cultural e social da vila e un dos poucos símbolos urbanísticos que lle quedan a Carballo, ou se será derrubado para edificar un moderno bloque de edificios máis, similar a calquera do resto da vila". E subliñan que "o Casino non é só importante polo seu pasado, tamén polo futuro que debería ter e no que nos gustaría que socias/os e veciñas/os participasen con novas ideas. Quédanos moito por facer". Falamos con Laura Méndez, unha das integrantes da asociación.
Que expectativas tedes de cara ao xuízo? Sodes optimistas?
Nós tiñamos moitas ganas de que se celebrase, porque despois de tanto tempo agardando, con aprazamentos e demais, o que queremos é pechar esta primeira fase, xa que pensamos que o proceso pode ser aínda máis longo. Por iso somos optimistas xa só polo feito de que finalmente o xuízo se leve a cabo, que era algo moi importante para nós e para os socios e socias, para poder comezar a ter claro o futuro.
"Cando dicimos que queremos que o Casino sexa de todas e de todos é porque pretendemos que así o sexa de verdade: queremos que haxa actividades para nenos e para xente máis maior, queremos estar abertas a propostas"
O Casino 1889 leva realizando unha actividade cultural moi importante, dende obradoiros, concertos ou simplemente como un punto de encontro. Unha entidade, ademais, abertas ás propostas de todo o mundo. Para unha vila como Carballo sería un golpe perder un espazo así?
Para nós o feito de estar abertas a propostas é moi importante. Cando dicimos que queremos que o Casino sexa de todas e de todos é porque pretendemos que así o sexa de verdade: queremos que haxa actividades para nenos e para xente máis maior, queremos estar abertas a propostas, dos socios e das persoas que non son socias... Nós queremos que o Casino se salve para que siga vivo e se sigan facendo cousas e siga evolucionando como a xente queira.
"É importante que os novos grupo de música que saian de Carballo teñan un espazo así, o mesmo que os grupo de teatro ou os equipos de xadrez, que todo o mundo teña un punto de encontro social, un lugar onde atoparse"
Aínda que non esteamos especializados en ser unha sala de concertos, o certo é que o espazo se presta para facelo ou como local de ensaio e está tendo éxito como tal. Cremos que é un bo complemento ao resto de actividades. É importante que os novos grupo de música que saian de Carballo teñan un espazo así, o mesmo que os grupo de teatro ou os equipos de xadrez, que todo o mundo teña un punto de encontro social, un lugar onde atoparse.
Ás veces dános a impresión de que hai xente en Carballo que non nos coñece e en cambio recibimos moitas propostas de persoas de fóra que queren vir facer un concerto ou montar unha exposición aquí. Parece que se mira moito para as asociacións ou espazos culturais que existen fóra, nas cidades, pero que cando hai algo así na túa vila se despreza un pouco.
Que novos proxectos estades preparando? Que máis cousas estarían en risco no caso de que o Casino tivese que pechar?
"Queremos falar do futuro do Casino para que se entenda que o importante non é a historia pasada, o que se fixo, senón que a xente pode facer aquí o que se queira, que todo está aberto ás novas ideas ou proxectos que se queiran propoñer"
Entre os proxectos que se están preparando está a creación dunha emisora de radio para Carballo, tamén un grupo de consumo chamado Xirimolo, que xa está en marcha e que nos gustaría que puidese seguir, o mesmo que as actividades semanais: clases de guitarra, pandeireta, as foliadas... Queremos falar do futuro do Casino para que se entenda que o importante non é a historia pasada, o que se fixo, senón que a xente pode facer aquí o que se queira, que todo está aberto ás novas ideas ou proxectos que se queiran propoñer
Aínda non nos deu tempo a consolidar o proxecto e a facer todo o que nos gustaría, é un proceso en marcha. Levamos catro anos, pero hai que ter en conta que dous foron de pandemia e quedou todo parado xusto cando máis impulso estaba a coller o Casino. Despois retomáronse as actividades, pero a menor ritmo, con restricións, limitacións de capacidade e demais...
A sociedade de Carballo debería mobilizarse para asegurar a continuidade do Casino, como xa fixo hai anos achegando cartos para adquirir o local?
"A nós o que nos gustaría é, sobre todo, que a xente probase a entrar pola porta, que non quedase ninguén na vila que dixese que o Casino lle resulta algo indiferente ou alleo. Para nós iso xa é activismo e collemos forzas para poder seguir"
A nós o que nos gustaría é, sobre todo, que a xente probase a entrar pola porta, que non quedase ninguén na vila que dixese que o Casino lle resulta algo indiferente ou alleo. Queremos formar parte da vida da poboación de Carballo, coas actividades que lle interesan, que veña aquí a ler e a tomar un café e se non hai nada que lle guste, pois que propoña o que quere facer. Para nós é importante que o Casino se entenda como un valor e un espazo que é de todos e de todas en Carballo, que entren e o aproveiten. Sobre todo a xente nova, que saiba que pode participar, e que independentemente do nivel de implicación que queiran ter, polo menos que o desfruten mentres exista. Para nós iso xa é activismo e collemos forzas para poder seguir.