No centro de Carballo hai un pequeno edificio cun século de historia que acolle a asociación Casino 1889, unha entidade cultural que dende hai anos desenvolve unha intensa actividade no centro da vila. A Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños Casino de Carballo naceu en 1889, de aí o nome, aínda que foi no ano 2018 cando un grupo de persoas se uniu para darlle un novo pulo á entidade, fundamental para a vida cultural da capital da comarca de Bergantiños.
Este martes comeza o xuízo que decidirá a continuidade do edificio, que leva un século acollendo unha importante actividade cultural e social
O inmoble, inaugurado a comezos dos anos vinte do século pasado, acolle as actividades do Casino dende 1925. Porén, agora o edificio corre o risco de ser derrubado, se ten éxito o proxecto da sociedade inmobiliaria Horta do Casino SL, que prevé edificar no seu lugar un edificio residencial. Os integrantes do Casino 1889 tentan frear dende hai anos a súa demolición, que se decidirá nun xuízo que comeza este martes 8 de marzo pola mañá no xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Carballo, un litixio que se foi adiando nos últimos meses por mor da pandemia.
Trátase dun "pequeno edificio en aparencia" pero que "ademais do seu valor patrimonial, é o motor dunha entidade social e cultural que leva en activo desde o século XIX", destacan
A entidade denuncia que o Casino, un dos símbolos de Carballo, é "un dos últimos inmobles históricos que quedan en pé" nunha vila que medrou ao abeiro do desordenado crecemento urbanístico dos anos 60 e 70. Trátase dun "pequeno edificio en aparencia" pero que "ademais do seu valor patrimonial, é o motor dunha entidade social e cultural que leva en activo desde o século XIX", destacan.
O xuízo decidirá se o edificio "seguirá sendo un espazo para o desenvolvemento cultural e social da vila e un dos poucos símbolos urbanísticos que lle quedan a Carballo, ou se será derrubado para edificar un moderno bloque de edificios máis, similar a calquera do resto da vila", denuncian.
No 2018 un novo grupo de persoas deu un novo pulo á centenaria entidade cultural
Nos últimos catro anos o Casino acolleu unha importante actividade cultural, dende clases de danza, a clubs de lectura, pasando por concertos, obras de teatro, ciclos de cinema ou presentacións de libros, sendo un espazo aberto para calquera persoa que quixera organizar un evento público. Ademais, moitas persoas da vila participaron con traballo voluntario nas reformas realizadas no edificio.
Un conflito con orixe no ano 2018
No ano 2018 a entidade, co apoio da sociedade carballesa, reuniu 70.000 euros para adquirir o edificio
Os problemas comezaron precisamente no ano 2018 cando un novo grupo de persoas se fixo cargo da xestión da centenaria entidade cultural, que pechara as súas portas un ano antes. "Poucos meses despois, saíu por primeira vez á luz que o edificio fora adquirido en 2005 por unha sociedade inmobiliaria denominada Horta do Casino SL por un importe de 70.000 euros, un feito que nunca antes fora comunicado", explican dende o Casino.
Como a lei permite que os arrendatarios dun edificio exerzan a súa opción preferente de adquisición do inmoble fronte a outros posibles compradores a través do dereito de retracto, a entidade comezou unha campaña para reunir os 70.000 euros requiridos. En só dez días conseguiron mobilizar á sociedade carballesa e acadaron máis cartos que a suma buscada, con centos de achegas que ían dende uns poucos euros ata os catro mil.
Porén, nese momento a sociedade propietaria informou de que houbera un "erro" e de que o importe sinalado na escritura de compra era, en realidade, de 360.000 euros
Porén, nese momento a sociedade propietaria, Horta do Casino SL, informou de que houbera un "erro" e de que o importe sinalado na escritura de compra era, en realidade, de 360.000 euros. A empresa xustificábase en que a "confusión" fora provocada polo cambio de pesetas a euros, que tivera lugar en decembro de 2002, tres anos antes da adquisición. Casino 1889 destaca que "hai constancia ante notario de que non se ten achegado polo de agora ningún xustificante de pago que valide o novo prezo de 360.000 euros".
A sociedade inmobiliaria afirmou que a "confusión" se producira por non saber pasar correctamente de pesetas a euros
Ademais, denuncia que a sociedade inmobiliaria Horta do Casino SL presentou "numerosas notificacións" para presuntamente dificultar o desenvolvemento da actividade da Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños. Por exemplo, puxeron obxeccións ás obras de reforma realizadas para arranxar certos elementos do edificio que permitiron que puidera continuar coa a súa actividade, como a mellora do ambigú, unhas actuacións que non afectaron á estrutura do inmoble.
"Salva o Casino"
"Non está unicamente en xogo a continuidade e o futuro do Casino 1889. Está en xogo o futuro do que Carballo quere ser, da súa memoria histórica e o seu pulo por seguir sendo un referente cultural e social na contorna"
O pasado 7 de febreiro, un mes antes da celebración do xuízo, comezou a campaña "Salva o Casino", que busca "sensibilizar sobre o valor histórico e cultural do inmoble, así como da importancia de ter un espazo de encontro na vila". Nos primeiros días da campaña, moitas persoas déronse de alta como socias da entidade e moitas máis amosaron o seu apoio nas redes sociais. Está previsto, ademais, convocar mobilizacións "para defender o patrimonio material e inmaterial" da vila de Carballo. "O vindeiro 8 de marzo non está unicamente en xogo a continuidade e o futuro do Casino 1889. Está en xogo o futuro do que Carballo quere ser, da súa memoria histórica e o seu pulo por seguir sendo un referente cultural e social na contorna", destacan dende a Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños.