O Castro de Saceda inicia os seus traballos de restauración e musealización

O castro de Sacedo, en Cualedro © Mani Moretón

O Castro de Saceda, en Cualedro, é un dos mellor conservados de Galicia. Levántase no medio dunha chaira, nunha elevación que permite un gran control visual sobre o val que se abre aos seus pés. A súa ocupación abrangue desde o século IV a.C. ata o I d.C, momento no que foi abandonado pola súa poboación, que se trasladaría ao castro veciño da Cidá de San Millao por razóns que aínda se ignoran. Escavouse entre os anos 1982 e 1988, traballos que permitiron atopar útiles de ferro, cerámica, unha perna en granito do que semella ser un guerreiro e tres moedas de prata.

Agora o Concello de Cualedro vén de iniciar os traballos de restauración e musealización que permitirán facer máis accesible e didáctico o monumento. Durante os últimos anos practicáronse varias actuacións menores no conxunto, especialmente orientadas á limpeza e a necesaria escavación arqueolóxica. Nesta ocasión a prioridade é outra maior, preparar o monumento para potenciais visitantes. Actuacións de restauración de cabanas e murallas milenarias, xunto co deseño dun itinerario guiado, acompáñanse da instalación de abundante cartelería informativa e interpretativa. 

“O Castro da Saceda é coñecido dende hai tempo. Foi precisamente un veciño do noso concello que é unha eminencia na materia, D. Antonio Rodríguez Colmenero, quen o descubriu na década dos 80. Porén o lugar nunca fora musealizado para que calquera visitante descubrira esta verdadeira xoia dunha forma amena e didáctica”, explica o alcalde Luciano Rivero Cuquejo.

O Goberno municipal prepara xa a documentación para presentar un proxecto de actuación a cargo do 1% Cultural do Ministerio de Cultura. "Temos que aproveitar a avantaxe competitiva que nos concede ser o único castro BIC de Ourense. A cargo desa partida pretendemos facer máis actuacións no propio monumento como acondicionar a súa contorna, accesos, etc.", engade o rexedor.

No castro predominan as vivendas circulares. Todo o xacemento está rodeado por murallas de pedra, que cumpren dúas funcións: unha defensiva e outra de contención do terreo. O conxunto forma así unha consecución de cordóns defensivos que supostamente se completarían cun valado. A croa está circundada por unha muralla de forma ovalada construída con grandes blocos graníticos á que se accede por unha porta formada por dúas pedras fincadas.

 

O castro de Sacedo, en Cualedro © Mani Moretón
O castro de Sacedo, en Cualedro © Mani Moretón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.