O CCG insta a Xunta a incrementar o orzamento en Cultura do 0,65% ao 1% en catro anos

Román Rodríguez e Ramón Villares © Consello da Cultura

O Consello da Cultura Galega entregoulle este venres ao conselleiro Román Rodríguez o documento Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI, no que analiza a situación do sector e suxire unha serie de actuacións prioritarias. Entre elas, destacan a demanda de incrementar o orzamento que a Xunta de Galicia dedica a Cultura, a de coordinar e integrar máis as políticas culturais das diferentes administracións, a de mellorar a presenza da cultura galega no exterior e asumir os retos da dixitalización, ademais de reforzar as bibliotecas públicas municipais.

"Un obxectivo realista sería pasar do 0,65% da actualidade ao 1% do gasto público consolidado nos próximos catro anos e a un 1,5% nun prazo de dez anos"

Este informe é o resultado do convenio subscrito entre as dúas entidades para a elaboración dunha análise básica que poida servir de base para a elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021, as liñas xerais de actuación da administración pública autonómica no ámbito da política cultural. Ademais de Román Rodríguez e de Ramón Villares, manifestou o presidente do Consello da Cultura, no acto tamén estiveron presentes Xosé López, secretario do Consello da Cultura Galega, e Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura.

O texto pide “implementar políticas culturais de natureza interinstitucional”, debido á “inexistencia” dunha política coordenada de programación de actividades entre as diferentes administracións

O informe sinala que "a forte diminución nos orzamentos das institucións públicas en materia de cultura aplicados desde o ano 2009 ata hoxe aconsellan unha revisión das políticas públicas que contemplen incrementos a fin de contribuír á recuperación do sector". E suxire cifras concretas: "un obxectivo realista sería pasar do 0,65% da actualidade ao 1% do gasto público consolidado nos próximos catro anos e a un 1,5% nun prazo de dez anos", sinala o documento. "Os recortes no gasto público en cultura son demasiado agresivos para un ámbito social que é de protección preferente", destaca o documento, que engade que a" pequena recuperación do gasto dos últimos anos semella aínda moi insuficiente". O informe conclúe que "estas baixadas no gasto público indican que a cultura se atopa nos últimos postos nas prioridades dos políticos que dirixen todas as administracións dende o inicio da crise económica".

O texto fai fincapé igualmente na necesidade de “implementar políticas culturais de natureza interinstitucional”, debido á “inexistencia” na actualidade dunha política coordenada de programación de actividades entre as diferentes administracións do país. "As políticas culturais en Galicia carecen dunha estratexia, diagnose, planificación e avaliación", critica a Diagnose, que afirma que "nalgúns casos unha mellor cooperación evitaría duplicidades e competencias improdutivas".

"A situación de moitas bibliotecas, especialmente as de xestión municipal, é mellorable, principalmente pola carencia de persoal"

No campo das bibliotecas, o informe tamén aposta por unha acción máis decidida da Xunta, alertando que "a situación de moitas bibliotecas, especialmente as de xestión municipal, é mellorable, principalmente pola carencia de persoal". "A Xunta de Galicia debería afrontar esta situación, e impulsar unha política de cooperación interinstitucional, e non reducir a súa actuación á mera tramitación de subvencións", afirma o CCG, que destaca "a existencia dun persoal comprometido co servizo" e o "destacable labor das bibliotecas escolares".

O CCG tamén chama a atención sobre a “pouca presenza” da cultura galega no espazo dixital e recoméndalle á Xunta “reforzar políticas públicas destinadas a potenciar o tecido de medios de comunicación e plataformas de cultura en lingua galega”.

Recoméndalle á Xunta “reforzar políticas públicas" no tecido de medios de comunicación online e plataformas de cultura dixital en lingua galega

No que respecta ao Patrimonio, subliña a existencia "dunha sociedade civil activa e moi ben organizada, que desenvolve moitas actividades arredor da defensa do patrimonio". Pero alerta de que "a Administración ten dificultades para xestionar os expedientes e as peticións relacionadas coa Lei do patrimonio e conta con poucos recursos". "Unha das principais eivas do sector radica na ausencia de políticas globais", conclúese. Critícase tamén "a dificultade de acceso á información patrimonial" e pídese "facilitar o acceso público e en liña aos bens culturais inventariados pola Administración autonómica, de acordo ao previsto na Lei do patrimonio cultural de Galicia".

 

Presentación do informe, este venres © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.