O centenario do nacemento de Díaz Castro abre un ano de celebracións

Xosé María Díaz Castro © poetadiazcastro.com

Xosé María Díaz Castro naceu o 19 de febreiro de 1914 no lugar do Vilariño da parroquia dos Vilares, en Guitiriz. Este mércores fan polo tanto cen anos desa data, e o Concello, a Xunta e a asociación Xermolos programaron un amplo conxunto de actos para celebralo, nunha xornada que marca o inicio dun ano de actividades e homenaxes en honor do poeta, ao que se lle dedican as Letras.

Pola mañá o protagonismo será dos centros escolares. Ás 10.30 horas, alumnos de Parga e Guitiriz realizarán unha visita guiada á exposición dedicada a Díaz Castro que acolle a Escola Habanera. Ademais, o grupo 2na Fronteira interpretará Zapatiños para Díaz Castro, unha musicalización de 15 poemas de Nimbos. Ás 12.30 horas, no IES Díaz Castro, o alumnado deste centro organizará unha festa en homenaxe ao poeta, na que participarán tamén os alumnos e alumnas do colexio de Friol e do un instituto IES Urbano Lugrís da Coruña.

Xa pola tarde, a partir das 17 horas, realizarase unha ofrenda poético-floral no cemiterio de Guitiriz, o camposanto de San Xoán de Lagostelle, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega co apoio e colaboración do Centro Pen Galicia e a Asociación Cultural Xermolos. A partir das 18 horas, de novo na Escola Habanera, inaugurarase a exposición Nimbos de luz, dedicada ao poeta. Ás 19 horas presentarase o libro Xosé María Díaz Castro. Vida e obra (Galaxia) de Armando Requeixo.

Finalmente, a partir das 19 horas proxectarase o documental O instante eterno, dirixido por Xosé Antón Cascudo, e que xa se puido ver en Pontevedra e en Santiago. Este documental será ademais a base do seminario Díaz Castro: transferencias poéticas e visuais, que o propio Cascudo impartirá en Guitiriz do 22 de febreiro ao 8 de marzo. No seminario mesturarase a análise de secuencias do filme con documentación fotográfica e textual aínda inédita e coa propia poesía do autor.

O seminario tentará amosar como Nimbos é "o espello da historia sentimental da Galicia do século XX" e como esa obra, cincuenta anos despois da súa publicación, "segue tendo vixencia e proxecta a súa luz sobre o século XXI"

Durante as tres sesión das que consta o seminario, e que terán lugar os sábados de 18 a 20 h. realizarase unha radiografía social, política e demográfica do tempo do poeta incidindo nos cambios experimentados na súa contorna, na paisaxe, na lingua e nas costumes. Así mesmo tratarase de familiarizar ao público con elementos da realización audiovisual, co fin valorar e comprender as imaxes estética e sintacticamente, para reflexionar sobre o rol que desempeña o cinema e a poesía no ámbito do social, entendendo estas dúas disciplinas artísticas como parte da nosa realidade cotiá. En definitiva, Díaz Castro: transferencias poéticas e visuais tratará de amosar como Nimbos é "o espello da historia sentimental da Galicia do século XX" e como esa obra, cincuenta anos despois da súa publicación, "segue tendo vixencia e proxecta a súa luz sobre o século XXI".

Xosé María Díaz Castro © poetadiazcastro.com
No enterro de Díaz Castro © Xosé Marra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.