O cinema que trouxo maio e traerá xuño

Dominio Público Praza Pública

No blog Cinema na Praza David González fai un repaso polas estreas máis recentes e polos títulos que chegarán ás pantallas ao longo deste mes: Xavier Dolan, Olivier Assayas, Ben Wheatley, Abdellatif Kechiche...

O mes pasado, puxémonos xeográficos: viaxamos desde América a Corea do Sur, pasando por Francia, e, en concreto, Cannes. Pois ben, este mes, dende los35milímetros, a cousa vai de cores. Azuis (e dourados), negros, vermellos… e todas as demais. Explicamos o porqué.

1. Como cada ano, a respiración do mundo do cine detense ao longo dunha semana e media durante mediados de maio. Durante eses días, pouco pasa fóra dunha pequena cidade francesa na que se dan cita os iates máis luxosos cos cineastas máis respetados, e coas gafas máis oscuras. Falamos, claro, de Cannes, cuxos títulos xa apuntamos fai un mes, os que despertaron entusiasmos, eloxios e burlas a partes iguais no certamen da cidade da Costa Azul. E así, a respiración do mundo do cine detívose durante a proxección da Palma de Ouro deste ano, é necesario apuntar, unha das máis unánimes das últimas edicións, non foi de ouro, se non azul. La vie d’Adèle (ou Blue is the Warmest Colour, ou, aquí, El azul es un color cálido), do francotunecino Abdellatif Kechiche, a relación entre dúas rapazas que descubren a súa sexualidade, e polo tanto, todo o que ven despois (a vida), espertou un entusiasmo inaudito entre todas as faccións críticas na Croisette, que a cualificou de “obra mestra” a “bomba fílmica”, pasando por “a película do festival”. Polo resto, Steven Spielberg (presidente do xurado) pintou un palmarés que deixou a todos contentos pola súa certeza e intelixencia. O Gran Premio do Xurado foi para Inside Llewyn Davis, o retrato dos irmáns Coen dun músico folk fracasado na Nova Iorque dos anos 60; o Premio do Xurado, para Like Father, Like Son, o drama familiar do xaponés Hirokazu Kore-eda, o herdeiro máis directo do maestro Yasujiro Ozu; o mellor guion, para o chinés Jia Zhang-Ke polo seu violento retrato do xigante asiático en A Touch of Sin; o mellor director, para o mexicano Amat Escalante polo seu -tamén- violento retrato do país centroamericano en Heli; e os mellores actores, Bérénice Bejo, pola súa actuación en Le passé, do iraniano Asghar Farhadi, e Bruce Dern, pola súa aparición en Nebraska, do estadounidense Alexander Payne, tamén, outras das cintas máis aclamadas. Así, con cores para todos.

A respiración do mundo do cine detívose durante a proxección da Palma de Ouro deste ano, é necesario apuntar, unha das máis unánimes das últimas edicións, non foi de ouro, se non azul: La vie d’Adèle

2. Una das estreas máis interesantes do mes é o que vén de terras inglesas; máis concreto, da campiña. A película do inglés Ben Wheatley, Sightseers (Turistas) segue a unha parella de mozos que van de viaxe na súa caravana pola Inglaterra máis campestre e idílica: sen embargo, por moi boa idea que pareza, acaba sendo unha odisea cara ¿ao inferno? A película envolve as peripecias dos dos protagonistas en sangue, morte, sátira e humor, aquí a cor, negrísimo. Para moitos, unha das sorpresas máis divertidas e frescas do ano pasado, presentada incluso nos festivais de Cannes e Locarno.

3. Unha das películas que máis esperábamos? A mediados de mes chega aos cines Después de mayo, a visión de Olivier Assayas, un dos cineastas franceses máis reputados (e que máis nos gustan), daquela idealizada revolución do maio do 68, entre cánticos, flores e disturbios nas rúas parisinas. Unha revolución moi vermella que Assayas retrata coa súa intelixencia e frescura características, que basea parcialmente nas súas experiencias persoais, e coa que conseguiu o premio ao mellor guion na pasada edición da Mostra de Venecia. Un título, seguro, imprescindible.

Laurence Anyways afianza a súa condición de icona do cine kitsch, pop e gay, compoñendo unha canción multicolor sobre un profesor de instituto de 30 anos, con novia estable, que decide cambiar de sexo

4. Unha soa cor para o novo de Xavier Dolan? Imposible. O precoz (só ten 24 anos) e aclamado (todas as súas películas entraron en Cannes, e moitas delas triunfaron en moitos outros festivais) director quebequés chega por primeira vez ás pantallas do país. Na súa nova Laurence Anyways, afianza a súa condición de icona do cine kitsch, pop e gay, compoñendo unha canción multicolor sobre un profesor de instituto de 30 anos, con novia estable, que decide cambiar de sexo. Un arrebatador exercicio de estilo e liberdade cinematográfica, con grandes alardes videoclipeiros, que asustarán a moitos e encandilarán aos demais; pero que demostra que Dolan ten moito que dicir.

(Por último, a finais de mes, o terceiro encontro de Jesse e Céline, dezaoito anos despois de Antes del amanecer, transportarannos ao azul mediterráneo con Antes del anochecer, pero a isto xa hai que dedicarlle moito máis que unha soa cor.)

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.