No Liceo Mutante non soaba a música dende o pasado 14 de decembro. A Asociación reunida en Asemblea de socios decidira suspender a actividade musical programada até ter solucionado devandito problema coas autoridades. Dende aquel momento, os membros deste espazo cultural tentaron regularizar a súa situación para poder volver ofrecer actuacións musicais. O espazo non dispón de licencia municipal para organizar concertos, aínda que até ese momento o Concello fixera a vista gorda pois non houbera denuncias por exceso de ruído e o local atópase nas aforas da cidade, afastado de calquera vivenda. Despois de dous meses de espera o 16 de febreiro a música volveu ao espazo, cunha actuación de Za!, desafiando a prohibición do Concello.
Despois de dous meses de espera o 16 de febreiro a música volveu ao espazo, cunha actuación de Za!, desafiando a prohibición do Concello
Hai novidades ou o proceso segue en punto morto?
As relacións co Concello de Pontevedra quedaron onde estaban. Chegou un momento no que sentimos que estabamos xusto no punto no que eles nos querían ter: sen actividade musical, morrendo lentamente e sen facer ruído. Logo de ler, con gran sorpresa, as declaracións á prensa nas que Antón Louro falaba duns informes técnicos desfavorables sobre a seguridade do noso local que en realidade non existen -os técnicos nunca pasaron por alí- e de comprobar que contabamos cun gran respaldo social constituído por particulares, colectivos e asociacións xa non só de Pontevedra, senón de todo o Estado, decidimos dar un paso á fronte e retomar a actividade musical porque consideramos que é algo que non prexudica a ninguén, todo o contrario, e porque non queremos morrer sen loitar por algo que cremos que é xusto e demandado por un sector da cidadanía que non pode seguir sendo ignorado.
"Non queremos morrer sen loitar por algo que cremos que é xusto e demandado por un sector da cidadanía que non pode seguir sendo ignorado"
Como foi a festaZA de hai dúas semanas? Que se sente cando xente como ZA e outros moitos levan o nome do Liceo Mutante por toda España e vos apoian tanto?
Foi moi emocionante, cunha gran participación e unha notable afluencia de xente de fóra de Pontevedra. Estabamos por un lado moi contentos por volver a celebrar un concerto, pero á vez moi preocupados polo risco de que volvera aparecer a policía e acabara con todo. É difícil describir a ledicia que supón ver a tanta xente, de todas as idades, apoiando a nosa causa e gozando de novo da música en vivo. Foi un luxo poder contar co compromiso tanta xente para sacar adiante esta xornada.
En canto á repercusión, non sendo algo pretendido, é unha consecuencia natural dunha maneira de funcionar que dilúe as fronteiras entre público e artista. Ao non tratarse dunha relación puramente mercantil conséguese un ambiente moi familiar e un trato moi directo que non é sinxelo atopar nos circuítos comerciais. Para nós é fundamental que a xente que nos visita se atope a gusto na nosa casa e que marche contenta. Queremos aproveitar para agradecer a confianza e o apoio de todas esas bandas, artistas, público, colectivos e demais colaboradores desinteresados que fixeron e fan posible esta realidade.
"O Concello aínda non sabe o que é o Liceo Mutante nin parece comprender a nosa forma de traballar"
Sentídesvos ninguneado polo Concello de Pontevedra? Sentides que non se valora o que construístes?
Na nosa opinión, o Concello aínda non sabe o que é o Liceo Mutante nin parece comprender a nosa forma de traballar. As comparacións co Madrid Arena ou que se nos considere competencia desleal para a hostelaría deixan ben claro que non saben de que están a falar cando se refiren ao Liceo. Non é ningunha novidade esa distancia entre a clase política e a realidade social. Por outra banda, e tendo en conta que este é un proxecto creado pola xente para a xente, si que sentimos que se valora e moito, ademais. A satisfacción nese sentido non pode ser maior e iso é o que verdadeiramente nos enche.
Dende que comezou este conflito e comezastes a campaña de O Liceo Mutante non é un crime notades máis apoio entre a xente.
Si, porque serviu para darlle visibilidade a un problema que a xente descoñecía. Nun principio pecamos de inxenuos confiando no diálogo co Concello e, logo de decatarnos do pouco que lles importabamos e de que o ritmo das conversas era tan lento que nos estaba a afogar, decidimos actuar e facelo visible. Temos moi claro que non estamos a cometer ningún crime e, pola chea de mensaxes de apoio que recibimos, puidemos comprobar que temos moitísima xente do noso lado disposta a chegar con nós ata onde faga falla.
Que obxectivos e proxectos -musicais ou non- tedes para os vindeiros meses?
Ademais de retomar a actividade musical, seguiremos co noso Cineclube dos mércores, co Tece que Tece (obradoiro de calceta) dos luns, co teatro... A principios de marzo comeza un obradoiro intensivo de guión que vai durar dous meses, empezaremos en breve coa organización das nosas xornadas de autoedición para principios de verán... O obxectivo é ir subsistindo para poder sacar adiante todos estes proxectos e os que vaian saíndo.
"Entre as moitas razóns que poden motivar a persecución a este tipo de iniciativas está o feito de que evidencian moitas das carencias da estrutura social"
As Atochas non era legal e acabouse con ela. Vós si optastes por facer as cousas conforme ás normas -alugastes o local- e tamén se vos poñen obstáculos. Por que é tan difícil que permitan levar adiante proxectos autónomos e á marxe dos circuítos establecidos?
Non podemos dicir que fixeramos todo conforme ás normas porque non foi así. Pero si que cremos que as normas teñen que estar ó servizo da xente e que, moitas veces, para que así sexa, é necesario desafialas, replantexalas e incluso cambialas. A simple defensa da norma non é un argumento. Entre as moitas razóns que poden motivar a persecución a este tipo de iniciativas está o feito de que evidencian moitas das carencias da estrutura social, algo que o poder e os que confían nel non están dispostos a recoñecer. Cando se dispón das ferramentas, a aniquilación é moito máis sinxela que a reflexión.
"Houbo socios que, ante o problema co Concello, plantexaron a posibilidade de marchar para algún dos concellos limítrofes. Pero, como somos de aquí e cremos profundamente en que o que facemos é necesario para Pontevedra"
Con recortes cada vez máis grandes do investimento cultural é a hora máis ca nunca da cultura feita dende a base?
É a única opción. Para a meirande parte da cultura leva séculos sendo a única opción, non é nada novo. A cultura é marxinal en esencia, é un desafío constante que medra organicamente desde o máis fondo e continuará a existir con ou sen recortes.
Pensastes en marchar de Pontevedra para tentar levar adiante o proxecto noutro lugar?
Houbo socios que, ante o problema co Concello, plantexaron a posibilidade de marchar para algún dos concellos limítrofes. Pero, como somos de aquí e cremos profundamente en que o que facemos é necesario para Pontevedra, desestimamos esa opción polo momento. Pontevedra, como cidade en crecemento que é, ten que empezar a se familiarizar con novas formas de cultura e de expresión social. Por outra banda, para moitos de nós, sen traballo nin oportunidades á vista, o Liceo Mutante é o único motivo que nos anima a seguir na vila.