O Consello da Cultura denuncia "a carencia dunha política" para o teatro galego

Concentración da Plataforma das Artes Escénicas na Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza Pública

Non son bos tempos para as artes escénicas. O sector atravesa dende hai uns anos unha importante crise que impactou nos empregos e nas estruturas que se foran construíndo nas últimas décadas. O Consello da Cultura vén de publicar o informe As artes escénicas en Galicia: situación e perspectivas, no que analiza a situación do sector e achega propostas de solución, a xeito de reflexión estratéxica e de ferramenta do debate que necesariamente se ten dar, implicando o sector e as distintas administracións. O documento péchase cunha proposta de catorce "liñas de actuación e accións específicas".

O informe foi elaborado, seguindo as pautas utilizadas no documento Reflexión estratéxica sobre a cultura galega, por unha comisión formada por Santiago Prego, Nuria Sotelo, Ángeles Gayoso, Natalia Óllora, Manuel Vieites, Inma López Silva, Eduardo Alonso, Roberto Pascual e Damián Villalaín. Eles e elas realizaron un traballo previo, un diagnóstico inicial que foi remitido aos distintos axentes sociais do sector. Coas achegas de todos redactouse un informe inicial, presentado e debatido nunha xornada aberta no Consello da Cultura o pasado 30 de abril. O informe definitivo, presentado este martes, é o resultado deses debates.

O informe sinala que a maioría das eivas proceden "da carencia dunha política orientada ao desenvolvemento do campo en canto sector estratéxico"

O texto conclúe que o sistema teatral galego presenta "tantas potencialidades como eivas", pero sinala que a maioría destas eivas proceden "da carencia dunha política orientada ao desenvolvemento do campo en canto sector estratéxico", unha política "que debería propiciar a elaboración dun Plan Estratéxico deseñado e consensuado con todos os axentes sociais pero tamén con todas as administracións, entidades e institucións do campo".

Valora positivamente, iso si, aspectos como "incremento de públicos, mellora da calidade, diversidade nas orientacións estéticas, desenvolvemento dunha dramaturxia propia, perspectivas no campo da investigación, vixencia do sector escolar, afeccionado e comunitario e posibilidades de desenvolvemento de múltiples liñas de traballo no eido da animación sociocultural propia das artes escénicas". O informe conclúe que "o desenvolvemento de todas esas posibilidades precisa do esforzo conxunto das institucións e dos diversos axentes sociais que lle son propios ao campo as artes escénicas", un esforzo que se concrete "nun pacto polas artes escénicas" e "un plan de activación e dinamización do sistema en todas e cada unha das súas áreas". 

Sinala como fundamental "a creación dun plan específico de financiamento", e "a creación dun novo modelo de axudas ao teatro que contemple a posibilidade de elaborar proxectos plurianuais, anuais ou circunstanciais"

E sinala como fundamental "a creación dun plan específico de financiamento", e "a creación dun novo modelo de axudas ao teatro que contemple a posibilidade de elaborar proxectos plurianuais, anuais ou circunstanciais, de xeito que as compañías poidan establecer proxectos a longo prazo, ou a elaboración dun plan de activación escénica de espazos escénicos musicais”. Neste senso reclama igualmente "medidas de fomento do emprego, similares ás que se adoitan desenvolver noutros sectores produtivos, orientadas á iniciación e consolidación profesional do capital humano, estratéxico no desenvolvemento e sustentabilidade do sector".

 

14 liñas de actuación

  1. Posta en marcha de compañías residentes de teatro e danza nas principais cidades galegas e en cabeceiras de comarca.
  2. Posta en marcha dun novo modelo de axudas á realización e difusión de espectáculos escénicos, que contemple a posibilidade de elaborar proxectos plurianuais (catro, tres e dous), anuais ou circunstanciais, de xeito que as compañías poidan establecer proxectos a longo, medio ou curto prazo en función do seu funcionamento e expectativas.
  3. Potenciación de espazos alternativos de exhibición escénica e das compañías que os promoven, para fomentar a diversidade na produción e atender as demandas dos diferentes públicos.
  4. Posta en marcha de proxectos específicos de promoción das prácticas escénicas non profesionais, prestando especial atención ás escolares. Promoción específica de proxectos de formación, creación e difusión para estes colectivos.
  5. Posta en marcha dun plan de fomento da demanda escénica, de captación de novos públicos e de axudas a clubs de espectadores, foros de debate escénica ou asociacións de amigos de compañías e teatros.
  6. Elaboración dun plan de activación escénica de espazos escénicos municipais.
  7. Potenciación da presenza das artes escénicas nos medios de comunicación, promoción da crítica e posta en marcha de campañas de información e divulgación das artes escénicas. Fomento do exercicio crítico nos medios de comunicación e creación de marcos para a formación inicial e permanente destes profesionais.
  8. Potenciación das ensinanzas artísticas vinculadas coas artes escénicas nos diferentes niveis e etapas educativas, sexa con carácter formal ou non formal.
  9. Fomento da investigación escénica en todas as súas frontes, especialmente a vinculada cos procesos de creación.
  10. Promoción editorial e escénica da creación dramática galega, potenciando a obra dos autores máis significativos na historia da nosa literatura dramática, apoiando as novas fornadas de autores e autoras e estimulando a aparición de novos valores.
  11. Creación e desenvolvemento de liñas editoriais orientadas á difusión en galego da literatura dramática universal e á divulgación do coñecemento do feito teatral, así como medidas específicas relativas a publicacións periódicas e coleccións especializadas.
  12. Creación do Museo Nacional das Artes Escénicas de Galicia.
  13. Creación do Consello Galego das Artes Escénicas.
  14. Revisión do estatuto da AGADIC e establecemento dun estatuto propio para o CDG e o CCG que garanta a súa autonomía institucional e artística.
Capa do informe © Consello da Cultura Galega
Concentración da Plataforma das Artes Escénicas na Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.