O convento de Herbón logra ser Ben de Interese Cultural

Convento de Santo Antonio de Herbón © SGEP

A aposta pola conservación do patrimonio puido coas presións. O Consello da Xunta decidiu este xoves darlle luz verde á declaración do convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, como Ben de Interese Cultural (BIC). Esta catalogación chega despois dunha longa loita veciñal e de enfrontamento entre o Concello, gobernado polo PP, e as asociacións cidadás que acolle o recinto e mesmo coa orde relixiosa, cuxa dirección provincial decidía o pasado verán o peche do recinto e o traslado do seu prior, un dos valedores do proxecto. Agora ese peche xa non se poderá producir.

A declaración chega despois dun retorno camiño no que o propio Goberno galego chegou a paralizar o expediente que el mesmo iniciara, un freo que daba lugar á perda duns 700.000 euros asignados para a rehabilitación deste conxunto monumental de seis séculos e que, ademais, obviaba os informes favorables da Universidade de Santiago e do Consello da Cultura Galega. Pero, finalmente, a solicitude encabezada polo Seminario Galego de Educación para a Paz, xunto á Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a cooperativa Viravolta e os propios frades que habitaban no recinto chegou a bo porto.

A declaración chega despois de diversas presións dende o propio Concello de Padrón e tras o peche do convento, o pasado verán

A explicación oficial do Goberno galego obvia todo o conflito e mesmo asegura que o Concello padronés está de acordo con que recaia a "máxima protección" sobre "esta mostra excepcional da arquitectura relixiosa en Galicia". A consideración de BIC, sinala a información oficial, "atende as peticións" que "solicitaban a compatibilidade coa actividade agraria, en especial co cultivo do pemento de Herbón, dentro do ámbito de protección do BIC". Esta compatibilidade fóra avalada, por exemplo, pola Universidade da Coruña e rexeitada polo goberno local. Agora a única condición é que "se manteñan a estrutura territorial e as características xerais da paixase cultural do ámbito, fundamentalmente agraria".

Na súa aséptica explicación Cultura sinala que, "respecto ás demandas dos veciños e ao uso do solo" a declaración "tivo especial coidado en establecer límites obxectivamente recoñecibles, sempre que iso fose posible, e a liña perimetral trazouse sobre camiños e lindes de parcelas". "En calquera caso", especifica, "permitirase a implantación de invernadoiros con destino exclusivo ao uso agrario que se instalen con materiais lixerios e facilmente desmontables en todo o ámbito afectdo pola declaración de BIC". Estes elementos agrícolas "non poderán impedir a contemplación do conxunto protexido". Desta volta, a protección patrimonial gaña a partida.

Convento de Santo Antonio de Herbón © SGEP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.