Un ano máis o Pazo da Cultura de Pontevedra ficou pequeno para acoller a marea de público que acudiu ao día grande do Culturgal. Os e as visitantes gozaron dun programa de actividades difícil de abranguer, por amplo, e que tivo como un dos seus protagonistas ao actor Luís Tosar, que se achegou á feira das industrias culturais do país co seu novo filme, Operación E, que chega ás salas de cinema a vindeira semana. Do mundo da arte audiovisual chegaron tamén Luis Iglesia e Xabier Deive, co seu novo proxecto Gaivotas subterráneas, e personaxes da programación infantil da TVG, protagonistas de moitas fotografías con moitos nenos e nenas e con non pouca xente nostálxica que non se resistiu a, por exemplo, compartir posado con Doraemon.
Quen preferiu a música tampouco tivo tempo para o aburrimento na segunda xornada da feira. Os da Ría, co seu Disco Díscolo, o teclista de Los Tamara, Enrique Paisal, poemas de Manuel María na voz de Uxía Senlle ou os novos traballos de Xoán Curiel, Silvia Penide e Emilio Rúa soaron nun día no que tamén houbo tempo para coñecer algúns detalles da vindeira edición do Womex, a feira internacional de músicas do mundo máis relevante que será organizada en Compostela no ano 2014.
Do mundo das letras chegaron ao salón do Culturgal escritores como Pedro Feijóo, Félix Caballero, María e Manuel Lorenzo ou Fernando Cimadevila, que falaron co público das súas obras nun espazo no que tamén houbo lugar para o diálogo, con encontros como o dirixido polo escritor e xornalista Alberto Ramos con Ignacio Escolar, Xosé Monteagudo e Rexina Vega. Do ámbito do xornalismo achegouse tamén ao Culturgal Xosé Manuel Pereiro para presentar Prestige. Tal como foi, tal como fomos, acompañado por Manuel Jabois. Toda a programación do salón púidose seguir, un día máis, a través do streaming da web da feira.
As actividades do salón do Culturgal pódense seguir en 'streaming' a través da web da feira
Mentres todo isto acontecía os máis cativos gozaron cunha morea de actividades pensadas para eles: obradoiros de encadernación e maquillaxe, un concerto de Mamá Cabra, contacontos ou mesmo ciencia, da man do CSIC Galicia. Tamén tiveron a oportunidade de probar a nova plataforma de contos en rede da editorial Galaxia ou os videoxogos didácticos de Komoko. Despois dun día intenso aínda queda Culturgal para todo o domingo, cunha programación que tampouco é pequena.