O fanzine 'Nin pólvora nin magnolias' lanza o seu primeiro número

Capa da revista Dominio Público Praza Pública

Vén de saír á rúa o primeiro número de Nin pólvora nin magnoliasunha revista (ou fanzine) que se define como "contracultural" e que dá espazo a temas vinculados ao underground artístico: música, tatoo, cinema, antropoloxía, entre outros. Segundo o colectivo editor, o fanzine "nace para facer de contrapunto á liquidez" -citando a Bauman- "que non fixo unha excepción á hora de abordar o underground". Buscan, nese senso, "ter algo tanxible, duradeiro, con reminiscencias a un pasado reciente e onde esa neutra aldea global, que fai que o ocio sexa idéntico en calquer latitude do occidente capitalista, fique por uns intres esquecido".

"Vimos do mundo do punkrock e dos fanzines. Dende o limiar vociferamos a nosa filia aos sons dos 77 e todo o que significa"

Explican que "vimos do mundo do punkrock e dos fanzines. Dende o limiar vociferamos a nosa filia aos sons dos 77 e todo o que significa. E significou un movemento que se bifurcou en mil camiños: o activismo, a rebeldía, a roupa, as drogas ou ser antidroga, o vinilo, ligar, a rúa, os instrumentos musicais, o DIY que é o concepto de soberanía no noso, as pelexas, a política, o veganismo…istes e outra manchea de conceptos teñen unha vinculación directa ou inderecta co punk e cada un se adheriu, para ben e en moitos casos para mal, ao que gostou. Queremos ser un medio de difusión, non de evanxelización". É unha revista política? "Claro. Non está adscrita a ningún ismo ideolóxico nin é de análise, mais subxace a firme convicción de que o Estado Español é un estado fallido nos seus devires estructurais", responden.

No primeiro número fálase de Los Cafres, de Terry Chimes, de surf en Galicia, de Woody Guthrie ou de Os Soprano

Nesta primeira edición fálase de Los Cafres, de Terry Chimes, de surf en Galicia, de Woody Guthrie ou de Os Soprano. O primeiro número de Nin pólvora nin magnolias pode mercarse por 3 euros en Compostela (BarTolo, Malas Pécoras, Reixa, Gentalha do Pichel), Ferrol (Fundaçom Artabria), Ourense (Auriense, Rock Club, Secret Bridge), Allariz (Aira das Letras), Vilar de Santos (Arca da Noe), Xinzo (Klan), Lugo (HoGruff, Madia Leva), Vigo (Princesa, Honky Town, Rústiko), Betanzos (Saco), Lisboa (Luis Rattus), Pontedeume (Richi Ricardo Vales) e, proximamente onine en ElBeasto e Hugin e Munin.

 

Capa da revista Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.