Comeza a duodécima edición do Festival Internacional Clown de Galicia (Festiclown) que asentará na cidade de Lugo dende o día 3 ata o 7 de xullo cunha xira que comezou a súa andaina o pasado mes de maio en Rivas Vaciamadrid (Madrid).
Celebrarase en Lugo por contar "cun goberno progresista que aposta pola programación cultural", segundo Fran Rei, coordinador da compañía. Entre conto e risa non falta o contido político que caracteriza ó festival polo seu compromiso coa sociedade, "se tiveramos rido máis no seu momento, as cousas estarían mellor", afirma Rei.
O Festiclown 2.0 Multisede contou na súa inauguración coa concelleira de Benestar Social e Igualdade de Lugo, Ana González, que asistiu á primeira actuación solidaria do festival, "A historia da Brancaflor". Un espectáculo a medio camiño entre o contacontos e a maxia dirixido polo Premio María Casares Avelino González e contado polo actor e cómico Fran Rei. A obra estaba principalmente dirixida aos usuarios e familiares da Asociación de Familiares Enfermos de Alzheimer de Lugo (Afalu) que escoitaron e gozaron, tanto ou máis que os pequenos, da historia de amor entre Xan e a filla do demo, Brancaflor.
"É un humor que conecta con todas as xeracións, nunca hai que deixar de rir"
O Festival Internacional de Clown continuará toda a semana con máis vinte actuacións por toda a cidade. Está destinado "para nenos de todas as idades", comenta Fran Rei, "é un humor que conecta con todas as xeracións, nunca hai que deixar de rir". "O obxetivo principal é divertir á xente nestos cinco días" onde a cidade da Muralla acollerá a compañías de todo o mundo, entre as que destacan entre outras: Capitán Maravilla (Madrid), Os Sete Magníficos máis Un (Galicia), Ale Risorio (Arxentina) ou Wilbur (Málaga). "Esta será unha versión Lost Clown do Festival, que contará cun menor orzamento que en edicións pasadas, pero coa mesma marea de risas que repartir entre o público" explica Iván Prado, o director.
Ademais das actuacións nas rúas e prazas da cidade contan cun apartado formativo e un solidario, compoñentes fundamentáis do Festiclown
A pesar dos poucos recursos o Festiclown 2013 non esquecerá o apartado formativo, que contará con dous cursos de clown e máxia cómica impartidos por Fran Rei e Pablo Muñoz respectivamente, e o apartado solidario, un dos compoñentes fundamentais da programación do festival. Ademáis da colaboración coa Asociación AFALU, contarán cunha exposición sobre o "Festiclown Palestina" e a proxección do documental "Mares de risa" gravado no Fisahara 2012 na que participou, ademáis do Festiclown, a Asociación de Cooperación Internacional Pallasos en Rebeldía.
Comeza un Festival de recoñecida referencia estatal onde, como recoñece a organización, "a rúa volverá ser o punto de encontro casual, ou non tanto, do público lugués coa loucura, o amor e a sinceridade do clown, o circo e a risa que, como defende o Festiclown, cambiará o mundo"