O Festival de Cans recibiu 164 producións galegas

Algúns dos premiados e premiadas © Festival de Cans

O Festival de Cans recibiu este ano 164 producións galegas para compoñer a súa programación, unhas cifras practicamente idénticas ás do ano pasado, cando se recibiron 166. A organización valora moi positivamente a participación "tendo en conta o actual contexto de crise económica e de escaseza de axudas á produción". Recibíronse 82 curtametraxes de ficción, 14 de animación, 56 videoclips e 12 pezas doutros xéneros. A organización está a ver os traballos recibidos, cos que se confeccionará a selección definitiva para a sección oficial e seccións paralelas da décima edición do Festival de Cans, que se celebrará do 22 ao 25 de maio.

A organización valora moi positivamente a participación "tendo en conta o actual contexto de crise económica e de escaseza de axudas á produción"

O número de curtas recibidas superou as expectativas da organización. A cifra é moi importante se temos en conta que o festival se nutre só de producións feitas en Galicia ou por directores e directoras galegas. "Demóstrase así que a pesar do difícil que consiste neste momento conseguir financiamento para a produción de curtametraxes, con escaso apoio das administración, os novos creadores audiovisuais seguen apostando por crear e exhibir os seus traballos", salientan. Este esforzo "cobra maior relevancia no de animación, unha modalidade de produción máis custosa e na que ten un mérito especial conseguir xuntar 14 producións galegas, resultado da forte aposta dos seus creadores por sacar o seu traballo adiante con orzamentos mínimos e sen apoio institucional".

Os organizadores destacan que "a maioría dos videoclips son de grupos independentes que en moitos casos se autoeditan"

No caso do videoclips son maioritarias as propostas chegadas desde o ámbito do pop e do rock, pero tamén hai pezas doutros xéneros como folk e hiphop. Os organizadores destacan que "a maioría dos videoclips son de grupos independentes que en moitos casos se autoeditan e, a pesar diso, non renuncian a contar con videoclip como parte fundamental do seu proxecto desde os puntos de vista promocional e creativo".

 

Premio á banda sonora

O Festival de Cans vai crear un premio á mellor banda sonora orixinal, "dada a calidade da música orixinal nas curtas recibidas"

O Festival de Cans vai crear un premio á mellor banda sonora orixinal, "dada a calidade da música orixinal nas curtas recibidas". Séguese así a recomendación do xurado do ano pasado, que instou ao festival a crear este premio atendendo ao alto nivel existente e como maneira de promover o traballo dos compositores para cine. Con esta nova categoría, entregaranse no festival de 2013 doce premios: nove para curtametraxes, dous para videoclips e un premio de honra. Serán en total 6.200 euros en premios, ademais dos Cans de Pedra que recibirán os gañadores, as coñecidas estatuíñas realizadas polo artesán canteiro local Paco Candán.

O premio de honra Pedigree'13 será para Manuel Manquiña e os chimpíns de prata para a serie de televisión Era visto! e para os catro matrimonios que cederon as casas na primeira edición do festival

Todos estes premios sumaranse aos xa anunciados a semana pasada. O premio de honra Pedigree'13 será para Manuel Manquiña e os chimpíns de prata para a serie de televisión Era visto! e para os catro matrimonios que cederon as casas na primeira edición do festival: Aurelia Fortes e Juan José Carpintero, polo Cuberto de Antonio; Jesús Giráldez e Carmen Saavedra, pola Casa do Carreira; Carmen Fortes e Manuel Bugarín polo Cuberto de Bugarín; e Carmen Pérez e Juan García pola Casa do Pato.

Algúns dos premiados e premiadas © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.