O festival de cine LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso celebrará os días 29 de febreiro, 1 e 2 de marzo a súa segunda edición. Tres días con cinco sesións no Teatro Colón da Coruña co obxectivo de "amosar as diferentes realidades do colectivo LGTBIQ+".
“Que mellor que facelo a través do cinema, unha ferramenta fundamental para a transformación da sociedade e un atallo que nos axude a chegar axiña á igualdade real das persoas do noso colectivo”, comenta Fernando Cayazzo, codirector dun certame que pechou este venres o prazo de presentación de curtametraxes en galego, unha sección que é unha das novidades deste ano.
A iniciativa NCD Educa leva ás aulas de institutos da Coruña o cine LGTBI+ para "xerar debate coa comunidade escolar"
O festival, organizado pola asociación Palestra da Coruña coa colaboración do Concello da Coruña e da cinemateca da Fundación Pedro Zerolo, entrega o premio Marieta á mellor curta, galardón que o ano pasado recaeu en Una dedicatoria a lo bestia, dirixida por Nucbeade, formado pola madrileña Quiela Nuc e a coruñesa Andrea Beade.
Ademais, este mesmo venres 12 Norte Cinema Diverso entra nas aulas coa iniciativa NCD Educa coa que a organización do certame pretende levar ás aulas da Coruña o cine LGTBI+ e "xerar debate coa comunidade escolar".
O IES Eusebio da Guarda será o primeiro centro no que membros das entidades colaboradoras (Fundación 26D, Less Coruña, Comité Anti SIDA da Coruña CASCO e CoruFest) xunto á Asociación Palestra, entren en interacción con profesores e estudantes.
As curtametraxes que se proxectarán na mañá do venres, grazas á colaboración da cinemateca da Fundación Pedro Zerolo, son Pancarta, El mueble de las fotos, Antes de la erupción e 17 minutos con Nora. Ao final de cada unha delas producirase un debate con alumnos e alumnas de 4º da ESO, coa moderación dos directores do NCD, Fernando Cayazzo e Fito Ferreiro.
“Durante varias semanas levaremos as curtametraxes a algúns institutos da cidade para que despois se abran debates entre alumnos e alumnas sobre a trama de cada unha desas curtas. As novas xeracións teñen moito que achegar. Cremos nelas. Malia a polarización nalgúns temas, ábrennos os ollos en moitos asuntos”, explica Cayazzo.
Tras a primeira xornada no IES Eusebio da Guarda, NCD Educa entrará nas aulas doutros tres institutos da cidade: Monte das Moas, o día 25 de xaneiro mais os da Sardiñeira e de Elviña, con datas aínda por confirmar.