O festival Portamérica chega á súa quinta edición unindo músicas e gastronomías das dúas beiras do Atlántico

Bunbury, un dos cabezas de cartel da quinta edición do festival Portamérica Dominio Público Praza Pública

O festival Portamérica naceu en 2012 en Nigrán co obxectivo de tender novas pontes culturais entre Europa e Iberoamérica. Este ano chega á súa quinta edición convertido nun dos máis potentes de Galicia coa súa aposta por grupos de pop e rock de todo tipo, preferiblemente independentes, de ambas as dúas beiras do Atlántico combinados cunha oferta gastronómica con niveis de estrela Michelín.

Os días 15 e 16 de xullo pasarán polo escenario de Nigrán unha vintena de grupos como Molotov ou Bunbury e polos seus fogóns 18 cociñeiros con oito estrelas Michelín

Os organizadores do festival, a produtora viguesa Esmerarte, impulsora tamén do Cultura Quente de Caldas, presentaron esta semana en Vigo o cartel desta quinta edición, que se celebrará como as anteriores no polígono de Porto do Molle, xunto a Praia América. O venres 15 os mexicanos Molotov serán o principal atractivo, acompañados por Amaral, os islandeses FM Belfast, Izal, os tamén mexicanos Nortec Colectiv, Pony Bravo ou o galego Amaro Ferreiro -como en anos anteriores, non sería descartable que o seu irmán Iván dea tamén algunha sorpresa-. O sábado 16 Bunbury é o cabeza de cartel, seguido de Love of Lesbian, os británicos The Undertones, León Benavente ou os galegos Furious Monkey House.

Eles serán os encargados de manter o nivel acadado en anos anteriores por grupos como os portugueses The Gift, os mexicanos Café Tacvba, os portorriqueños Calle 13, os británicos Editors, o irlandés Divine Comedy, ou os varias veces triunfadores Vetusta Morla, combinados sempre cunha importante presenza galega como Xoel López, Siniestro Total, Eladio y los seres queridos ou Novedades Carmiña.

A súa aposta pola gastronomía levouno a conseguir o ano pasado un premio como o festival español no que mellor se come

Pero o festival non é só música. A súa aposta por unha gastronomía de calidade, iniciada xa na súa primeira edición e sempre en aumento, levouno a obter o ano pasado o premio como o festival español no que mellor se come. Este ano o reto asumirano 18 cociñeiros de nivel internacional, boa parte deles pertencentes ao Grupo Nove de nova cociña galega, que suman oito estrelas Michelín. Liderados por Pepe Solla, que o ano pasado atreveuse mesmo a actuar xunto a Xoel López e Iván Ferreiro, nesta ocasión contarán coa axuda de estudantes en prácticas das escolas galegas de hostalería.

O festival, como en anos anteriores, ten zona de acampada, mercado de deseñadores e creadores e rutas gratuítas de autobús desde Vigo, Pontevedra e unha circular no propio Val Miñor. Nesta edición conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, que está promocionando os sete grandes festivais das Rías Baixas (xunto ao Cultura Quente, Atlantic Fest, Sinsal San Simón, Son Rías Baixas, O Marisquiño e Revenidas) como un atractivo turístico máis do sur de Galicia.

Cartel do festival Portamérica Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.