O festival WOS abre cinco días de vangarda en Compostela

Público asistente a unha das proxeccións do pasado ano © WOS

Cinco días. Dez escenarios. Cincuenta propostas de primeiro nivel, entre o culto, a experimentación e a aposta por novos talentos, obras e creadores de vangarda tanto no mundo da música, do cine ou das artes visuais, cos que ademais haberá encontros que permitirán o contacto directo entre autores (como Robert Henke, Nite Jewel e Alan Bishop e público. Este é o Festival WOS, que un ano máis (esta é a cuarta edición) sitúa Compostela na vangarda cultural nos primeiros días de setembro.

O WOS bota a andar este mércores e chegará ata o domingo, pechándose coa actuación de cinco xigantes da música exploratoria como son Greg Fox, Julia Kent, Oren Ambarchi, Sontag Shogun e Western Skies Motel. Todos os horarios están xa dispoñibles na súa web.

A música é a gran protagonista, cun total de 33 actuacións, algunhas abertas ao público xeral, como o concerto dos galegos Boyanka Kostova ou o set da La Isla del Tesoro no Mercado de Abastos. Por riba de todo, destaca a estrea en España da obra audiovisual de Robert Henke, Lumière III, terceira manifestación dun proxecto cuxas predecesoras Lumière I e II foron aclamadas como o máis destacado nos grandes festivais de creación audiovisual de todo o mundo. Henke presentou as súas obras na Tate Modern London, o Centre Pompidou Paris, o PS-1 de Nova York ou a Biennale de Eindhoven entre unha longa lista de centros de referencia para a arte contemporánea. O alemán é tamén un dos principais creadores do software Ableton Live, que desde a súa invención en 1999 redefiniu completamente a produción da música electrónica. O festival acollerá, ademais da estrea, un encontro entre o artista e o público, moderado polo comisario e crítico de arte Jose Manuel Costa.

O cine ocupa tamén un espazo central, a través da alianza entre WOS e NUMAX que ofrecen un programa que contará con dúas estreas en territorio español (Tony Conrad. Completely in The Present e Rage. A Movie About Acid Music) e un clásico de culto reverenciado desde a súa estrea en 1982. 

As novidades desta cuarta edición inclúen tamén a apertura de dous novos espazos no festival: a espectacular terraza do Centro Galego de Arte Contemporánea, que acollerá, baixo o patrocinio de Jägermeister, tres proxectos de electrónica, e novo espazo efémero na cidade destinado á exhibición e creación: a sala La Montiel. O festival, que acollerá máis dunha decena de presentacións de novos discos ou materiais, e que trae por primeira vez a Galicia a máis dunha decena de artistas, conserva no seo o seu cartel un decidido apoio a propostas galegas, e enmárcase nunha atención especial a achegar aos público proxectos pouco comúns.

En definitiva, un festival pensado para sorprender, abrir lugares para a reflexión e o diálogo, e brindar ao seu público unha selección exquisitamente coidada de propostas artísticas e culturais.

 

Unha das actuacións do pasado ano © WOS
Unha das actuacións do pasado ano © WOS
Unha das actuacións do pasado ano © WOS
Participantes noutra das actividades do WOS 2016 © WOS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.