O xoves 9 de agosto saiu a información pública a delimitación oficial do Camiño Primitivo, a vía máis antiga a Compostela. O Foro do Camiño Primitivo, que agrupa 30 colectivos, realiza unha valoración moi negativa do proxecto do Goberno galego. A plataforma levaba moito tempo reclamando a oficialización da delimitación da calzada, necesaria para a súa correcta protección e de feito considera "escandalosa" a demora no proceso, unha demora que nos últimos tempos permitiu, din, "todo tipo de impactos, asaltos e apropiacións sobre o territorio" polo que transita esta vía.
O Foro rexeita "a perversión sistemática da lei de protección de 1996" e denuncia que o proxecto tenta "adulterar con alternativas artificiosas o itinerario histórico da vía primitiva, para consolidar derivas interesadas que foron reiteradamente denunciadas no seu momento". Así mesmo, considera "raquítica" a franxa de 30 metros de protección intensiva para a zona do ámbito BIC, así como "insuficiente" a área de respecto ou de cautela prevista na maioría dos casos para o conxunto do territorio histórico asociado, botando de menos ademais "a inclusión non só de importantes tramos de calzada orixinaria e conexións históricas, senón elementos do patrimonio material e intanxíbel nado ao abeiro desta antiga verea".
O Foro denuncia que o proxecto tenta "adulterar con alternativas artificiosas o itinerario histórico da vía primitiva, para consolidar derivas interesadas que foron reiteradamente denunciadas"
Así mesmo o Foro considera "absolutamente inapropiada" a publicación en pleno mes de agosto, estratexia detrás da cal sospeita "que se esconde unha manobra encubridora nun tema de tanta proxección de futuro e sensibilidade social". A plataforma advirte de que se a Xunta non modifica o proxecto atendendo ás recomendacións dos expertos e colectivos asociados no Foro, solicitará da UNESCO a paralización cautelar do expediente de declaración como patrimonio mundial.