O fotógrafo galego Xan Padrón expón no metro de Nova York 'Time Lapse', que rexistra "a beleza da vida cotiá" das cidades

Mostra fotográfica 'Time-lapse' de Xan Padrón no Metro de Nova York © mtaartsdesign

O fotógrafo galego Xan Padrón está a expor estes días a súa obra Time Lapse nunha localización tan visible e icónica coma o Metro de Nova York. A mostra, que se pode ver na céntrica parada de Bryant Park, compose de sete paneis que inclúen no seu interior un gran número de fotografías. 

Time Lapse, que se pode ver na céntrica parada de Bryant Park, compose de sete paneis que inclúen no seu interior un gran número de fotografías

Padrón, parella da música Cristina Pato, naceu en Ourense en 1969 e dende o ano 2005 reside entre Galicia e Nova York, onde ten o seu estudio no centro cultural Mana Contemporary (NJ). Conta que recibiu a súa primeira cámara da man do fotoxornalista Enrique Reza que espertou nel "a paixón pola fotografía do cotián", do mesmo xeito que o seu pai, o xornalista Luís Padrón espertara nel "a paciencia para escoitar e observar historias". 

Esa fotografía do cotián reflítese no seu proxecto Time Lapse, iniciado no ano 2011, unha colección de retratos de cidades a través das persoas que as habitan, dende Nova York a Londres, pasando por Beixín, Sídney, Berlín, París ou Medellín. Padrón expuso o seu Time Lapse en diversos espazos, dende a sede da Organización das Nacións Unidas en Nova York e nas feiras de arte Photo LA, Art on Paper NYC e The Other Art Fair.

Xan Padrón, no seu estudio © Xan Padrón

Padrón tira imaxes ante unha mesma parede durante dúas horas, recollendo as persoas que pasan por ese lugar e unindo as fotografías a xeito de viñetas que, en conxunto, amosan a diversidade humana da cidade

Para a realización de Time Lapse, Padrón tira imaxes ante unha mesma parede durante máis de dúas horas, recollendo as persoas que pasan por ese lugar e unindo posteriormente as fotografías nunha única composición, a xeito de viñetas que, en conxunto, buscan amosar a diversidade humana existente nunha cidade, neste caso na propia urbe de Nova York, dende Chinatown a Tribeca, pasando polo Greenwich Village. A montaxe lembra igualmente as propias tiras de negativos que quedaban recollidas nos carretes de película.

O artista quere rexistrar "o ecosistema das cidades", atopando "a beleza a través da pausa e dos pequenos xestos colectivos e invisibles da vida cotiá"

"Time Lapse son retratos humanos de cidades arredor do mundo. Son tamén xestos cotiáns, combinados, que crean unha narrativa única da vida nunha parede, nun lugar do mundo", destaca Padrón, cuxa fascinación polo tempo e o movemento xunto coa súa capacidade de desaparecer detrás da súa cámara levouno a reflexionar sobre "canta vida acontece nos lugares aparentemente máis insignificantes dunha cidade".

Time Lapse en Hudson Square, Nova York © Xan Padrón

Os Time Lapses de Xan Padrón foron seleccionados para o programa Art on Link de Nova York, chegando a ser expostos nas máis de 1700 pantallas dixitais públicas da cidade

Nestas fotografías de rúa, o artista quere rexistrar "o ecosistema das cidades", atopando "a beleza a través da pausa e dos pequenos xestos colectivos e invisibles da vida cotiá".

Os Time Lapses de Xan Padrón foron seleccionados para o programa Art on Link (#ArtOnLink) da cidade de Nova York (LinkNYC, CityBridge 2020), chegando a ser expostos nas máis de 1700 pantallas dixitais (e públicas) espalladas por toda a cidade.

A carreira de Xan Padrón coma fotógrafo está tamén ligada á súa antiga profesión coma músico profesional. Durante máis dunha década xirou co seu baixo e a súa cámara documentando a vida que acontecía arredor dos músicos cos que traballaba.

Time Lapse en Botafogo, Río de Xaneiro © Xan Padrón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.