No comezo deste curso o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) lanzou a través das redes sociais unha iniciativa para recoller imaxes de tatuaxes realizadas en galego ou con temática e estética galega. A resposta foi moi boa, e recibiron ao redor de 160 exemplos. "Entre moita xente conseguiuse facer visible unha colección de fotos de tatoos esteticamente moi fermosa e eticamente vinculada a principios de xustiza social. Toda unha obra de arte e de comunicación colectiva froito dun proceso de participación social intenso e cheo de emocións".
As tatuaxes recollidas pódense consultar nun blog creado para a ocasión (www.blogoteca.com/tattoosdagaliza) pero o Clube da Lingua quere ir máis aló e publicar as imaxes nun libro impreso en cor. "Será o primeiro libro sobre tattoos da Galiza, pero é moito máis: é un libro que vincula a nosa lingua e a nosa identidade coa modernidade, a vangarda, o deseño gráfico e a xente nova. Será un libro que reúne tattoos que naceron na intimidade e no persoal e se fixeron públicos e agora poden formar parte do imaxinario colectivo", destacan, explicando tamén que "será un libro con diversos textos de contidos varios: sociolingüística, antropoloxía, deseño gráfico, participación social. "Será un libro de calidade e cun interesante valor histórico", engaden.
"Será o primeiro libro sobre tattoos da Galiza, pero é moito máis: é un libro que vincula a nosa lingua e a nosa identidade coa modernidade, a vangarda, o deseño gráfico e a xente nova"
Para a edición do libro, o Clube da Lingua iniciou unha campaña de recollida de apoios económicos a través da plataforma Ith Crowdfunding. O obxectivo é acadar un total de 2.100 euros ata o 19 de xuño. A partir dos 10 euros cada persoa que apoie a iniciativa obterá un exemplar do libro e un recoñecemento pola súa colaboración. Os cartos servirán para pagar a maquetación, deseño, impresión e envío postal dos exemplares, e tamén para a promoción do proxecto que, explican, non ten ánimo de lucro ningún. Ademais, destacan, "porque somos parte do Movimento Social em Defensa da Língua Galega" o proxecto será "compartido na rede, horizontalmente".
O Clube da Lingua é o nome informal do Equipo de Normalización do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Está formado por profesorado, alumnado e outros membros da comunidade escolar e extraescolar. Leva a cabo durante todo o ano actividades para promocionar o uso normalizado da lingua galega, tanto no propio centro escolar coma fóra del. "O Clube da Língua fai as actividades que fai porque é unha obriga dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino traballar a favor da normalidade social da nosa lingua" -salientan- "E porque pensamos que promover a nosa lingua é unha cuestión de responsabilidade cidadá". "Ademais, desde o noso IES traballamos a favor da lingua porque si, porque nos peta e nos dá a gana, día a día, e porque pensamos que para reverter e mellorar a situación social da nosa lingua debemos promover a participación directa", engaden.