O Gaspar Hauser do novo cinema galego

O quinto evanxeo de Gaspar Hauser Dominio Público Praza Pública

Alberto Gracia obtivo este venres o premio FIPRESCI da crítica internacional no Festival de Cinema de Rotterdam con O quinto evanxeo de Gaspar Hauser. O filme do director ferrolán obtivo un recoñecemento de moito prestixio nun dos festivais de cinema máis importantes do ano e un dos que con máis forza marcan tendencia. O quinto evanxeo de Gaspar Hauser é a primeira longametraxe de Alberto Gracia. Está rodada en 16 mm e branco e negro e conta a historia de Kaspar Hauser, o neno salvaxe de Alemaña que creceu durante 16 anos en silencio e practicamente na escuridade, e que xa foi tratada por Werner Herzog nun filme en 1974.

"Gaspar Hauser foi utilizado por min de alter ego dende hai máis de cinco anos. Para min é un personaxe con moito interese, en relación á súa relación coa linguaxe e polo tanto coas cousas e o outro"

Que percorrido vai ter agora O quinto evanxeo de Gaspar Hauser?

Aínda está por ver, pero con este premio obtido en Rotterdam de seguro vai seguir dando voltas por festivais internacionais. Cantos e cales deles está aínda por verse, como dicía.

Como chegaches a esta historia e ao propósito de rodala?

Gaspar Hauser foi utilizado por min de alter ego dende hai máis de cinco anos. Para min é un personaxe con moito interese, en relación á súa relación coa linguaxe e polo tanto coas cousas e o outro. A primeira aproximación que fixen á súa lenda foi a través da película de Herzog. Máis adiante estiven a investigar sobre esta lenda por outros medios, e utiliceina como pretexto para seguir a facerme preguntas, para tentar saír desta recesión cultural chamada postmodernidade e continuar a traballar co enigma e polo tanto xerando desexos e lugares de representación para estes.

"O meu primeiro achegamento ó cine foi no 2007, axudando a Oliver Laxe a facer unha curta en Marrocos. Quedeí fascinado co proceso, coa diferencia resultante entre o que estas a ver polo obxectivo da cámara e o que resulta ó final do experimento"

Eu veño das artes plásticas, e son unha persoa que traballa multidisciplinarmente. O meu primeiro achegamento ó cine foi no 2007, axudando a Oliver Laxe a facer unha curta en Marrocos. Quedeí fascinado co proceso, coa diferencia resultante entre o que estas a ver polo obxectivo da cámara e o que resulta ó final do experimento unha vez revelado o material. A partir de aqui, desenvolvín un discurso en relación a Gaspar e á linguaxe, onde trataba de dar a entender a necesidade da aceptación relixiosa que supón calquer feito estético, representativo. No 2008 fixen unha curta (Microfugas) e no 2010 escribín un ensaio (Microfugas: Teoría y juego de la profanación) que me levaron a facer esta película, entendendo que o soporte cine era perfecto para o meu cometido, para a miña forma de ver as cousas e materializalas. Agora estou moi contento con esta decisión ainda que foi un proceso duro e cheo de obstáculos.

Por que o branco e negro e o ambiente opresivo do filme?

O branco e negro era esencial para crear unha atmósfera de claroscuro que me interesa para falar de varias cousas. O xogo luces e sombras, con todas as suas connotacións simbólicas subxetivizan o filme e provocan uns estimulos moi concretos no espectador, desmaterializando tanto o tempo coma a espacio no que se encuadra o filme. Este entre paréceme moi interesante como lugar sen identidade concreta sobre o que construir certas concrecións formais. Ó partir dun escepticismo radical e traballar con ironía sobre este a través dunha lenda romántica e un constante cambio da imaxe, facíaseme interesante traballar cun ambiente escuro e de sombras horizontais, así coma con imaxes queimadas, veladas, practicamente brancas, que lle dan ó experimento unha sensación de velado e polo tanto de cousas pouco definidas e enigmáticas. Esta contraposición asemellábaseme interesante en relación á sensualidade da imaxe. O erro e a pouca precisión enfatizan ainda máis esta subxectivización da imaxe.

"Son personaxes arquetípicos e isto fai traballar conceptualmente o espectador, creando tensións e diversas lecturas que nacen da sua relación imposible"

Que representan o anano, a nena vampiro, o mariñeiro e o home co traxe de Batman?

O que representan os personaxes está en mans do espectador, non obstante pode dicirche que parten da idea de representar unha personalidade fragmentada, unha identidade imposible feita anacos que trata de falar da imposibilidade do suxeito, do seu drama, e ó mesmo tempo da absurdidade que supón o trato coa unidade en relación a estes temas. A comunicación entre estes personaxes, se é que se fai posible, vai mais aló da linguaxe. Entre estes adivíñase un abismo pero ó mesmo tempo unha proximidade pois sempre aparecen xuntos no filme, ainda que abducidos. Son personaxes arquetípicos e isto fai traballar conceptualmente ó espectador, creando tensións e diversas lecturas que nacen da sua relación imposible. A aceptación como algo necesario é a mensaxe que tentaba dar en relación a eles e entre eles.

Que recomendacións farias do que viches en Rotterdam?

Apenas tiven tempo de ver cousas, pero pareceume interesante a película de Raúl Ruiz La noche de enfrente e o experimento de Makino 2012, dúas propostas moi diferentes.

"O novo cinema galego? Estamos facéndonos un lugar a ter en conta no panorama internacional"

Un filme do 2012?

Gústame a ironía sutil de Malick e o seu Árbol de la vida, por non darlle voltas de máis á pregunta. Vin algo de Apichapong que me fascinou tamén. Non son moi cinéfilo.

Un filme galego do 2012?

Das que vin, a que mais me gustou foi a de Xurxo Chirro Vikingland, ten unha sorna moi nosa que me interesa moito. Sospeito que Arraianos vaime gustar tamén, coñecendo o director de foto e os productores, que traballaron ambos comigo no meu proxecto.

Cara a onde vai o novo cinema galego?

O novo cinema galego? Ata o infinito e mais aló! como diría aquel personaxe dunha pelicula para nenos. Estamos facéndonos un lugar a ter en conta no panorama internacional. Galicia calidade.

O quinto evanxeo de Gaspar Hauser Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.