O Goberno dálle un novo golpe á cultura. O Boletín Oficial do Estado deulle para diante a unha directiva da Unión Europea que establece que toda biblioteca de localidade maior de 5.000 habitantes terá que pagar un canon por libro prestado ou por usuario do centro ás sociedades de autores e editores. E fíxoo en agosto e sen demasiada información sobre como se levará a cabo este imposto á lectura.
As bibliotecas de localidades de máis de 5.000 habitantes terán que pagar un canon por libro prestado ou por usuario ás sociedades de autores e editores
Esta normativa implica que o usuario poderá seguir sacando libros de préstamo a custo cero e usando a biblioteca, pero por cada libro que se preste (desde 2016) ou cada usuario rexistrado a biblioteca (desde xa) terá que pagar ás asociacións de autores unha cantidade que sairá, obviamente, dos seus fondos. Os centros de lectura que sufragan os concellos e, xa que logo, a cidadanía, volverán levar un pau.
Os concellos deberán pagar 0,004 euros por cada vez que unha biblioteca pública preste un libro a un cidadán, un concepto que comezará a aplicarse en xaneiro de 2016. Non obstante, e desde este mes de agosto, as administracións locais xa terán que pagar cinco céntimos de euro por cada usuario que empregue este servizo cando menos unha vez ao ano. Ademais, e mentes non entre en vigor o pago por obra, deberán pagar 16 céntimos por cada libro que compren para os seus fondos, algo que xa se establecera en 2007 en cun importe algo maior. Os centros que dependen da Xunta e os nodais líbranse deste novo canon.
"As bibliotecas públicas son as grandes olvidadas; traballamos a prol da cultura e só recibimos golpes", din os bibliotecarios municipais
"É o colmo porque as bibliotecas municipais xa están a ser as grandes olvidadas; traballamos moitísimo a prol da cultura e tan só recibimos golpes a través de orzamentos baixos... E agora isto. A medida é inaxeitada e estamos totalmente en contra", denuncia María Jesús Álvarez, presidenta da Asociación de Bibliotecarios Municipais de Galicia (ABMG).
Pero a nova normativa ten moitas dúbidas. Segundo se tira do Real Decreto publicado o 1 de agosto no BOE, este canon determinarase tamén segundo os volumes actualizados da biblioteca e o número de usuarios. "Non sabemos moi ben como van facer porque a orde é difusa, pero ter imos ter que pagar", insiste Álvarez, que recorda que "a administración local somos todos e todas". A ABMG lembra que este "sobreprezo engadido" únese á situación actual, na que a compra de libros para os centros públicos xa non contan co desconto do que antes si gozaban.
A nova normativa implica que a biblioteca que máis libros preste pode acabar sendo a máis prexudicada
A nova normativa pode provocar situacións surrealistas, como que a biblioteca que máis libros preste acabe sendo a máis prexudicada e teña problemas para obter os fondos que lle permitan renovar a súa colección. Tal e como lembra María Jesús Álaverz, podería darse o paradoxo de que un centro teña que reducir o préstamo de libros ou a renovación de títulos para evitar o peche ou o empeoramento dos servizos que dá á cidadanía.
Ante esta situación, e á espera de coñecer máis detalles do regulamento, a AMBD xa impulsou mocións en varios concellos para situarse en contra desta medida. O pleno do Concello de Foz, por exemplo, rexeitou a nova normativa por unanimidade. En Galicia hai máis de 300 bibliotecas públicas e, aínda que a idea é que o canon non afecte a aqueles municipios de menos de 5.000 habitantes, a situación para vilas e cidades -e canto máis lectores peor- non será doada. Sobre 160 estarán obrigadas a pagar.
En Galicia, arredor da metade das bibliotecas municipais (sobre 160) terán que pagar este novo canon
"O real decreto foi sacado con alevosía e sen información en pleno mes de agosto", quéixase Álvarez, que advirte que, en canto se coñezan máis detalles, a súa "loita" será minimizar os efectos da normativa. "Quen sabe de onde podemos sacar os cartos ou como reducir o impacto, pero esa será a nosa pelexa", di a presidenta da AMBD.
Este novo canon será xestionado polas empresas privadas xestoras de dereitos de autor (cómpre lembrar que entidades como a Sociedade Xeral de Autores e Editores, SGAE, están baixo investigación polo desfalco das súas contas), e denomínase Dereito de remuneración aos autores polos préstamos das súas obras realizados en determinados establecementos accesibles ao público. Ademais, e segundo os primeiros datos, non importa os dereitos de autor aos que estea acollido o libro: xa sexa unha obra xa libre de dereitos de autor, unha obra que pola súa antigüidade xa sexa pública, ou unha obra con dereitos de autor, as bibliotecas terán que pagar por igual.