"A liberdade respira entre acción e pensamento". É o lema que acompaña A modo, o novo disco de Abe Rábade. O músico compostelán preséntao este mércores 23 de maio, ás 21:00 horas no Teatro Principal, seguindo a liña iniciada no seu anterior álbum, Zigurat, sen deixar de explorar novos xeitos de expresión, como as mudanzas de atmósfera no interior dos temas. E, para quen non poida ir a Santiago, aínda haberá outra oportunidade de escoitar o trío formado por Abe con Pablo Martín e Bruno Pedroso, o día 24 no Café Latino de Ourense.
O teu disco anterior, Zigurat, marcou unha evolución cara a un traballo máis contido, máis introspectivo, menos visceral. Este novo álbum, A modo, xa desde o título suxire que segues por ese mesmo camiño. É así?
Si, eu sinto que A Modo é unha evolución natural de Zigurat. A transición entre un e outro repertorio foi moi paulatina, introducíndose os temas novos que acabarían conformando este disco nos concertos en directo do trío. Deste xeito, hai unha continuidade clara. Isto non impica que non haxa unha evolución clara da formación cara unha maior interactividade e maior control das dinámicas e texturas por parte de nós os tres.
"Sinto que A Modo é unha evolución natural de Zigurat"
Como en Zigurat, volves pensar ben o "movemento emocional" deste disco, con subas e baixadas da intensidade. 9 contra 4 vai gañando en intensidade, despois baixa a rapidez en Tránsito, volve subir en Arabesco de Iria, avanza moi despaciño en A modo. Perdas ten un certo ton non sei se dicir melancólico, que despois pasa á alegría do swing de Cómico, irónico, Sónico... Como concibiches a estrutura, desta volta, segundo o concepto de cada tema?
Creo que os discos teñen moitas concomitancias coas novelas a nivel estrutural. Nunha novela os capítulos teñen unha orde específica. Un álbum musical, na miña opinión, tamén debe ter unha orde específica precisamente para garantir un certo movemento emocional. Para iso un ten que escoitar o disco como un oínte máis (xa non como o compositor ou o intérprete do mesmo). Neste traballo tiven a dúbida ata case o último momento de cal debera ser o primeiro tema (Tránsito nº3 ou 9 contra 4)... Decanteime polo 9 contra 4 como apertura do traballo, entre outras moitas cousas porque o Tránsito 3 soa mellor de segundo tema, despois de soar o outro. Creo que sempre hai unha orde que misteriosamente funciona mellor que calquera outra. Soamente se debe ter a calma para observar de cal se trata e plasmala no traballo.
"A liberdade respira entre acción e pensamento", é o lema que abre o disco. Por que o escolliches?
Creo que o pequeno ou grande espazo para a liberdade das persoas consiste en percorrer o camiño entre os soños que un día se presentan na imaxinación e a súa posta en práctica no mundo real. Esta idea implica vivir a vida que algún día se imaxinou que podería ser vivida.
"Creo que o pequeno ou grande espazo para a liberdade das persoas consiste en percorrer o camiño entre os soños que un día se presentan na imaxinación e a súa posta en práctica no mundo real"
Xa tocaras o fado Carmencita no concerto no que deches a coñecer Zigurat en Santiago. Nunca esqueces a relación con Portugal, e de feito gravastes alí os dous últimos discos. Como deches con este tema?
Pois a historia de Carmencita é ben curiosa... Unha tarde de agosto de hai dous anos estaba coa miña muller Iria na vila portuguesa de Alcácer do Sal. Ía unha calor abafante e decidimos tomar un cafeciño á sombra nunha praza do pobo. De súpeto unha muller maior que estaba sentada na mesa do lado púxose a cantar un fado diante dos seus. Cantaba como os anxos. Cando rematou o primeiro fado pedinlle permiso para gravar o seguinte co teléfono móbil. Deume o permiso e incluso se sentiu fachendosa naquel momento. Cantou o Carmencita, volvín coa gravación para Galiza, transcribina, reharmonicei a melodía, ensaiámola e... no A Modo está. Paréceme unha historia bonita e un xeito verdadeiramente fermoso de aprender unha peza. A muller chámase Luz do Alcácer.
Ao mesmo tempo, é un disco cheo de homenaxes. Desde o propio Carmencita a Tránsito nº 3, que lembra a Jamal. Ou mesmo os standards que che serven de base nalgúns temas: It's you or no one, What is this thing called love... Sempre falas sen problema das túas influencias. Como influíu neste disco o propio desenvolvemento do trío con Pablo e Bruno, en todos os concertos que destes con Zigurat?
Moi positivamente, xa que creo que o trío neste momento é unha plataforma para a expresión musical dos tres sen concesións. No caso concreto de Pablo Martín, ábrese para trío a influencia da musica flamenca e tamén do clásico. No caso concreto de Bruno Pedroso sempre hai espazo para as texturas sorpresivas propias da música improvisada-libre (na que é un auténtico mestre). A miña intención como líder é que tanto Bruno como Pablo sintan que o trío é un lugar no que colle a súa maneira musical de ser. E a partir de aí... a onde a música nos queira levar.
"A improvisación e a creación espontánea de variacións harmónicas, melódicas e rítmicas é fundamental neste disco"
Parte dos temas inclúen sos. Nuns hai maior intercambio entre piano e batería, noutros máis entre piano e contrabaixo, noutros os tres instrumentos dialogan á vez. Pensástelo así? Cal é o papel que xoga, en todo iso, a improvisación?
A improvisación e a creación espontánea de variacións harmónicas, melódicas e rítmicas é fundamental neste disco. Creo que o jazz ten esta posibilidade única, esta capacidade de estarse creando e re-creando constantemente de versión en versión. Os temas do disco sofren modificacións sempre nos directos... Nunca hai dúas versións iguais. Ás veces chegamos tamén a modificar os arranxos co paso do tempo, pois os temas evolucionan cara aí de maneira natural, atopando a súa nova estrutura de partida a través da cantidade de veces que son revisitados. Decidimos explotar esta cuestión con dúas tomas “evolucionadas” dos temas Chanson nº6 de Mompou e Zigurat. Tras gravar o A Modo, no mesmo estudio de madrugada revisitamos estes dous temas contidos en Zigurat para ter versións novas en estudio. Pódense descargar estes dous cortes gratuitamente na miña web www.aberabade.com
Non deixas de lado, tampouco, a visceralidade. En Zigurat Xiket rompía a calma, cunha aposta clara pola enerxía, a contundencia. En A Modo, se cadra a alternancia entre maior e menor enerxía se traslada máis ao interior de certos temas, como o propio A Modo. De feito, algúns como 9 contra 4 amosan uns fortes cambios internos. Foi esa a aposta?
Si, claro! A composición A Modo é moi episódica. Xorden nela moitos estados de ánimo diferentes, a visceralidade entre eles tamén. O 9 contra 4 ten por veces esta cor tamén, así como o Arabesco da Iria en certos momentos. Creo que debe haber un abano amplo de sensacións nun traballo discográfico. Neste disco, se cadra por primeira vez experimentei fortemente con varios cambios de atmósfera e as súas transicións no mesmo tema.
"Foi moi interesante ter a experiencia de compor para cine. É un proceso creativo moi curioso, pois antes de escribir unha soa nota tes que facer unha lectura moi clara do filme en clave sicolóxica e en clave simbólica"
Sempre hai confluencia, no teu traballo, con outras artes, e por suposto outras músicas: a poesía en Rosalía 21, as músicas portuarias en Nordestin@s... Anunciaras o ano pasado que iades gravar a banda sonora da película A cicatriz branca de Margarita Ledo. Como foi ese proxecto?
Pois foi moi, moi interesante ter a experiencia de compor para cine. É un proceso creativo moi curioso, pois antes de escribir unha soa nota tes que facer unha lectura moi clara do filme en clave sicolóxica e en clave simbólica. Despois están o factor temporal da música asociada a cada secuencia que debe ser medida escrupulosamente, o aspecto motívico asociado ás ideas-forza da película e a cuestión do tratamento tímbrico e a escolla de texturas ao longo do filme. Para o trío foi unha experiencia fantástica e eu volveríame embarcar encantadísimo noutra banda sonora mañá mesmo!
Falando de proxectos paralelos, Alberto Vilas está a presentar o seu disco, o terceiro de Azos Jazz. Como definirías ese álbum?
Reseñaría o grandísimo valor das súas composicións. Alberto escribe cunha dirección fabulosa. O traballo ten un grande equilibrio interno en tempos e atmósferas. Moi bo álbum!
Tes algún proxecto máis para os próximos meses? Cal?
O próximo proxecto que teño en mente é un disco de versións tamén co Abe Rábade Trío. Gravarémolo o ano que ven. Xa temos unha lista duns 17 temas agora que haberá que peneirar ata quedarmos cuns 9 ou 10. Será o meu primeiro monográfico de versións e téñolle moitas gañas!