O malditismo, de Baudelaire a Cobain ou Panero, na Cidade da Cultura

Cartaz da xornada © Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura acollerá o vindeiro sábado 28 de xuño, no marco do ciclo Nexos, unha xornada de debate sobre Malditos, transgresores, inadaptados… A excentricidade como pauta de vidaque o pasado mes de maio tivera que ser adiada ante a ausencia de Vicente Molina Foix. O escritor será un dos participantes nunhas actividades que comezarán ás 12 do mediodía no Centro de Innovación Cultural, e que tamén contarán coa palabra de Bieito Iglesias. Ademais, Maite Dono, poeta, cantante e actriz, realizará unha perfomance poética, na que mesturará texto e son dunha maneira improvisada.

Participarán Vicente Molina Foix ou Bieito Iglesias

A sesión estará dedicada "a eses artistas do século XX que encaixan nesa estirpe de seres escuros, malogrados, incomprendidos, devotos dos camiños do exceso e con escaso apego á saúde". Mártires do rock, desde Janis Joplin a Kurt Cobain, de Sid Vicious a Amy Winehouse, e tamén poetas como Baudelaire, o Conde de Lautréamont ou Leopoldo María Panero. "Vidas tráxicas e bohemias coas que se podería debuxar un santoral negativo", engádese dende a organización do ciclo. A asistencia é de balde, previa inscrición a través da web do evento

De forma paralela, nenos de entre 5 e 12 anos poderán achegarse ao tema do maldistimo nas artes a partir das obras O Retrato de Dorian Gray, Frankestein e Drácula como expoñentes universais do concepto romántico de maldistismo. A sesión infantil comezará cunha sesión de contacontos adaptado ao público infantil da historia contada nas novelas. Explicarase a trascendencia que tiveron no imaxinario artístico universal, asociándoo a temas e obras de moda como Crepúsculo. Falarase do éxito e do fracaso e plasmarán un imaxinario propio de artistas, personaxes e arquetipos malditos do romanticismo nun mural colectivo.

Falarase de mártires do rock, desde Janis Joplin a Kurt Cobain, de Sid Vicious a Amy Winehouse, e tamén poetas como Baudelaire, o Conde de Lautréamont ou Leopoldo María Panero

Será a derradeira acción do ciclo Nexos, que dende o 1 de febreiro propuxo un diálogo entre a literatura e outras áreas de coñecemento, a ciencia, as artes, o pensamento, ou a sociedade. Nas sesións anteriores, explorouse a pegada bélica na cultura europea cando se cumpre un século da I Guerra Mundial; debateuse se as letras das cancións se poden considerar un xénero literario; e rendéuselle unha homenaxe a Octavio Paz.

Cartaz da xornada © Cidade da Cultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.