O mexicano Nicolás Pereda será un dos protagonistas do Play-Doc

Nicolás Pereda Dominio Público Praza Pública

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, que se celebra do 2 ao 6 de abril, dedicaralle unha retrospectiva integral ao realizador mexicano Nicolás Pereda. Este novo director, de trinta e poucos anos, conta xa no seu haber con nove películas e é habitual de festivais como Cannes, Locarno ou Venecia, onde resultou premiado na sección Orizzonti en 2010 polo seu filme Verano de Goliat. O seu estilo caracterízase pola fusión entre a realidade e a ficción, co ánimo de “evocar o sentimento dun pobo enteiro”, o contraste entre o campo e a cidade, o mundo do traballo, as diferenzas entre ricos e pobres, a intimidación do exército, as relacións de parella... 

O seu estilo caracterízase pola fusión entre a realidade e a ficción, co ánimo de “evocar o sentimento dun pobo enteiro”

Outro dos aspectos máis destacables no seu cinema é o modo no que os seus actores fetiche, Teresa Sánchez e Gabino Rodríguez, van medrando en cada filme, desde a súa ópera prima ¿Dónde están sus historias? (2007) até a máis recente El palacio (2013), interpretándose a si mesmos, en papeis con sutís variacións, nos que o proceso de construción do personaxe, cos seus ensaios e repeticións, móstrase ao espectador, a modo de reflexión sobre como se representa un relato.

Outro dos aspectos máis destacables no seu cinema é o modo no que os seus actores fetiche, Teresa Sánchez e Gabino Rodríguez, van medrando en cada filme

O propio Pereda explícao moi ben, ao falar do seu maior éxito ata o momento, Lo mejores temas (2012): “Logo de facer algúns filmes cos mesmos actores interpretando papeis similares, decidín facer unha película sobre o proceso de representación. Isto abriu un mundo de novas posibilidades, incluíndo os ensaios, as repeticións e as interaccións entre personaxes de ficción e os actores que interpretan a eses personaxes. Seguín esta procura mediante a substitución dun dos actores co meu tío, á metade de rodaxe. O meu tío entra na película como un obxecto documental que ten que relacionarse cos personaxes de ficción que actúan coma se el fose un deles”. Esta inxerencia do documental na ficción, ou viceversa, e a reflexión e a deconstrución do relato cinematográfico, xunto cun particular sentido do humor, son aspectos comúns a toda a súa filmografía.

Ademais de presentar todas as súas películas, Pereda ofrecerá unha clase maxistral, o sábado 5 de abril, ás 5 da tarde, aberta tanto a profesionais coma a público en xeral. Algúns dos filmes do cineasta poderán verse posteriormente no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), en réxime de colaboración coa filmoteca galega.

Nicolás Pereda Dominio Público Praza Pública
Fotograma de 'Verano de Goliat' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.