Un litoral inzado de patrimonio: publícase o catálogo de bens de valor cultural na costa galega

Localización dos bens culturais catalogados no litoral galego, sobre unha imaxe da ermida da Virxe do Porto, en Meirás (Valdoviño) © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Xoán Seoane

A Xunta saca a información pública o Catálogo de bens de valor cultural no litoral, un documento que detalla un total de 1.582 elementos na costa galega que destacan "polo seu valor patrimonial, arquitectónico ou cultural"

Este martes a Xunta sacou a información pública o Catálogo de bens de valor cultural no litoral, un documento que detalla un total de 1.582 elementos na costa galega que destacan "polo seu valor patrimonial, arquitectónico ou cultural". Dende este mércores e ata o 1 de decembro pódense realizar achegas e reclamacións a esta relación de elementos que se publica ao abeiro da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga).

Entre os 1.582 bens identificados, a meirande parte (630) aparecen clasificados como de tipo arquitectónico; 392 son arqueolóxicos; 348 son etnolóxicos; 182 encaixan na categoría industrial; e 12 cualifícanse como artísticos. 

A Xunta salienta así mesmo que todas aquelas edificacións costeiras pertencentes ás categorías arquitectónica e industrial -812 en toda Galicia- "serían susceptibles de solicitar un cambio de uso respecto daquel para o que foron concibidas orixinalmente sempre que sexa compatible coa súa conservación e protección".

As edificacións costeiras pertencentes ás categorías arquitectónica e industrial -812 en toda Galicia- "serían susceptibles de solicitar un cambio de uso respecto daquel para o que foron concibidas orixinalmente sempre que sexa compatible coa súa conservación e protección", destaca a Xunta

Neste senso, o Goberno galego sinala que "aínda que non se materialice en todos os casos, esta vía abre novas posibilidades para a recuperación dalgúns destes bens, entre os que hai faros, muíños, antigas fábricas e outros edificios de carácter industrial, mediante a execución de proxectos que sexan compatibles e respecten os valores e características que precisamente lle valeron a súa catalogación". "Ademais, este tipo de iniciativas tamén poden contribuír ao desenvolvemento sostible da costa e con el, á súa revitalización", engade.

O Goberno galego conclúe que o catálogo proposto é "unha ferramenta inédita en Galicia que permitirá dar un salto cualitativo na xestión do patrimonio costeiro xa que impulsará a rehabilitación e posta en valor de bens ligados ao mar cun valor arquitectónico, histórico, cultural ou industrial co fin de darlles unha segunda vida".

Poio, Porto do Son e Cambados son os concellos cun maor número de bens identificados

A Coruña é a provincia cun maior número de elementos catalogados, con 817, seguida da costa de Pontevedra, con 640, e da de Lugo, con 125. Porén, o concello que suma un maior número de bens culturais no catálogo é pontevedrés. Trátase de Poio, con 125, tantos coma todo o litoral lucense. Na lista seguen Porto do Son (61), Cambados (60), Muros (57), Vigo (56), A Guarda (52) e Noia (52). Un total de 86 concellos contan con algún ben cultural catalogado nesta relación.

Un total de 86 concellos contan con algún ben cultural catalogado nesta relación

Como punto de partida tomouse un inventario realizado polo Goberno galego no ano 2019 e no que se recollían 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salgaduras, conserveiras...) dos que se tiña unicamente información moi básica. A partir de aí, ao longo deste verán levouse a cabo "un exhaustivo traballo de campo" que "actualizou, ampliou e enriqueceu, tanto cuantitativa como cualitativamente, o inventario inicial". 

O catálogo completo, con documentos detallados para cada un dos 86 concellos, pode consultarse nesta ligazón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.