As dúas pezas, atribuídas ao pintor holandés Dieric Bouts, foron adquiridas "de boa fé" polo Museo a través da colección Fernández López e unha investigación recente descubriu a súa orixe
Hai uns meses, en pleno confinamento, Mariusz Wiśniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra para preguntarse por dous cadros conservados no Museo, un díptico formado por unha ‘dolorosa’ e un ‘ecce homo’ atribuído ao pintor holandés Dieric Bouts. O Goberno polaco descubrira que as pezas pertencían á Colección da Princesa Czartoryski en Gołuchów que fora espoliada polo exército alemán durante a Segunda Guerra Mundial.
As pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973 e finalmente foran adquiridas "de boa fe" en 1994 polo Museo de Pontevedra como parte da colección Fernández López, un total de 313 pinturas de autores e cronoloxías diversas.
En xaneiro amosaranse ao público nunha exposición que servirá para facer pedagoxía sobre os espolios na arte
O Museo, unha vez coñeceu a "escura orixe" destas dúas pezas, tomou a determinación de devolverllas aos seus lexítimos propietarios, e así o fará “con orgullo e por reparación histórica” nos vindeiros meses, segundo confirmou este venres o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.
“Estamos sumamente contentos. Ímolas devolver con sumo gusto. É unha restitución histórica, reparar algo que foi un espolio a man armada, un abuso”, afirmou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera
Antes, as dúas obras (que ata agora permanecían na sala de reserva) serán expostas ao público no mes de xaneiro para “darlle unha despedida con todas as honras”. A mostra, que se inaugurará á volta do Nadal, servirá tamén para facer pedagoxía sobre os espolios na arte. “Estamos sumamente contentos. Ímolas devolver con sumo gusto. É unha restitución histórica, reparar algo que foi un espolio a man armada, un abuso”, afirmou este venres en rolda de prensa César Mosquera.
Pola súa banda, o director do Museo, Xosé Manuel Rey, destacou que dende o primeiro momento “a nosa preocupación foi que o Ministerio de Cultura de Polonia nos recoñecese como adquirentes de boa fe, e obrar de acordo coa normativa internacional e co código deontolóxico de museos do ICOM (Consello Internacional de Museos)” e engadiu que "é o momento de “converter un problema nun éxito de colaboración entre as institucións pertencentes a ambos países”.
“Desde o momento no que tivemos coñecemento desta delicada circunstancia tratamos de determinar a trazabilidade e analizar as condicións nas que chegaron ao Museo de Pontevedra”, dixo o director do Museo
Así mesmo, Rey comentou que “desde o momento no que tivemos coñecemento desta delicada circunstancia tratamos de determinar a trazabilidade e analizar as condicións nas que chegaron ao Museo de Pontevedra”. “Descoñecemos onde e en que momento foron adquiridas por Fernández López, pero todo parece indicar que puido telo feito nun dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual”, sinalou.
O díptico está atribuído ao pintor holandés Dieric Bouts (1420-1475), principal representante da Escola de Lovaina, e constitúen un bo exemplo dunha tipoloxía de éxito creada por Bouts, da que se conservan numerosos exemplares en museos e coleccións particulares. No caso destas dúas pezas, a súa valoración rolda os 23.000 euros cada unha, ao facer unha estimación en base ao prezo pagado por toda a colección Fernández López (600 millóns de pesetas).