O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) abrirá as súas portas este xoves despois de 4 anos en obras e 10 millóns de euros investidos. O edificio está ubicado no parque de Frigsa e recibíu numerosos recoñecementos internacionais pola súa singularidade arquitectónica. Haberá xornadas de portas abertas todos os días pola tarde para que os lugueses e luguesas poidan visitalo.
O conxunto arquitectónico subterráneo está formado por cilindros de máis de 8 metros de altura. A cuberta do edificio é, en realidade, un gran xardín arborado de 11.300 metros cadrados, no que aparecen un conxunto de patios circulares afundidos. A idea dos arquitectos Nieto-Sobejano, autores do proxecto, é a dun parque-museo, é dicir, un edificio que xorde da relación coa paisaxe. En realidade gran parte do edificio queda semisoterrado baixo un amplo xardín que se vincula ao próximo Parque da Milagrosa
A exposición de Arte Contemporánea coa que o MIHL comezará a súa andadura inauguraráse o día 29. Trátase dunha exposición colectiva dos principais artistas contemporáneos galegos que acollerá obras cedidas polo CGAC e creacións chegadas dende Nova York de artistas como Murado ou Paco Leiro. A mostra leva por título A obra elixida, artistas galegos dos últimos 30 anos e nela son os propios artistas os que escollen unha obra súa, representativa da súa traxectoria, para esta exposición, convertida así nunha antoloxía da Arte Contemporánea galega. A comisaria da mostra será a lucense Mónica Alonso. Antón Bao destacou que será a mostra máis importante das que se realizarán en Galicia neste ano.