O Observatorio do Audiovisual pide cambios e maior dotación nas axudas ao talento

Un fotograma de Arraianos, de Eloy Enciso Dominio Público Praza Pública

Entre 2006 e 2010 as axudas ao talento para o audiovisual galego deron luz a unha manchea de producións e de creadores que recolleron eloxios e premios para o cinema galego en todo o planeta. Nacera mesmo unha etiqueta, novo cinema galego, que serviu para xuntar un grupo moi heteroxéneo de cineastas, unidos pola súa xuventude, calidade, propostas arriscadas e fóra dos circuítos comerciais. Os éxitos e recoñecementos de Óliver Laxe, Xurxo Chirro, Lois Patiño, Xacio Baño, Alberte Pagán, Ángel Santos e de tantos outros non eran casuais. Había talento e había axudas ao talento detrás. En 2010 O filme de Óliver Laxe Todos vós sodes capitáns recolleu o premio da crítica da Quincena de realizadores de Cannes, partindo dunha das axudas ao talento que o AGADIC ofrecera en 2009.

A partir de 2009 a contía das axudas comezou a descender, até que desapareceron en 2012. Mesmo se chegou a lanzar unha campaña para pedir a súa restitución. En 2013 regresaron, cunha dotación moito máis reducida e cun espírito distinto ao orixinal. No 2014 houbo unha nova convocatoria, que o Observatorio Audiovisual de Galicia vén de analizar nun completo informe.

"Naceron co espírito de ampliar o espectro do cinema feito en Galicia, e apoiar outro tipo de producións máis persoais"

Nos seus primeiros anos a dotación para estas achegas chegou a ser de 400.000 euros anuais. Os cartos entregábanse ademais aos creadores, a persoas físicas, sen necesidade de que mediase unha produtora ou calquera tipo de empresa. Isto era así porque "naceron co espírito de ampliar o espectro do cinema feito en Galicia, e apoiar outro tipo de producións máis persoais", como destaca o informe. De igual xeito, hai dous anos Xacio Baño destacaba en Praza que “as axudas ao talento fan que haxa voces propias, e non só produtos prefabricados”.

Nisto, as axudas ao talento galegas foron pioneiras en todo o Estado. Como destaca o informe, "as Axudas de Talento son únicas no Estado español, e é moi difícil atopar axudas igual a nivel mundial. Este tipo de apoios directos aos creadores son recoñecidos por outras administracións, por festivais, programadores e críticos. Por unha vez imos marcando o camiño".

O estudo fai un percorrido pola evolución destas axudas, sinalando algunhas das súas características e virtudes iniciais, hoxe perdidas en parte. Destaca que o orzamento destinado para as Axudas de Talento en 2014 é de 145 mil euros, recoñecendo un incremento dende a cantidade consignada en 2013 (grazas á recuperación das achegas para Longametraxes), pero lembra que a actual dotación é moi inferior, por exemplo, á de 2009 (400 mil euros). En dúas das tres categorías (guión e curtametraxes) as axudas non só non crecen, senón que se seguen recortando. Ademais, a recuperada categoría de Longametraxes está dirixida non aos creadores individuais, senón ás empresas produtoras, pois nas súas bases introducen "en contra da natureza e o xerme destas axudas" a necesidade de concorrer como autónomo ou cunha produtora.

O texto destaca así mesmo "os espectaculares logros dos filmes apoiados coas Axudas de Talento, que ao longo dos anos superou con moito as expectativas depositadas nesta categoría"

O estudo realiza outras críticas, relacionadas coa data das convocatorias, que pide que sexan a comezos de anos ou, por exemplo, coa desaparición das axudas a guión de filme documental. Tamén sinala a súa disconformidade con algunhas novas condicións impostas aos creadores que desexen acollerse a este programa, do que quedan fóra automaticamente aqueles que xa realizaran dúas longametraxes. O Observatorio sinala que AGADIC "quere enfocar as Axudas de Talento aos noveis, mentres que o que habería que defender é o espírito distintivo que teñen estas axudas, que se acaba perdendo".

O informe do Observatorio destaca así mesmo "os espectaculares logros dos filmes apoiados coas Axudas de Talento, que ao longo dos anos superou con moito as expectativas depositadas nesta categoría". "Unha rendibilidade distinta á do sector industrial", destaca, baseada "en que son uns excelentes produtos de visibilidade cultural" que "aumentaron, de maneira determinante, o prestixio da cinematografía galega por todo o mundo".

O texto péchase sinalando que "a maioría dos cambios efectuados na convocatoria de talento deste 2014 van en contra da natureza das axudas, van en contra do creador, e finalmente, van en contra das obras"

O texto péchase sinalando que "a maioría dos cambios efectuados na convocatoria de talento deste 2014 van en contra da natureza das axudas, van en contra do creador, e finalmente, van en contra das obras". Pide que se respecte o "espírito orixinal" das axudas e subliña que "para que isto suceda é preciso deseñar e desenvolver unha política de axudas dunha maneira lóxica e coherente facendo unha boa distribución de recursos e non alterando o que a experiencia ditaminou como válido".

Cartaz de 'Todos vós sodes capitáns' Dominio Público Praza Pública
Alberte Pagán, Ángel Rueda e Marcos Nine © (S8)
Evolución das axudas ao talento © Observatorio do Audiovisual de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.