Este luns o Ourense Film Festival (OUFF) presentou toda a súa programación. Do 29 de setembro ao 8 de outubro o OUFF ofrecerá máis dun cento de proxeccións e actividades. A posta en marcha en 2023 da sección competitiva galega (Panorama Galicia) é a gran novidade do festival, que busca poñer en pé de igualdade esta sección respecto da xa consolidada competición internacional.
Do 29 de setembro ao 8 de outubro o OUFF ofrecerá máis dun cento de proxeccións e actividades
Na presentación, o director do OUFF, Miguel Anxo Fernández, destacou que o festival é reflexo “dun tempo no que a cultura da imaxe se manifesta diversa e transversal, a través dos filmes e de todo o que xeran a seu arredor, sexan homenaxes a traxectorias profesionais, encontros vinculados ao sector, debates, obradoiros, propostas de futuro, publicacións, concertos ou unha exposición como Series de Chema Prado”.
O OUFF espállase por parte da provincia con iniciativas como os roteiros de cinema en diferentes localidades ou o cinema na cadea de Pereiro de Aguiar
Desde a súa creación en 1996, o Ourense Film Festival (OUFF), consolidouse como promotor do cinema de autor e ao tempo social, mantendo o seu compromiso de erixirse nun "punto de encontro anual para os profesionais do sector en Galicia", ao tempo que producir "un importante retorno económico para a cidade". O Teatro Principal, as salas de cine Pontevella, o Cineclube Padre Feijoo e o Auditorio Municipal son os recintos principais da cidade no festival, recintos que se enchen de público durante os dez dias do certame.
Pero o OUFF espállase por parte da provincia con iniciativas como os roteiros de cinema en diferentes localidades ou o cinema na cadea de Pereiro de Aguiar. Neste senso, a cita quere salientar seu carácter de "dinamizador do territorio", poñendo a súa historia, patrimonio e paisaxe no centro da creación audiovisual e mesmo impulsando rodaxes que dan a coñecer Ourense na pantalla grande.
Panorama Galicia
Sete documentais e tres filmes de ficción compiten en Panorama Galicia
En total, sete documentais e tres filmes de ficción, compiten en Panorama Galicia. Entre os documentais, atopamos Florencio na terra, de Domingo D. Docampo, que narra a fuxida do escritor Florencio Delgado Gurriarán ao comezo da Guerra Civil; A espada de Mouruás, coa dirección da actriz Lucía Álvarez; O camiño de Ramón Chao.Trala pista de Prisciliano, de Aser Álvarez, co percorrido que realizou coa súa moto o xornalista e escritor Ramón Chao por diversos lugares de Europa no anos noventa; Manuel Falces. Inventario de Espejos, coa dirección de José Manuel Mouriño; María Casares, a muller que viviu mil vidas, de Xavier Villaverde, ao redor da vida da actriz galego-francesa; Más allá de los ojos cerrados, de Norberto López Amado e Germán Roda; e Emilia, de Miguel A. Calvo Buttini, sobre a figura de Emilia Pardo Bazán.
Os filmes de ficción na competición galega do 28º OUFF son Slow (Lento), de Marika Kavtaradze; tamén Nueva Tierra, film de ciencia-ficción dirixido por Mario Pagano; e O corno, drama dirixido por Jaione Camborda, que chega a Ourense tras ser a primeira película en galego en competición en San Sebastián.
Os últimos filmes de Aki Kaurismäki, Isabel Coixet e Maite Alberdi, na sección oficial
A Sección Oficial Internacional do OUFF inclúe doce títulos nos que atopamos nomes como os de Aki Kaurismäki, Isabel Coixet, Maite Alberdi ou Lila Avilés
A Sección Oficial Internacional do OUFF inclúe doce títulos nos que atopamos nomes como os de Aki Kaurismäki, Isabel Coixet, Maite Alberdi ou Lila Avilés, e no que, por primeira vez, entran en competición catro documentais con outros xéneros de ficción como thriller, drama e comedia. Entre as doce cintas a concurso, oito delas están dirixidas por mulleres e catro son óperas primas.
A sección oficial vén avalada por premios en festivais como Sundance, Berlín, Cannes, Toronto, Seattle ou Montreal. Inmigración, transexualidade, alzheimer, infancia, a vida no rural ou o cambio climático son algúns dos temas abordados nesta selección fílmica. Máis de trescentas cintas presentáronse á preselección, procedentes de sesenta países.
Os galardóns establecidos por primeira vez en Panorama Galicia inclúen o Premio Xacobeo a mellor película, dotado con 8.000 euros e os premios Ourense Film Commission á mellor dirección, mellor guión, mellor interpretación, cadanseu dotado con 2.000 euros
Un dos trazos diferenciais do OUFF no panorama de festivais galegos é a contía dos premios para as películas en competición. No caso da Sección Oficial Internacional, a Calpurnia á mellor película está dotada con 12.000 euros e trofeo (escultura creada por Manuel Buciños); a sección conta con cinco premios máis, o Premio OUFF Carlos Velo á mellor dirección con 4.000 euros, Especial do Xurado, Mellor Guión e Mellor Interpretación, con 3.000 euros cada un, e o Premio do Público, tamén de 3.000 euros.
Coa aspiración de equiparar progresivamente a competición galega coa Sección Oficial Internacional do festival, os galardóns establecidos por primeira vez en Panorama Galicia inclúen o Premio Xacobeo a mellor película, dotado con 8.000 euros e os premios Ourense Film Commission á mellor dirección, mellor guión, mellor interpretación, cadanseu dotado con 2.000 euros.
Videoxogos, formación e creación emerxente
Amosar o potencial da industria do videoxogo e a súa relación co sector audiovisual motivaron á organización do OUFF a estrear a sección OUFF Game Sessions
Unha das vertentes nas que traballa o equipo do festival é na conexión coa creación emerxente e con novos formatos que se incorporan á programación. É o caso do concurso FAS MUVIS, no que equipos de mozas e mozos os que afrontan o reto de rodar unha peza en 48 horas.
Ademais, amosar o potencial da industria do videoxogo e a súa relación co sector audiovisual motivaron á organización do OUFF a estrear a sección OUFF Game Sessions. A aposta do festival ourensán estrutúrase, por unha parte, no Foro “Videoxogos, a nova narrativa audiovisual”, e, por outra, na establecemento de catro galardóns dirixidos a estudios e profesionais de Galicia: Mellor Videoxogo -cun premio de 800 euros-, Mellor Narrativa, Mellor Arte e Proposta máis Innovadora, con 400 euros e trofeo cada un deles. A xornada de videoxogos no 28º OUFF terá lugar o domingo 1 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Sete recoñecementos a longas traxectorias no mundo do cine
As referentes galegas Mariana Carballal, Luisa Merelas e Olga Osorio reciben nesta edición os premios Ourense, AISGE e Chano Piñeiro
Sete traxectorias vinculadas á gran pantalla recibirán o recoñecemento no 28º OUFF. O festival ourensán celebra o centenario da cineasta Ana Mariscal co Premio Memoria Histórica que recollerá o seu fillo, David García; tamén a traxectoria doutro grande do cine español, Manuel Gutiérrez Aragón, que recibe o Premio OUFF Especial 2023. As Calpurnias de Honra, máximo galardón do festival, recaen en 2023, no caso da internacional, no director mexicano Arturo Ripstein, que estará na gala inaugural do 29 de setembro, e na actriz Loles León.
Así mesmo, as referentes galegas Mariana Carballal, Luisa Merelas e Olga Osorio reciben nesta edición os premios Ourense, AISGE e Chano Piñeiro respectivamente.
OUFF en curto
A sección OUFF en Curto permite ver traballos de novos creadores e doutros consagrados, mostrando o potencial da curta na expresión audiovisual galega. Contará con quince curtametraxes, dez delas de ficción e cinco documentais
A sección OUFF en Curto permite ver traballos de novos creadores e doutros consagrados, mostrando o potencial da curta na expresión audiovisual galega. Contará con quince curtametraxes, dez delas de ficción e cinco documentais. Todas elas proxectaranse nunha gala que terá lugar o 6 de outubro, no marco do festival. As curtas, divididas nas categorías de ficción e documental, optan a un galardón de 2.500 euros e un “Premio do Público”. Os últimos traballos de Xacio Baño, Lucía Estévez, Andrea Zapata-Girau, Ángel Santos e Santos Díaz, entre os proxectos seleccionados
As proxeccións dividiranse en tres bloques e un xurado profesional é o encargado de elixir o proxecto gañador, dotado cun premio de 2.500 euros. Ademais, poderán optar ao premio do público, con 500 euros.