O xacemento arqueolóxico inclúe unha inscrición en pedra, 'Sicenata Pacata', que pode ser traducida como "Vencidos, Pacificados", o que levou a algúns autores a buscar aquí o Monte Medulio
No concello de Pereiro de Aguiar, preto da aldea de San Salvador de Vilariño atópanse os restos do coñecido como 'Castelo de Parada'. O xacemento arqueolóxico inclúe unha estraña inscrición en pedra, 'Sicenata Pacata', que pode ser traducida como "Vencidos, Pacificados", o que levou a algúns autores a buscar aquí o Monte Medulio, o lugar onde os galaicos se suicidaron antes de ser conquistados por Roma.
O epígrafe foi xa descrito por Xesús Ferro Couselo hai preto de medio século, sinalando a posibilidade, o mesmo que outros investigadores, de que a inscrición fose da época romana. Na rede pode verse un vídeo realizado por Manuel Gago hai case dez anos, que amosa o xacemento e detalla a inscrición e a súa posible tradución.
O arqueólogo director da intervención, Martiño Xosé Vázquez, pide prudencia á hora de aventurar a antigüidade da inscrición “pois todos os materiais recuperados no sitio polo momento relaciónano máis ben co horizonte medieval do xacemento arqueolóxico inmediato coñecido como O Castelo"
Agora o Concello do Pereiro de Aguiar impulsa a investigación e posta en valor do Castelo de Parada, nunha actuación cofinanciada pola Deputación Provincial de Ourense que busca en primeiro lugar confirmar a antigüidade do epígrafe así como xerar un modelado en tres dimensións para garantir a súa conservación futura.
O arqueólogo director da intervención, Martiño Xosé Vázquez, de Xeitura S.Coop.Gal., pide prudencia á hora de aventurar a antigüidade da inscrición “pois todos os materiais recuperados no sitio polo momento relaciónano máis ben co horizonte medieval do xacemento arqueolóxico inmediato coñecido como O Castelo. Un lugar cunhas condicións de control e defensa óptimas para dominar máis de dez quilómetros do discorrer do río Miño”.
En paralelo á intervención, e contando coa colaboración do estudoso local Fernando Iglesias Ramos, realizaranse (os venres 10 e 17 de setembro, en horario de tarde) varias actividades para integrar á veciñanza -e en especial á mocidade- na investigación, protección e difusión dos restos arqueolóxicos da zona. Realizarase un exercicio de cartografía participativa e prospección sobre a contorna, procurando identificar novas inscricións ou restos que axuden a comprender a historia do lugar. Para o 25 deste mesmo mes quedará a visita guiada que será nocturna para facilitar a lectura da inscrición.
A intervención busca en primeiro lugar confirmar a antigüidade do epígrafe así como xerar un modelado en tres dimensións para garantir a súa conservación futura
Aquelas persoas maiores de 16 anos que estean interesadas en participar nalgunha das actividades previstas simplemente terán que reservar a súa praza enviando un correo electrónico a sicenatapacata@gmail.com, indicando o seu nome completo, datos de contacto e actividade á que queren apuntarse.
Luís Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar, destaca que “esta é a primeira das moitas actuacións que temos previstas na zona para converter a ribeira do río Miño que discorre polo noso municipio nun atractivo cultural e turístico. Reivindicándonos unha vez máis como porta de entrada á Ribeira Sacra”.