O Play-Doc converte Tui un ano máis na capital do documental

L'abri, de Fernand Melgar © Play-Doc

O Play-Doc Festival Internacional de Documentais celebrará a súa undécima edición en Tui do 22 ao 26 de abril e, coma en anos anteriores, buscando amosar o cinema de non ficción máis fresco, apostando polas propostas máis innovadoras e independentes, que habitualmente non chegan aos circuítos comerciais. En total proxectaranse 32 títulos, chegados de 17 nacionalidades, e divididos en 7 seccións.

A retrospectiva estará dedicada á francesa Claire Simon, referente do cinema directo, que intenta captar a realidade tal como se presenta. Será un Play-Doc que emprestará unha atención especial ás realizadoras novas, a través da presenza na sección oficial dos últimos traballos de Talena Sanders, Soon-Mi Yoo, Maureen Fazendeiro e Amanda Rose Wilder. E tamén ao cinema galego, con sete filmes, ao que se dedica unha sección específica. A sección oficial complétase cos últimos filmes de autores consagrados e veteranos, coma J.P. Sniadecki, Fernand Melgar ou Göran Hugo Olsson.

Entre as novidades do festival, destacan as seccións Play-Doc Workshops e Resonancias. A primeira presentará tres traballos de cineastas que participaron en diversos obradoiros de edicións previas do festival, pois Play-Doc tamén quere ser un espazo de formación. A sección Resonancias nace para abrir a programación do certame aos expertos que non forman parte do equipo. É un convite a que críticos poidan facer propostas, e compartilas co público. De todas as suxestións recibidas, os coordinadores Martín Cuesta (Cinema ad hoc) e Iván Villarmea (A Cuarta Parede) elixiron un total de catro. Amais, engádese unha sesión dun crítico-cineasta, que falará nunha charla aberta ao público da súa experiencia nestes dous ámbitos. O elixido para esta edición é Gabe Klinger.

Haberá tamén dúas sesións especiais dedicadas a cineastas "moi queridos" polo festival. O 25 de abril, para celebrar o aniversario da Revolución dos Cravos, o certame acollerá a proxección de dous filmes do reverenciado autor luso Manuel Mozos. Amais, contará coa estrea española de Iris, último traballo do recentemente falecido Albert Maysles, lenda do cinema directo, ao que Play-Doc acolleu hai dous anos cunha intensa retrospectiva. Ao igual que outros anos o festival reserva tamén un espazo para a música, que nesta ocasión chega da man do músico luso The Legendary Tigerman.

 

Cinema Galego

Xacio Baño conseguiu o pasado febreiro en Clermont-Ferrand, o festival de curtas máis importante do mundo, o premio Canal + pola súa Ser e voltar

Xacio Baño conseguiu o pasado febreiro en Clermont-Ferrand, o festival de curtas máis importante do mundo, o premio Canal + pola súa Ser e voltar, que pasará este ano en Play-Doc. Nela, realiza un especial retrato dos seus avós, facendo que eles participen da experiencia de filmar co seu neto, nun proceso que non comprenden, que se lles resiste.

Outros filmes que convenceron en importantes festivais son A viaxe de Leslie, de Marcos Nine; e Jet Lag, de Eloy Domínguez Serén. A Seminci aplaudiu o primeiro con entusiasmo, unha sorte de thriller co actor de Hollywood Leslie Howard de protagonista, rescatado a base de material de arquivo. Jet Lag presentarase no seu set de rodaxe. Filmada nunha gasolineira de Guillarei (Pontevedra), a catro quilómetros de Tui, a idea inicial do director era retratar o traballo nocturno. Neste caso, convértese nunha de ladróns cando o atracador “Canceliñas” entra a roubar na gasolineira, nun caso que tivo aos medios de comunicación pendentes durante días, con secuestro dun médico luso incluído. O filme muda e, xa sen poder abstraerse do que está a ocorrer, Domínguez Serén decide mesturar xéneros, nun exercicio eloxiado pola crítica no Festival de Cinema Europeo de Sevilla.

Outros filmes que convenceron en importantes festivais son A viaxe de Leslie, de Marcos Nine; e Jet Lag, de Eloy Domínguez Serén

A viguesa Xisela Franco é cineasta local, aínda que para filmar Anima Urbis tivo que marchar a Toronto (Canadá). Este filme, diario filmado pensado a modo de tese, remata por superar esa vertente investigadora para converterse nunha peza moi persoal, retrato dunha xeración coas dúbidas de quen aínda non sabe moi ben onde situarse no mundo. Do lado deste cinema máis artístico atópase tamén o traballo poético de Álvaro Fernández Pulpeiro, un descoñecido aínda en Galicia por ter traballado ata o momento no estranxeiro. O sol sempre brilla sobre min rodouse en Texas buscando retratar as persoas da zona e a súa paisaxe. O resultado é un filme que tende á abstracción, dunha grande beleza visual.

O traballo de Miguel Mariño vai nunha liña similar. Nos últimos anos ten proxectado máis en museos que en salas tradicionais. O seu cinema é principalmente pictórico, abstracto, aínda que en O descubrimento de Américo volve ao figurativo. O filme está construído a través de bobinas de súper 8 e 16mm que o cineasta atopou por casualidade.

Claire Simon © Play-Doc
Ser e Voltar, de Xacio Baño © Play-Doc
L'abri, de Fernand Melgar © Play-Doc
'Concerning Violence', de Göran Hugo Olsson © Play-Doc
Eloy Domínguez Serén Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.