O Play-Doc levará unha selección de documentais galegos ao Town Hall de Nova York

Imaxe dunha das edicións do Play-doc © Tamara de la Fuente

Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, vén de ser seleccionado para formar parte de Best Fest Film Series, un programa de proxeccións e actividades organizado cada ano polos resposables do Town Hall de Nova Tork, que selecciona cada ano os 10 festivais máis destacables do mundo.

A filosofía desta sala sen ánimo de lucro é esencialmente divulgadora, polo que lle propuxo a Play-Doc que programe unha sesión con algunhas das películas máis relevantes da súa liña editorial. O certame decidiu levar a Nova York filmes galegos anteriormente mostrados no festival, que se proxectarán ante os 1.500 espectadores que enchen o Town Hall cada semana. Ademais, haberá un debate, centrado na efervescencia, nos últimos anos, de creadores galegos de alto nivel, recoñecidos a miúdo en festivais internacionais. Esta sesión quere ser tamén unha xanela á cultura galega en xeral e, moi particularmente, aos 10
anos de percorrido do festival Play-Doc, que celebra o seu décimo aniversario do 2 ao 6 de abril.

A décima edición de Play-Doc celebrarase do 2 ao 6 de abril

Repasaranse os mellores momentos do certame, presentando a súa liña editorial, baseada na recuperación de figuras fundamentais do documental moderno, moitas veces esquecidas, como Marcel Lozinski, Artavazd Pelechian, Ross McElwee, os irmáns Maysles, Bogdan Dziworski, Raymond Depardon ou Jay Rosenblatt, entre outros. Así mesmo, o festival galego realiza unha selección cada ano dos títulos máis rompedores da tempada, daquelas películas de non-ficción que se atreven a traspasar as fronteiras do xénero para profundar na linguaxe cinematográfica. Tamén fai unha defensa do cinema galego, cunha sección dedicada ás producións máis relevantes da colleita anual.

"Un dos aspectos que máis destacan os convidados ao Play-Doc, destacan os seus responsables, é "o ambiente acolledor da cita, á que acode un público fiel que enche as salas, e que arroupa os seus autores"

Town Hall pídelles ademais aos participantes de Best Fest Film Series que falen non só dos contidos, senón da experiencia que supón vivir o festival. Neste sentido, un dos aspectos que máis destacan os convidados ao Play-Doc, destacan os seus responsables, é "o ambiente acolledor da cita, á que acode un público fiel que enche as salas, e que arroupa os seus autores". En Play-Doc "creadores e espectadores sempre se dan a man. Esta proximidade é posible, en parte, por organizarse nunha localidade pequena, onde se comparten sesións, paseos, comidas, charlas e, sobre todo, moito cinema". O feito de que o certame se organice dende a periferia xeográfica e comercial do sector, e aínda así fose recoñecido como un dos máis destacados do mundo, "enche de orgullo" á organización do festival, que se sente "moi agradecida por esta honra".

O Town Hall, en pleno centro de Manhattan, é toda unha institución na cidade. Fundada por un grupo de sufraxistas en 1921, o escenario acolleu nas súas nove décadas de historia a grandes da música como Billie Holliday, Charlie Parker, Duke Ellington, Nina Simone ou Bob Dylan. O espazo sempre logrou manterse activo grazas ás proxeccións de cinema, concertos, obras de teatro, instalacións, exposicións de arte, charlas e outro tipo de eventos culturais que organiza ao longo da tempada. Actualmente, recibe 200.000 espectadores anuais.

Imaxe dunha das edicións do Play-doc © Tamara de la Fuente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.