O Play-Doc volve atraer algúns dos mellores documentais do ano

Libraire de Belfast Dominio Público Praza Pública

Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui celebrará do 13 ao 17 de marzo a súa novena edición. Volverá reunir algúns dos mellosres documentais producidos no último ano en todo o mundo, unha selección de películas que toman o pulso ás últimas tendencias do documental de autor máis independente e innovador. A sección oficial contará con cinco filmes procedente de China, Bulgaria ou os Estados Unidos, ademais da galega Arraianos, tamén na competición internacional.

Estará o último traballo de Wang Bing, figura central do novo documental chinés, que revolucionara o xénero con West of the Tracks (2003), un tríptico de case dez horas que retrataba as condicións de vida dos obreiros dunha fábrica de carbón no proceso de desmantelarse. A súa película Tres irmás – Soas (2012), incluída na selección deste ano de Play-Doc, incide neste método, retratando desta volta o día a día de tres nenas nunha aldea afastada da provincia de Iunnan. Esta visión únese á de novos talentos, coma o de Ilian Metev en Sofia's Last Ambulance (2012). Galardoado como mellor documental no prestixioso festival de Karlovy Vary, foi recibido con entusiasmo por crítica e público na súa presentación internacional en Cannes. A película segue a única ambulancia de Sofía con unidade de reanimación unha noite calquera.

E, da sanidade, aos servizos sociais. En The Patron Saints (Brian M. Cassidy, Melanie Shatzky, 2011) Os protagonistas son pacientes dunha residencia para anciáns e pacientes con discapacidades. Le libraire de Belfast (Alessandra Celesia, 2011) é outra película notable, cunha ollada única. Concibida máis como un poema, que como un mapa da cidade irlandesa, as súas hipnóticas imaxes están ligadas directamente aos seus singulares personaxes.

A seleccionada galega deste ano é Arraianos (Eloy Enciso, 2012) que xa pasou con éxito por Locarno, Sevilla, a Viennale ou o Museum of the Moving Image de Nova York. Nas dúas anteriores edicións, un xurado internacional decidiu outorgar o premio a Todos vós sodes capitáns e Vikingland, de Oliver Laxe e Xurxo Chirro, respectivamente. Arraianos constata, por terceiro ano consecutivo, a boa saúde do cinema galego independente.

Arraianos constata, por terceiro ano consecutivo, a boa saúde do cinema galego independente

Un xurado internacional decidirá quen leva o galardón. Este ano está composto por Luis Miguel Oliveira, responsable do Departamento de Divulgación e Exposición Permanente da Cinemateca Portuguesa; Nick Bradshaw, editor da web da prestixiosa revista británica Sight&Sound; e Hans Hurch, director da Viennale, un dos festivais con máis renome de Europa.

Un fotograma de Arraianos, de Eloy Enciso Dominio Público Praza Pública
Libraire de Belfast Dominio Público Praza Pública
Tres irmás Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.