O Proxecto Florencio pecha a súa homenaxe ao 'Cego dos Vilares'

Florencio López, o 'cego dos Vilares' © universidade de vigo

Florencio López Fernández, nacido en 1914 na Fonsagrada e finado en 1986 e por certo tío-avó de Xoel López, foi músico de casualidade. Quedou cego pola varíola, e foi por isto que aprendeu a tocar o violín. Tocouno toda a vida, pasou pola guerra civil, a ditadura, a transición e a autonomía e sobre todo pasou pola chegada do fonógrafo, os altofalantes, as orquestras e o cassette. Pasou polo tanto por un cambio sociolóxico acelerado en Galicia que levou ao despoboamento do rural e o cambio de costumes. E acabou sendo o derradeiro violinista ambulante de Galicia.

O pasado ano a Central Folque propúxose recuperar a figura do Cego dos Vilares, a través do Proxecto Florencio, formado por 14 músicos novos baixo a dirección musical do zanfonista Germán Díaz, que durante meses se dedicaron a reinterpretar os temas de Florencio López, como O cantar do arrieiro, A Filla de Bartolo, O Testamento do Gato ou o Alalá do arador, conservados nun cento de gravacións caseiras realizadas por aquelas persoas que, en Galicia e Asturias, acudían a escoitalo. 

Paralelamente ao proceso de traballo cara a elaboración do espectáculo, dende o Proxecto Florencio leváronse a cabo outras actividades como obradoiros divulgativos nos centros educativos da Fonsagrada sobre a figura do Cego dos Vilares ou ensaios abertos ao público no salón de actos municipal da mesma vila. Durante as sesións de traballo ao longo do curso tamén estiveron presentes profesionais de diferentes disciplinas que achegaron coñecementos teóricos sobre diferentes aspectos do repertorio de Florencio: Dorothe Schubarth (musicóloga e autora do Cancioneiro Popular Galego), Pancho Álvarez e Gutier Álvarez (violinistas), Ramom Pinheiro (historiador), Sergio de la Ossa (musicólogo especilista en análise musical).

O Proxecto Florencio leva meses traballando nos temas de Florencio López, conservados nun cento de gravacións caseiras realizadas por aquelas persoas que, en Galicia e Asturias, acudían a escoitalo

O derradeiro concerto desta formación, que xa actuou na Fonsagrada, terá lugar este xoves no Museo Provincial de Lugo a partir das oito e media da tarde, coa presentación de Celso Sanmartín, e nel empregaranse os instrumentos que habitualmente tocaban os músicos cegos, como a zanfoña, o acordeón e o propio piano. Os músicos cegos foron moi habituais en toda Europa até mediados do século XX. Normalmente ían acompañados dunha persoa que os guiaba, en moitas ocasións un rapaz de curta idade, quen acompañaba con algún instrumento de percusión ou se dedicaba a vender os pregos de papel que gardaban escritas as letras dos chamados Romances de Cego.

Florencio López, o 'cego dos Vilares' © universidade de vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.