"O pulso das túas rochas quebra ritmos cotiáns"

Fervenza do Ézaro © Rosalía Fernández

Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, un libro escrito a catro mans, por Rosalía Fernández Rial e Xan Fernández Carrera. Ela fai poemas, el os cinco roteiros que compoñen a guía, e dos que vos ofrecemos un fragmento do quinto, o que nos leva de Cee a Muros pola costa. Uns e outros textos fan un retrato destas terras.

O libro, como escribe Rosalía Fernández, é "unha guía con viaxes que non teñen fin. Nin principio. Son itinerarios “redondos” que percorren o noso litoral e que, en varios dos lugares máis emblemáticos, paran para ler un poema. Dese xeito, os excursionistas poden perderse, ao mesmo tempo, entre os versos e a paisaxe. Un panorama que se complementa, ademais, con centos de fotografías". A obra, que edita o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, presentouse o pasado venres en Carballo.

"Son itinerarios “redondos” que percorren o noso litoral e que, en varios dos lugares máis emblemáticos, paran para ler un poema. Dese xeito, os excursionistas poden perderse, ao mesmo tempo, entre os versos e a paisaxe"

Rosalía Fernández é filóloga e editou dous poemarios: En clave de sol (2009) e Átonos (2012), publicados pola A. C. Lumieira de Carballo. Ofrecémosvos dous dos poemas que compoñen o seu novo libro.

ÉZARO
Crávame
o baleiro
da túa caída;
rebéntame en nubes;
desfaime de min.
Quero desaparecer
co furacán onde choves
o berro elexíaco
dos ríos kamikazes.
Porque preciso vivir
no abismo da morte perpetua

 

MONTE PINDO
O pulso das túas rochas
quebra ritmos cotiáns.
Ningún compás se repite,
nada é superfluo. Baixo o cume;
nas fauces que acollen
corazóns perdidos.
Coma os nosos,
mendigos famentos
entre moas de pedra.
Os nosos danzan,
porque aquí
poden ser personaxes;
poesía.
AQUÍ, PODEMOS SER POESÍA.
E palpitar, contra o eco, versos agrestes,
para sobrevivir…
Vivir…
Ir…
Ata extinguirnos…
Irnos.

 

Capa do libro Dominio Público Praza Pública
Fervenza do Ézaro © Rosalía Fernández

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.