A creación literaria galega reflectiu a rápida transición, en Galicia, da sociedade rural á urbana. Neste proceso, non se discutiu o lugar no canon de obras como Memorias dun neno labrego mais comezouse a advertir de que, se cadra, pasara o tempo do “ruralismo”, se este se entende como unha visión mitificadora da aldea. As contradicións do rural comezaron a reflectirse na narrativa, nomeadamente a partir dos 90. Neste ronsel sitúase a creación de Manuel Iglesias Turnes, que volve, tras As rapazas de Xan, con Que non te aten. Unha historia de relacións afectivas entre un grupo de mozos e mozas que viven nunha aldea. Contada arredor dunha familia que é dona dunha explotación de gran tamaño, punteira no tecnolóxico. Mostra dese rural "moderno e potente", segundo o autor, que "factura", malia as dificultades actuais cos prezos do leite.
Os protagonistas de Que non te aten son mozos do rural, como o eran os de As rapazas de Xan. Só que os de As rapazas de Xan poderían serían da xeración dos avós dos de Que non te aten.
Si, os protagonistas de Que non te aten poderían ser os netos dos de As rapazas de Xan. Eu ambiento as dúas novelas no rural, que pode chamar a atención porque, claro, case ninguén o fai. Pero penso que a novela transcende o rural. As historias que conta poden ser de interese para a mocidade urbana.
Dicíao porque non hai unha mirada nin romántica, nin folclórica, nin de canto ao rural desaparecido…
Si, non é un tratado sobre os problemas do sector do leite nin nada así, senón un libro moi actual sobre un grupo de mozos que viven no rural, sobre as súas relacións de amor a amizade, cun triángulo amoroso, que é un tema tamén moi novelístico. Son historias moi comúns.
"Non é un tratado sobre os problemas do sector do leite nin nada así, senón un libro moi actual sobre un grupo de mozos que viven no rural"
Dous dos protagonistas de Que non te aten, Andrea e Xaime, teñen algo en común. Son manipuladores, dominantes… Non teñen relación entre eles, pero é como se fose un reverso do outro.
Si. O que fai Xaime recoñecémolo polas novas que os medios de comunicación publican día si e día tamén sobre malos tratos a mulleres. É un home que non atura que a muller que está con el sexa unha persoa libre. Antía é unha executiva, unha muller con poder, que utiliza a manipula a Marcos, desde unha posición de superioridade, ou do que ela cre que o é, pois considera a Marcos inferior. Antía e Xaime parécense, si. Ela compórtase como o faría un home semellante nas súas circunstancias. E, curiosamente, Antía e Xaime son os únicos personaxes da novela que non teñen vacas.
O lugar é Cabanas, ou Cabanelas. Está nas dúas novelas.
É unha aldea que está a quince minutos de Santiago, onde eu nacín. Escribín As rapazas de Xan a partir dos meus recordos da infancia, de cando tiña catro anos. E tiña algo de medo a que as persoas se visen directamente retratadas. Conseguín que non fose así, aínda sendo novato na escrita. Daquela puxen Cabanelas, pero é Cabanas. Volvera ler Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas, e identificábame con Balbino. Eu era un neno que observaba a realidade e distinguía o xusto do inxusto. As rapazas de Xan, que está ambientado no ano 55, deume moitas satisfacción: vai pola cuarta edición, recibo moitos correos…
"As rapazas de Xan, que está ambientado no ano 55, deume moitas satisfacción: vai pola cuarta edición, recibo moitos correos…"
Sara, a compañeira de Marcos, representa como unha posición intermedia entre as mulleres de As rapazas de Xan e as de Que non te aten. É unha rapaza cunha carreira, pero quere ser “unha muller como das de antes”. Quere ter fillos e non servir “só para traballar”.
Hai un cambio grande no papel das mulleres entres As rapazas de Xan e Que non te aten. En Que non te aten, son mulleres licenciadas, máis traballadoras e maduras que os homes da novela. En As rapazas de Xan son mulleres oprimidas pola Igrexa, obrigadas a ir vestidas de negro e coa cabeza tapada, que teñen que ocultar a súa valía e que son postas ao servizo dos homes, que son desprezadas por ter fillos se non están casadas, presionadas pola Igrexa para ter un fillo ao ano… Mulleres asoballadas, que non son como as de Que non te aten: preparadas, cultas…
En canto ao personaxe de Sara, é verdade que a maternidade agora está a atrasarse. É unha característica da sociedade actual: téñense os fillos case á mediana idade. Sara é unha personaxe fundamental, capaz de mediar entre dúas familias rivais. Unha muller que ten as cousas claras. Busca unha estabilidade laboral e familiar. Non quere emigrar nin renunciar a ser nai.
O personaxe de Marcos, o compañeiro de Sara, ten unha certa ambigüidade. Parece que non quere ver o que ten diante. Ao principio xustifica ao seu amigo Xaime. E el mesmo deixa que Antía o manipule.
Os meus personaxes van evolucionando a partir dos primeiros trazos dos que xorden. Cando naceu, o personaxe de Marcos era un tipo inmaturo, inseguro, un pouco egocéntrico, que non tivera problemas grandes. Fixo só o bacharelao, pero ten o seu traballo na granxa de seus pais, nun momento no que moitos licenciados están no paro. Vive ben e non toma decisións. Vano levando a nai, o irmán, Sara… Nalgunhas cousas chámalle a atención a Xaime, pero non se decata do que está pasando. Non é un home de moita reflexión. Non me foi fácil poñerme no seu lugar, porque eu son o contrario. E quería que a novela transmitise uns valores.
"Quero mostrar o rural galego descoñecido, que é moderno e potente"
Que valores son eses?
Quero mostrar o rural galego descoñecido, que é moderno e potente. Ninguén imaxina, por exemplo, que os gandeiros de hoxe, punteiros en moitas cousas, utilizan as mesmas técnicas de reprodución para a gandería que os centros sanitarios. Ese rural galego moderno e potente non sae nos medios de comunicación. Quixen, ademais, mostrar a mocidade que está vinculada a ese rural. Por iso os protagonistas son rapaces de entre 25 e 40 anos. Antes, a esa idade eras considerado adulto con todo o que iso implicaba. Agora é distinto. Ademais, a través dos personaxes de Xaime e Mariña, quero que as mozas máis novas se decaten de que certos comportamentos por parte das súas parellas poden ser o inicio dos malos tratos. E tamén quero entreter o lector. Ademais de reflectir na novela cousas que me impactaron moito, como o das preferentes. Aforradores que foron enganados tiveron que recorrer á xustiza, sen que ninguén no goberno, que si rescatou bancos, dese a cara por eles.
"Quero que as mozas máis novas se decaten de que certos comportamentos por parte das súas parellas poden ser o inicio dos malos tratos"
O dos pais de Marcos tamén é un retrato do rural moi crible. A nai sempre sabe que facer cando hai problemas. Ten moitas veces a última palabra, e é lista e resolutiva. Ao seu home váiselle algo de enerxía pola boca, é un conservador que se define apolítico…
O conservador que se define como apolítico é un tipo que se pode atopar moito na realidade, si. Fala moito, vai de valente, pero a súa muller ten moito máis sentido e madurez, e é unha persoa discreta. As súas razóns son de peso, e por iso, o que di ela, faise.
Os pais estiveran emigrados en Suíza. En As rapazas e Xan estaba a emigración moi presente. Pero non só como busca dunha saída económica. Tamén como xeito de liberarse, de deixar atrás unha sociedade opresiva.
Eu tiña tíos que emigraran a América, e recordo ver de pequeno aquelas fotos de xente ben vestida, mulleres con roupa clara… Hoxe a xente segue emigrando, pero non é o mesmo. Non é ese dramatismo de antes. Hoxe colles un avión e en dúas horas estás de volta na casa. E mantense o contacto por teléfono e con internet. No tempo de As rapazas de Xan, coller o Castromil para Vigo, para alí coller o barco para América, podía supoñer a primeira vez que se tiña sensación de liberdade.
"No tempo de As rapazas de Xan, coller o Castromil para Vigo, para alí coller o barco para América, podía supoñer a primeira vez que se tiña sensación de liberdade"
As rapazas de Xan case non fala directamente de política, pero si que deixa ver ese ambiente opresivo da ditadura. Nunha sociedade moi machista.
Claro. E a xente quería escapar da ditadura, daquel ambiente. Buscaban un mundo mellor. Eu lembro as conversas dos veciños sobre a guerra. No monte de onde eu nacín mataran a cinco persoas. A posguerra está moi presente na novela. Conto, por exemplo, como pechaban a porta para escoitar unha emisora francesa. Ou o caso de Val do Dubra: unhas irmás que foron torturadas para que dixesen onde tiñan o irmán escondido. Todo iso vivino eu. Non lle preguntei a ninguén. Nin foi por documentación. Conto todo como o vivín cando era pequeno. O franquismo estaba presente na miña aldea porque o represor era o crego, que nos facía estar horas e horas na Igrexa pasando frío, e aínda viña pola escola... Cando eu estaba a escribir esta novela, só o sabían a miña muller e o meu fillo. Non era consciente de estar a facer nada que tivese valor literario como para contarllo a máis xente…
"O franquismo estaba presente na miña aldea porque o represor era o crego"
O cura de As rapazas de Xan é un gran controlador e manipulador de mulleres. Nunha sociedade tremendamente clasista, na que el representa o poder. Pero esa mesma sociedade, que critica as nais solteiras, tamén é solidaria con Carmela, á que Rafael, de familia ben, deixara soa. Hai certa rebeldía, niso. Tamén hai un grupo de irmás que lle dan a unha malleira a un home por tentar violar unha delas.
Si, e eu lembro o cura berrándolle á xente na Igrexa. Pero a xente saía da misa e facía o que lle daba a gana. Claro que había rebeldía, e eu tratei de retratar a xente do rural con moita dignidade. Xente que falaba a súa lingua con naturalidade por moito que o crego lle viñese falando a lingua do poder, ou que pon a amistade por enriba dos valores impostos polo franquismo. Carmela dá cun desgraciado, pero os veciños axúdana. A sociedade ía por diante da política do réxime franquista. Que a xente reaccionase a unha agresión, como a da muller que ían violar, con violencia, era unha cousa normal nun contexto no que ninguén ía defenderte. Non podías ir á Garda Civil, porque ía ser aínda peor, e máis se eras pobre. O irmán doutra muller da novela, que fora violada, Dominga, volve de Cuba para facer xustiza pola irmá. Unha muller non podía denunciar que fora violada. A xustiza non existía para elas. Era a xustiza dos ricos, e dos franquistas. E eu falo dos que tiñan o poder, como o crego, e dos asoballados. Tamén dos máis pobres entre os pobres, os pobres de pedir, que ían polas casas a ver se lles daban algo.
"A xente saía da misa e facía o que lle daba a gana. Claro que había rebeldía, e eu tratei de retratar a xente do rural con moita dignidade"
Algo máis?
A primeira novela escribina nunha situación moi complicada, durante a enfermidade da miña muller. Eu escribía e lía. Son autodidacta: nunca fun a un obradoiro de escritura nin nada así.
A que se dedica?
Vendo material xenético para explotacións gandeiras. Son comercial. Para escribir, comezo polo debuxo xeral dos personaxes. Despois un capítulo leva a outro e os personaxes vanse desenvolvendo. Son as dúas novelas moi corais. Non hai palla: quero entreter e enganchar o lector, e que a lectura sexa áxil e rápida. Tampouco llo dou todo pechado. Os finais son abertos.
"Non hai palla: quero entreter e enganchar o lector, e que a lectura sexa áxil e rápida"
En Que non te aten Marcos conta a historia en primeira persoa. En As rapazas de Xan non era esa a técnica narrativa.
En As rapazas de Xan era un narrador que non interviña na trama. En Que non te aten conta a historia Marcos en primeira persoa. É un protagonista do que o lector non namora precisamente. Máis ben queren darlle unhas labazadas. Os tempos das dúas novelas son distintos. Do retrato da miseria total dos anos da posguerra ao rural moderno, que factura moitos cartos, aínda que o momento que vive agora é tremendo, sen apoio político ademais. A crise económica no rural comezou hai ano e medio.
- NA TENDA DE PRAZA Podes mercar Que non te aten na tenda de Praza