O Salón Teatro foi a casa das artes escénicas... por ocupación

Imaxe da asemblea celebrada este sábado pola noite no Salón Teatro Dominio Público Monica de Nut

Foron varias as ocasións en que a Xunta lles negara ás asociacións e profesionais das artes escénicas galegas a utilización das instalacións do compostelán Salón Teatro -a pesar de ser un espazo público dependente da Consellaría de Cultura- para a realización de actos de reivindincación ou debate a respecto da situación límite que atravesa o sector en Galicia. A última fora o pasado luns cando a asemblea aberta a toda a profesión se tivo que celebrar na rúa, ás portas do recinto, e no último momento un par de persoas optaron por ocupar o balcón

Este sábado pola noite os profesionais decidiron alterar as normas e á representación d'O método Grönholm, de Talía Teatro, seguiulle a celebración dunha asemblea á que asistiron medio cento de profesionais, entre eles Xúlio Lago, Salvador del Río ou Antonio Durán Morris. Ao longo de máis de tres horas os profesionais volveron debater, ao igual que o luns, sobre a paralización da Rede de Teatros e Auditorios e o baleiro á cabeza do Agadic, sen director dende outubro. Tamén se denunciou a ausencia de vontade de diálogo dos responsables de Cultura do Goberno galego e a súa falta de estratexia.

A conclusión da asemblea aberta celebrada o pasado luns foi que había que "facer ruído" pois "todos os colectivos están na rúa e facendo moito ruído e nós estamos calados". E como proclamou Morria: “hai dúas formas de morrer. Morrer aos poucos, en silencio, ou demostrar que estamos a morrer e que importa. Hai que loitar coa morte non visible". Este sábado a ocupación durante unhas horas do Salón Teatro serviu como como chamada de atención. O teatro galego ten cousas que dicir.

 

Imaxe da asemblea celebrada este sábado pola noite no Salón Teatro Dominio Público Monica de Nut
Imaxe da asemblea celebrada este sábado pola noite no Salón Teatro Dominio Público Monica de Nut

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.