"Se non se ocupa o CGAI da conservación do noso patrimonio audiovisual, quen se vai ocupar?". A Asociación de Actrices e Actores de Galicia, Asociación de Guionistas de Galicia, da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, o Observatorio Audiovisual de Galicia, a Academia Galega do Audiovisual e a Asociación Galega de Produtoras Independentes veñen de difundir un comunicado conxunto que reivindica a importancia do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), ante os recortes económicos e de persoal que sofre. O comunicado reclama, precisamente, "persoal e medios" para o centro e sinala que "manter e facer medrar os recursos do CGAI deberan ser unha prioridade cultural deste país".
"É coma se alguén con poder decisorio considerase menor ou superfluo o traballo dunha filmoteca. Un erro fatal, froito ou da ignorancia ou da falta de autoestima", di o manifesto conxunto
O manifesto alerta de que "a posibilidade, formulada ultimamente, de que o CGAI vexa aínda máis reducido o seu persoal conforma unha seria advertencia. Corremos o risco de desatender a tarefa de restaurar, conservar, catalogar e manter como ben público a memoria visual -sempre fráxil- deste país. E iso é grave. Sen memoria, apenas somos nada". "De hai 25 anos para aquí, a produción audiovisual en Galicia multiplicouse notablemente" -engade- "E, no entanto, son poucos e minguantes os recursos que se destinan a que cumpra co seu cometido. É coma se alguén con poder decisorio considerase menor ou superfluo o traballo dunha filmoteca. Un erro fatal, froito ou da ignorancia ou da falta de autoestima".
"A dirección da AGADIC, responsable directa deste desmantelamento organizado da nosa filmoteca, debera dar explicacións de por que se está a seguir esta estratexia de acoso e derrubo", denunciaba o pasado venres o Observatorio do Audiovisual
O texto únese a outros chamamentos realizados nos últimos días que destacan o papel que xoga a institución para a difusión e a protección do audiovisual galego. Xa o pasado venres o Observatorio Audiovisual de Galicia lanzaba un manifesto En defensa da filmoteca de todos os galegos e galegas no que denunciaba as "continuadas retalladas no Centro Galego de Artes da Imaxe, filmoteca de referencia no Estado español", destacaba o labor de difusión do centro, de restauración do patrimonio fílmico e fotográfico de Galicia, a importancia da institución para os e as investigadoras e, sobre todo, criticaba "a intención da Axencia Galega das Industrias Culturais é despedir a Antonio Ramos, un dos dous proxeccionistas do centro, de forma inminente". Concluía que "non podemos seguir impasibles ante esta situación. A dirección da AGADIC, responsable directa deste desmantelamento organizado da nosa filmoteca, debera dar explicacións de por que se está a seguir esta clara estratexia de acoso e derrubo a un centro que, en principio, debera salvagardar e non esforzarse en destruír".
Xurxo Chirro e Martin Pawley alertaron dunha "caída libre" causada pola "terrible insensibilidade dos seus responsables: dirección do CGAI, AGADIC, Consellaría e Xunta"
Outro comunicado, desta volta a cargo de Xurxo Chirro e Martin Pawley e publicado en Acto de Primavera, advertía da "redución de orzamentos, de programación, de traballadores e de servizos" que se vén producindo "desde hai anos" no CGAI, "unha caída libre que moitos achacarán á incidencia da crise mais que ten coma causa principal a terrible insensibilidade dos seus responsables: dirección do CGAI, AGADIC, Consellaría e Xunta". A nota demandaba "un mellor trato cara ao centro, xa que o CGAI é un dos poucos faros culturais que alumean con intensidade en Galicia con contrastado prestixio estatal e internacional, unha traxectoria encomiable de máis de 25 anos a prol da recuperación, conservación e divulgación do patrimonio cinematográfico". E remataba facendo un chamamento "a apoiar a Filmoteca de Galicia da mellor maneira posible: acudindo a ela, reivindicando co seu uso cotián a súa absoluta necesidade para o noso país".