"O sentimentalismo foi o pegamento do consenso autonómico"

Helena Miguélez-Carballeira, nun intre da entrevista con Praza CC-BY-SA Praza Pública

A filóloga viguesa Helena Miguélez-Carballeira presenta estes días en diferentes puntos do país Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego (Através Editora). É a versión galego-portuguesa do estudo editado orixinalmente en inglés no que a autora, profesora titular de Estudos Hispánicos na universidade galesa de Bangor, lle aplica á construción da identidade galega os métodos de análise "postcolonial e feminista". Miguélez-Carballeira non evita os terreos comprometidos e foxe da fidelidade aos mitos fundacionais para debullar a construción dunha identidade galega que foi presentada en clave feminina para afastala da política e á que, por outra banda, se lle aplicaron os ditados do patriarcado para construír o "relato da diferenza nacional galega".

Galicia preséntase como un pobo sentimental porque resulta, por así dicilo, máis riquiño cara a fóra?
O adxectivo “sentimental” non está escollido de xeito aleatorio. É o adxectivo que máis aparece nos textos que fun quen de investigar para referirse á identidade galega. Outras veces, no canto desta palabra aparecen outras que remiten á mesma idea: emotivo, o mundo dos afectos, poético, lírico... E feminino. Pensei que é un adxectivo que aglutina todos os valores que xiran en torno a el.

Estes valores son, ata certo punto, inofensivos no imaxinario colectivo. Alguén sentimental e emotivo non é moi perigoso...
Efectivamente. E na lóxica da diferenza sexual e patriarcal, que define os valores do que é masculino e do que é feminino, o sentimental normalmente encadra co segundo. Cando se fala de literatura ou un libro sentimental é para devalualo, porque vivimos inseridos no binomio do que o masculino é o racional, histórico, épico, viril, e o feminino é lírico, afectivo, privado, pasivo... Aínda que obviamente se está traballar para tirar iso abaixo, pero no século XIX, que é de onde parte a análise, todo isto estaba perfectamente en boga.

Tamén na evolución do galeguismo e do nacionalismo político. O momento máis culturalista sería máis feminino e o máis político, no que os homes se presentan como protagonistas?
Esa é unha dicotomía que se ve cando o que tradicionalmente se coñece como rexionalismo quere ser nacionalismo, no primeiro terzo do século XX. Había unha conciencia moi clara por parte de teóricos e activistas de que o nacionalismo galego tiña un problema discursivo e cumpría reformulalo. O problema que había é que xa se consolidara con éxito que o galego, a lingua, a identidade e a xente, estaban abandonados a uha patoloxía nostálxica, a estar todo o día a laiarse, á diglosia de que o galego só servía para a poesía por ser o medio literario dos sentimentos, dos afectos, do íntimo... Estaba todo moi ben ensamblado. E os homes das Irmandades da Fala, como os irmáns Villar Ponte e outros que comezaban a escribir n'A Nosa Terra tiñan claro que existía ese problema discursivo e había que masculinizar o nacionalismo, porque non se ía ir a ningures facendo xogos florais e falando de laios, de amores e do que denominaban “naturalismo rural”. Había que virilizarse e por iso importaba moito crear a figura do activista nacionalista carismático, forte, agresivo.  Mesmo se pode reler no manifesto Máis Alá, de Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro, un alegato para desfeminizar a cultura galega, mesmo cunha expresión explícita: tanto darnos aos laios e á poesía fixo pensar aos de fóra que somos “un pobo de mulleres”. Cómpre decatarse de toda esa retórica de xénero.

"Pretendeuse que o celtismo servise para virilizar un relato de diferenza nacional galega, con celtas guerreiros e un pobo fero"

Tamén nos referentes míticos: fálase de Breogán, do Medulio, do sangue que corre a regos...
Pretendíase que todo ese vocabulario do celtismo tamén servise para virilizar un relato da diferenza nacional galega: os celtas guerreiros, un pobo fero... Toda a poética pondaliana vai por aí. Nun momento no que estaba moi en auxe a dicotomía da diferenza sexual era perigoso facer valer o valor do sentimentalismo como un aglutinador que construíse unha identidade forte, porque o sentimentalismo xa estaba totalmente vencellado ao feminino. Pódese dicir que escolleron mal. Nos primeiros textos de Murguía, por exemplo, fálabase dunha identidade galega máis civilizada, cunha lingua que servía para expresar cuestións moi finas, dicíase que non  somos como os toscos casteláns porque temos unha lingua máis doce... Utilizábase a retórica da civilización, pero o sentimentalismo tiña un dobre gume e outras posicións políticas apropiáronse dela: 'pódese dicir que sodes celtas e sentimentais e nós o que imos dicir que significa que sodes pasivos, líricos, nostálxicos, que non tedes ningunha capacidade para acción, que a violencia é case unha aberración étnica'.

O nacionalismo político contemporáneo tamén apelou ao sentimento. Foille útil?

"O sentimentalismo serviu, dun xeito ou doutro, ao espectro político enteiro"

Non sei se o teño tan claro. Do que non hai dúbida é de que os discursos neorrexionalistas se seguen a abrazar a esta idea. Queren capitalizar certa idea de galeguidade sen que teña custos políticos. Ás veces mesmo se pode entender co legado rosaliano, no que todos queren caber; uns espazos que permiten certa expresión de galeguidade non politizada. Hai discusos identitarios cun programa político moi claro que eu identifico co neorrexionalismo, pero hai outros programas políticos que abertamente o identifican cun estereotipo colonial e que non se arriman a el, mesmo o evitan. Aínda resta por facer moito traballo, pero temos que coidarnos de pensar que hai culturas políticas clarísimas que o utilizan [o sentimentalismo] ou que non, porque foi un dos construtos discursivos que serviu, dun xeito ou doutro, porque o fan servir ou porque o evitan, ao espectro político enteiro.

Aquilo de “Galicia, nai e señora”, chegou de Cabanillas ao PP. Se é nai e señora é muller e se é muller, é feble...
Claro. Por exemplo, outra imaxe da que falo no libro é aquel vídeo da campaña electoral do PP en 2009 no que a súa nai, Sira Feijóo, dicía: “o meu fillo está casado con Galicia”. Vólvese á idea da Galicia feminina que pode ser obxecto de adoración e do amor que se supón que a figura presidencial ten que profesar, pero non dun xeito político.

Así é posible combinar discursos contra o galego con homenaxes a Rosalía?
Exacto. Esa é a bisagra. Este estereotipo funcionou como unha moeda de dúas caras e utilízase con moitísima pericia. Por iso cómpre afinar o ollo crítico, para sabelo recoñecer. Como entra polo corazón resulta difícil desbotalo. Por exemplo, durante as presentacións do libro en inglés, nunha noticia reflectiuse co título A morriña, un mito nacido no século XIX e os comentarios eran moi elocuentes. A xente sentíase roubada, cando non debera ter nada negativo. Cómpre afinar a conciencia dos usos políticos que tivo e, despois, pódese utilizar, abrazarse a isto ou non, pero sabendo as valencias que historicamente tivo.

Cre que formular este discurso e abordar a cuestión do sentimentalismo tranversal ou que o machismo impregna este ideario implica tocar 'vacas sagradas' ou territorios complexos que lle poden causar problemas en ámbitos sensibles cara ao país?

"Vivo fóra, neste sentido teño unha postura privilexiada para poder facer este estudo"

A min, penso que non, porque vivo fóra e aínda que fago esforzos por estar moi conectada, non estou convivindo coas diferentes culturas políticas, institucións e persoas. Neste sentido teño unha postura privilexiada para poder facer este estudo. Pero, ao mesmo tempo, agardo que cando se lea o libro unha das sensacións que cause sexa que hai que aplicar un aparello metodolóxico aos textos, neste caso o da crítica postcolonial e o feminismo, e os textos falan por si mesmos. Hai que aplicar unha teoría mirando os textos que teorizan a identidade galega e é inevitable que saia unha análise deste tipo. A evidencia de que se teceu este tipo de dialéctica é absolutamente abrumadora.

Existe unha tendencia a pechar os ollos ante cuestións incómodas para construír un relato máis cómodo e sen arestas? Para poder dicir, por exemplo, que o nacionalismo galego defendeu os dereitos das mulleres dende as súas orixes?

"Todos os nacionalismos son patriarcais na súa xénese, pero como movementos emancipadores víronse impregnados por ideoloxías revolucionarias e non puideron obviar a cuestión da muller"

Unha das cousas máis interesantes que pode xurdir de todo isto é a oportundidade de facer autocrítica. E non falo dun grupo particular, senón de moitísimos proxectos políticos e culturais deste país e de culturas políticas diferentes. Unha das lecturas máis proveitosas que se está a facer é sobre Carvalho Calero. O libro contén un capítulo moi crítico co legado literario e historiográfico de Carvalho Calero e, ao mesmo tempo, está publicado por unha editorial do reintegracionismo que, nos propios textos que escribiu sobre o libro, aproveita para facer autocrítica. Iso paréceme valente e produtivo. No canto de mirar cara a outro lado, imos cara a adiante. Dende o punto de  vista do tema da muller, todos os nacionalismos, dende a súa xénese, son movementos patriarcais. O que pasa é que nos contextos de culturas resistentes os nacionalismos se viron moito máis impregnados por ideoloxías revolucionarias e, como movementos emancipadores, non puideron obviar a cuestión da muller. Pero no momento orixinal era unha cultura política masculina e masculinista, porque a política era un eido masculino, o eido do público. Pero a día de hoxe penso que mudaron as cousas.

En ámbitos como o catalán téndese a deixar de empregar a palabra nacionalismo para utilizar outras, como “soberanismo”. Este tránsito pode ser útil para abandonar algunhas destas inercias e ese sentimentalismo?
Paréceme moi interesante como isto nos pode axudar a afinar a terminoloxía. É certo que aquí tamén se utiliza o termo “soberanista”. Eu no libro o que fago é utilizar a terminoloxía do anticolonialismo e a versión que se deixa entender é que aquí houbo e aínda hai unha situación de correlación de forzas de poder desigual, onde unha cultura hexemónica tenta lexitimar secundaridade da que non o é, da que pode desaparecer.  Eu non son economista nin politóloga, pero no eido da representación a identidade galega é un exemplo de manual dunha cuestión colonial. A feminización do colonizado é universal, aparece en todas as culturas imperiais e en todos os colonialismos internos, subsestatais. Por exemplo, no Estado británico feminizouse o galés e o irlandés, en Francia feminizouse o bretón. Ese tropo do celta sentimental non é de feitura só ibérica, deuse noutros Estados-nación europeos nos momentos en que comezaron a rexurdir os nacionalismo periféricos que vían no celta unha oportunidade de construír un discurso da diferenza. Se aquí o celtismo empoderou ou nos entrampou nas formas da cultura hexemónica, non o sei.

De cara ao futuro, nun contexto tan efervescente como o actual Estado español, desprenderse do sentimental para afirmar a diferenza política pode ser útil para Galicia?
Aquí entramos na pregunta de se calquera movemento emancipador nacional ou anti colonial precisa ou non un relato identitario. Esa é unha pregunta para os politólogos que non me vexo coa capacidade intelectual de contestar. Precisamos relatos identitarios que aglutinen a xente ou é un problema? Como proposta emancipadora eu penso que posiblemente sexa máis produtivo chamar a atención cara ás formas de poder que nos oprimen e despois, que a xente poida ou non reaxir. Se cadra non hai que crear outro discurso identitario da diferenza galega con outros valores, porque tamén estaríamos alienando a outros grupos sociais.

"Precisamos relatos identitarios? Como proposta emancipadora probablemente sexa máis produtivo chamar a atención sobre o que nos oprime"

Penso que é máis produtivo dicir que isto que se creou aquí ten estas valencias políticas e se utiliza con estas funcións, moitas veces con funcións comerciais, como pode ser Gadis ou Abanca, con frases sintacticamente case absurdas nas que é obvio que querían poñer a palabra “morriña”. Significativamente, é unha campaña que se contratou a unha empresa de fóra da Galiza. Chamar a atención sobre como nos ven e como nos poden apaciguar é moito máis produtivo. Aínda que, dende a politoloxía, se pode dicir que calquera proposta emancipadora ten que crear un relato identitario.

Resulta rechamante que empresas que eran galegas e xa non o son apelen a esa galeguidade. Abanca é un exemplo, pero tamén Fenosa e outras...
É interesante e, ao mellor, non é mala noticia que o sector privado pense que na Galiza ten que crear certo relato cercano, próximo e galeguista para chegar á xente. Pero temos que ficar espabilados con iso, porque se apela a valores que tentan crear un consenso e harmonía cando o que se precisa é conflito.

Como cando, por exemplo, o presidente di que xa non hai ningún conflito lingüístico?

"No nome da cultura galega practícase un discurso desmobilizador para agochar que hai un conflito"

O sentimentalismo foi o pegamento co que se construíu a cultura do consenso autonómico. Esa galeguidade sentimental vese moito nas formas de cultura galega permitidas en determinadas institucións e por gobernos que son, a todas luces, contrarios á persistencia das formas de vida autóctonas deste país. Vese perfectamente, por exemplo, nas formas de cultura que se practican na Casa de Galicia en Madrid. Alí é todo puro sentimentalismo, dende as exhibicións fotográficas e as esculturas aos recitais poéticos de xente descoñecida. No nome da cultura galega practícase un discurso desmobilizador, consensuado e consensual para agochar que hai un conflito. Todo o que a día de hoxe poidamos facer para visibilizar o conflito e as formas de acción e de dignidade deste país, sen termos que construír outro discurso identitario paralelo, o que fará será achegarnos ás circunstancias materiais da nosa loita e non a entelequias que non levaron moi lonxe.

Miguélez-Carballeira, durante a entrevista CC-BY-SA Praza Pública
Capa do libro © Através Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.