"O sexo non é algo morno nin requintado"

Xulio Pardo de Neyra © AELG

"Unha das fantasías masculinas máis recorrentes é pensar que calquera se pode comunicar coa súa pirola. Creo que todos e todas, homes, mulleres e elementos, vimos nalgunha ocasión a imaxe dun home que fala co rabo, mesmo existen parellas de todo tipo que lle poñen nome aos seus carallos". Así comeza Intensa e quente é a túa humidade azul, a novela que vén de publicar en Edicións Positivas Xulio Pardo de Neyra, profesor da UDC. Unha historia de amor, "unha relación sexual de dominación e submisión" que el mesmo define como "a primeira novela pornográfica da literatura galega".

Sexa ou non a primeira, e alén da fronteira que se pode establecer entre erotismo e pornografía, a obra achega un novo título a unha lista non demasiado longa de novelas en galego nas que o sexo é protagonista. Precisamente Edicións Positivas, a través da súa colección e premio de literatura erótica Narrativas Quentes, foron nos últimos anos os grandes motores deste xénero en Galicia. Sexa pola pouca comida ou pola moita fame, o certo é que a pasada semana Intensa e quente é a túa humidade azul foi un dos éxitos da feira do libro de Santiago (conta Paco Macías, o editor, que só na presentación se venderon 33 exemplares). O 22 de maio presentarase en Pontevedra, e despois continuará o seu camiño por outras feiras do libro ao longo do verán, "tamén en Lugo, que vai ser a praza máis difícil, por ser eu de alí" -di Xulio Pardo de Neyra- "a ver se non provo

Defines o libro como unha "novela pornográfica"? Por que pornográfica e non erótica, por exemplo?

É complexo, si, porque os límites entre erotismo e pornografía son particulares, é difícil establecelos. Ademais a pornografía está considerada como un xénero maldito ou case ilegal, puníbel. Pero eu considero que un texto erótico é aquel que suxire, algo incitante, e en cambio un texto pornográfico é aquel que mostra, e polo tanto é máis excitante que incitante. Esta novela podería ser erótica, pero nela cóntase unha historia e cóntase absolutamente todo o que ocorre, sen límites. O outro día na presentación do libro preguntábame: 'este é un libro no que se fala de penes e de vulvas?'. E non, este é un libro no que se fala de actos sexuais explícitos sen ningún tipo de eufemismos e sen esa xerga médica. Fálase como se fala na realidade: un cando está fodendo non di 'voute lamber a vaxina'. O sexo non é algo morno, nin cursi, nin requintado.

"Este é un libro no que se fala de actos sexuais explícitos sen ningún tipo de eufemismos e sen esa xerga médica"

Que conta a novela? Cal é a historia?

É unha historia de amor entre dúas persoas: unha muller moi nova e un home maior. É unha historia dunha fascinación física que rapidamente desemboca nunha relación sexual de dominación e submisión, un xogo sexual de dominación e submisión. Xa me preguntaron a respecto disto sobre a visión que dá da muller. Pero hai moito descoñecemento do mundo BDSM; hai xente que considera que é un mundo de maltrato á muller ou ao home submisos, pero trátase simplemente dunha práctica sexual non convencional, algo co que unha persoa ou unha parella gozan.

"É unha historia dunha fascinación física que rapidamente desemboca nunha relación sexual de dominación e submisión, un xogo sexual de dominación e submisión"

Ten boa saúde a literatura erótica ou pornográfica na actualidade? Hai uns anos chegárase a falar dunha crise importante, pero nos últimos tempos certas temáticas sexuais mesmo están adquirindo a categoría de best-seller, como nos casos das 50 sombras de Grey...

Eu creo que hoxe os contidos sexuais non están en crise en absoluto. Se cadra tamén é pola situación económica. Din que a fame agudiza o enxeño e poida que a xente estea máis receptiva a gozar, e a fin de contas foder é unha das poucas cousas gratis que podemos facer. Eu teño que recoñecer que non lin as novelas das 50 sombras de Grey, nin tampouco lin a Corín Tellado ou a Danielle Steel, toda esa liña de best-sellers. Lembro un artigo de Francisco Castro, que publicou hai uns meses en Praza, titulado "Le o meu libro e córrete", no que falaba das 50 sombras de Grey. Pois a min encantaríame que alguén se correse lendo o meu libro. No que respecta ao mundo do sexo non convencional, pode que si estea de moda, como unha forma de escapatoria da realidade. Ao final no sexo cada un ten as súas apetencias, cousas que lle excitan especialmente. Hai a quen lle gusta facelo coa luz apagada, hai a quen lle gusta disfrazarse, hai a quen lle gusta que lle dean cunha fusta e mesmo, como aínda escoitei o outro día na tele, hai quen cando se corre berra 'Arriba España'. Cada un é cada un.

"Din que a fame agudiza o enxeño e poida que a xente estea máis receptiva a gozar, e a fin de contas foder é unha das poucas cousas gratis que podemos facer"

E en galego? Dá a impresión de que é un xénero que fóra do publicado por Positivas na súa colección de Narrativas Quentes non hai un gran corpus.

O galego é unha lingua que serve absolutamente para todo, tamén para o sexo. E é algo que está demostrado dende as cantigas medievais, que xa tiñan un contido sexual moi importante. Eu digo que a miña é a primeira novela pornográfica da literatura galega, porque hai novelas eróticas, ou poemarios, relatos..., e xa na Idade Media hai textos que falan de prácticas sexuais con xoguetes, coma o carallo francés, ou de violacións consentidas. Pero non se chegara ao nivel da pornografía, da que si hai moita tradición en Europa, por exemplo a través de George Bataille ou Pauline Réage. Hai unha traxectoria en galego, pero eu botaba en falta algo. Hai quen escribiu que non hai nada máis erótico que un capítulo de Anna Karenina no que os personaxes entran nun cuarto e quedan a soas. Pois para min non, a min non me vale. Quizais é porque os homes necesitamos outro tipo de impulsos para excitarnos, non somos tan sutís.

"Seguramente os homes somos máis visuais, non nos conformamos coa imaxinación, necesitamos estímulos máis directos"

Cres que hai moita diferenza entre os homes e as mulleres á hora de relacionarse co sexo escrito, coa literatura que fala de sexo?

Si, creo que si. Seguramente os homes somos máis visuais, non nos conformamos coa imaxinación, necesitamos estímulos máis directos. O porno é machista porque está orientado cara aos homes; a muller nesas gravacións é un obxecto simplemente. Pero hai porno dirixido a mulleres, por exemplo o que fai Erika Lust, que é diferente, máis complexo, no que se conta unha historia.

O coidado da lingua, a elección das palabras, é algo fundamental á hora de escribir sobre sexo, non si? O galego é unha lingua rica para isto?

Eu penso que si. Eu vivín en Cáceres varios anos, dando aulas, e moitas veces non me entendían ao falar, porque o galego é unha lingua moi rica en imaxes, moi gráfica, moito máis lírica e poética.

Capa do libro © Edicións Positivas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.