O 25 de marzo de 2009 o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o decreto 61/2009 polo que se declaraba ben de interese cultural, coa categoría de sitio histórico, a casa familiar de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao na vila de Rianxo. O decreto estableceu un perímetro de protección entre a intersección do Canellón do Xudeu e a Rúa de Abaixo. Un particular, que se identificou como propietario da vivenda, interpuxo unha demanda no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A sentenza foi desestimada mais decidiu recorrer ao Tribunal Supremo. O máximo organismo xudicial do Estado vén de desestimar, en sentenza firme, a demanda do particular. A casa de Castelao é BIC e a súa condición de sitio histórico non vulnera a propiedade privada.
O recorrente estimaba que o interese privado" quedaba afectado "como consecuencia da declaración", ao ter que abrir a casa "que constitúe a vivenda habitual do recorrente ao público". O recorrente, propietario da "casa familiar de Leopoldo", apuntou que "a entrada representaría para calquera propietario uns gastos altamente custosos, pois fará falta contratar unha persoa que, durante os días que permaneza aberto, controle a entrada da xente, por unha banda, e pola outra, ter uns seguros para os accidentes que poidan producirse que cubran tanto os gastos materiais, como os persoais que se poidan producir", fundamentou no recurso.
A Lei de Patrimonio
Non obstante, para o Supremo "estas razóns non cabe dúbida que están a apuntar a uns evidentes prexuízos de carácter hipotético que, no seu caso, algúns deles, poderían valorarse no momento en que pola Administración autonómica se fixase o horario, o calendario, a forma e o sistema en que os cidadáns poidan realizar as visitas". Para iso existe, considera o TS, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. "En definitiva non poden considerarse nin uns prexuízos actualizados, nin tampouco, actualizables", apunta. Ademais devanditos hipotéticos danos patrimoniais, como lembra o letrado da Xunta, "sempre atoparían suficientes mecanismos resarcitorios a cargo da Administración galega".
"A declaración BIC non implica que os intereses que defende o recorrente non sexan tamén dignos de consideración"
Para o Supremo a prevalencia do interese público, "identificado nos deberes que son consecuencia legal á declaración do ben como patrimonio cultural de Galicia", non implica que os intereses que defende o recorrente non sexan tamén dignos de consideración e protección. Pero é a Lei de Patrimonio quen se faría cargo. Por iso, e de maneira firme, o recurso foi desestimado.