O tributo que Magín Blanco merece

Tributo a Magín Blanco © Praza Pública

Magín Blanco sufriu un accidente o pasado verán que lle impide volver tocar a guitarra. Alguén pensou, case de inmediato, que cómpría editar un álbum de tributo a Blanco, que recollese as mellores cancións que escribiu na súa intensa carreira, e no que participasen algúns dos artistas e grupos cos que colaborou, amigos e sobre todo aqueles sobre os que influíu.

Hai uns días abriuse unha iniciativa de crowdfunding en Verkami para conseguir financiamento para o disco, que xa recadou 2.275 euros

A rapidez na resposta sorprendeu mesmo aos promotores da iniciativa, e poucos meses despois xa estaba en marcha un álbum dobre con 29 temas, gravados por Uxía, Malvela, Cosecha Roja, Nancho Novo, Xoel López, Nick Garrie, Todo el largo verano, Manu Clavijo, Quant, Eladio & los Seres Queridos, Silvia Penide, Felix Arias, Magritte, Ugia Pedreira, Guadi Galego, O Neno Elliott, Camilo Franco, Burgas Beat ou Emilio Rua. Hai uns días abriuse unha iniciativa de crowdfunding en Verkami para conseguir financiamento para o disco, que xa recadou 2.275 euros. 

A trintena de temas xa están listos, e agora só falta que se recaden tres mil euros para iniciar a edición do disco. As recompensas que se ofrecen son, sobre todo, unidades do CD de homenaxe, pero tamén se poden obter algúns dos traballos da discografía de Blanco en solitario e mesmo algún vinilo de La Rosa.

En bandcamp xa se poden escoitar catro cancións, por exemplo a gravada por Xoel López, Veño ou vouou as versións realizadas por Javier Bergia (Dolores), Sleeping Cat (Lluvia dorada) ou Os Amigos dos Músicos (Meu único amigo).

 

Tres décadas de cancións

Era demasiado silencio para o artista ourensán, un artesán de cancións con máis de tres décadas de traxectoria, primeiro en La Rosa, unha banda merecedora de máis recoñecemento que publicou catro discos a cabalo entre os oitenta e os noventa (La Rosa, Tren de Azúcar, El sueño del camaleón e En el arco iris), e despois en solitario, iso si, tras unha espera de máis de dez anos.

Estes álbums en solitario recuncaban na mesma idea: cancións sinxelas, persoais, combinando guitarras acústicas e eléctricas; despois de Ella (2006) e Realidad (2007) chegou Clic, gravado cos Burgas Beat, cos que "nunca suei tanto nun escenario", dicía nunha entrevista en Vieiros. Despois chegou unha nova aposta arriscada: Magín Blanco publicou con OQO A nena e o grilo, no que lle puxo música ao libro ilustrado de Iván Prieto, coa colaboración de Uxía, Fred Martins, Guadi Galego, Ugia Pedreira e mesmo un coro de nenos.

Tributo a Magín Blanco © Praza Pública
Magín Blanco Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.