O único barco de vapor en activo en España quere volver a Galicia

O Hidria Segundo, restaurado Dominio Público Praza Pública

A historia do Hidria Segundo é longa e, nos últimos anos, accidentada. Este barco de vapor, antigo barco alxibe do porto de Vigo, foi rescatado en 1997 por María José Otero e Jacobo Costas, maquinista e carpinteiro de ribeira, cando ía ser despezado. O barco, cuns trinta metros de eslora e 200 toneladas de peso ten unha máquina de vapor de 1901 que lle permite acadar unha velocidade media de 7 nós e non produce ruido. Serviu durante décadas, entre os sesenta e os noventa, para abastecer de auga potable os buques fondeados na ría de Vigo, trasladando até 20 toneladas. Despois de nove anos de traballo de restauración e milleiros de euros gastados o Hidria Segundo estaba listo para volver navegar, convertido no único barco de vapor en activo en España. 

Fixo algúns traballos esporádicos e por exemplo en 2006 percorreu a costa galega cunha exposición sobre A represión franquista contra os mariñeiros galegos, dentro dos actos do Ano da Memoria. En 2010 mesmo chegou a ser contratado polo Xacobeo para acoller unha serie de actividades durante todo o verán. Porén, a Xunta botouse para atrás no último momento, segundo denuncian os seus propietarios. Pouco despois, foron contratados -ou cando menos iso pensaban eles- por un empresario de Algerciras. Gastaron 15 mil euros na viaxe, pero de novo sen sorte. Dende entón, o barco foi realizando pequenos traballos en Cartagena e Algeciras.

Agora María José Otero e Jacobo Costas queren traelo de volta a Galicia, "preferiblemente a Vigo". O obxectivo é crear unha asociación que lle dea uso, de xeito que os seus socios poidan utilizalo de distintas maneiras e frecuencias, en función da súa achega económica, e abríndoo tamén ao público para que o poidan visitar convertido "nun buque museo a vapor para todos". Pero antes teñen que navegar con el dende Algeciras, o que ten un custe duns seis mil euros. Para iso lanzaron hai unhas semanas unha iniciativa de crowdfunding pola que polo de agora recadaron 4.350 euros, a unha semana do seu peche. Entre as recompensas que ofrecen están a propia visita ao barco (10 visitas por 10 euros), unha noite ao bordo e cea (por 20 euros), o uso da bodega -con capacidade para 120 persoas- para unha presentación de dúas horas (por 100 euros), ou o uso da bodega para unha exposición de catro semanas (por 500 euros).

O obxectivo é crear unha asociación que lle dea uso, de xeito que os seus socios poidan utilizalo de distintas maneiras e frecuencias, en función da súa achega económica

María José Otero Castro salienta que "o Patrimonio Marítimo debe estar onde pertence, onde naceu ou traballou" e denuncia que "en España aínda non temos unha lei que ordene e protexa o Patrimonio Maritimo a flote, por iso resulta imposible intentar facer rendible a súa explotación como museo ou atracción turística tendo en cuenta os gastos que ocasiona a varada e mantemento destas embarcacións". E engade que "esperamos que compartindo o uso e gastos de mantemento do barco entre moitos apaixonados da cultura marítima poidamos levar adiante este soño". A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial xa os está apoiando.

Sala de máquinas do barco Dominio Público Praza Pública
O barco antes da súa reparación Dominio Público Praza Pública
O Hidria Segundo, en Vigo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.