Olloboi, a canteira do audiovisual galego

Público asistente á edición 2016 de Olloboi © Olloboi

Olloboi é un festival para producións audiovisuais de ámbito escolar e académico, desde educación infantil a universitaria. Celebrou este ano a súa sétima edición e as súas cifras de participación certifican que a iniciativa non deixa de crecer e que xa se pode considerar unha auténtica canteira do audiovisual galego. Se en 2014 e 2015 superara xa a cifra de 100 traballos a concurso, neste 2016 foron 234 pezas, procedentes de 59 centros de ensino de toda Galicia.

O certame entregou os seus premios esta fin de semana en Boiro, poñendo fin a dous días de actividades nas que destacados profesionais do sector, como Alfonso Zarauza, Carlos Ares, Sabela Hermida ou os responsables do Método Sueco impartiron obradoiros, ou ofreceron charlas (Manolo González) ou organizaron un cineforum sobre Crebinsky (Quique Otero e Miguel de Lira). X.A. Touriñán, Sabela Arán e Federico Pérez presentaron a entrega dos galardóns. E, como fin de festa, Pan de Capazo e DJ Crebinsky puxeron a música.

Os organizadores desta iniciativa, que conformaron unha asociación sociocultural sen ánimo de lucro, destacan que "conscientes de que no panorama da cultura galega non hai un recoñecemento explícito das iniciativas audiovisuais escolares, decidimos traballar para premiar a orixinalidade, arte e compromiso de moitos futuros profesionais". Engden que "Olloboi ten unha clara vocación educativa e creativa, pois persegue a sensibilización social e medioambiental e fomenta o activismo e o traballo colaborativo".

 

Traballos premiados

O festival conta con nove categorías: Cómico, Peleón, Fotoxénico, DJ, Guion, Animado, Doc, Universitario e Online (que depende dos votos emitidos polo público). E en cada categoría hai dez filmes finalistas. Ademais, entregouse o Zamburrioi, un premio outorgado directamente pola asociación Olloboi ao conxunto da obra do IES As Barxas de Moaña, quen concursaron con case 30 vídeos, dos cales 15 foron nominados a finalistas. Estes foron os traballos gañadores:

Público asistente á edición 2016 de Olloboi © Olloboi
O festival contou, un ano máis, cunha imaxe moi coidada e con convidados/as de primeiro nivel © Olloboi
En total inscribíronse 234 traballos de 59 centros de toda Galicia © Olloboi
Un momento da entrega de premios © Olloboi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.