Os 5.000 libros de Valle Inclán cedidos á USC: O acceso ao "taller' de traballo do escritor

Valle-Inclán falando con representantes da Paramount Pictures no Ateneo de Madrid (1932) © Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago conta dende esta semana coa biblioteca persoal de Valle-Inclán, así como coa documentación que compón o seu arquivo familiar e outros materiais, grazas á cesión realizada polos descendentes do autor galego. Son, en total, 5.000 volumes, entre os que destacan máis de 600 son libros dedicados por outros escritores. Hai, ademais, fotografías, un arquivo de prensa da época con recortes sobre Valle e programas de man de diferentes estreas teatrais de obras de Valle-Inclán. Os fondos súmanse a outros materiais orixinais do autor cos que xa contaba a USC, produto da cesión efectuada por Javier del Valle-Inclán Alsina en 2009, confirmando a universidade compostelá como referente internacional dos estudos valleinclanianos.

A directora da Cátedra Valle-Inclán, Margarita Santos Zas, afirmou que este inmenso fondo permite ter “unha imaxe da totalidade” respecto de Valle-Inclán e o acceso “ao taller do escritor”, dando conta por exemplo dos intereses intelectuais do autor (historia, filosofía, política, esoterismo ou arte, entre outros) así como das súas preferencias como lector en relación á literatura española, galega e foránea. A USC traballa xa no procesado do fondo para que poida ser coñecido e estudado, o que conleva a revisión de cada exemplar e a súa preparación para a catalogación e a posta a disposición do persoal investigador. Igualmente realizará un catálogo cun ordenamento preciso de toda a documentación, tarefa que acometerá o persoal técnico da Biblioteca Universitaria co asesoramento do grupo de investigación Valle-Inclán.

Pero que conteñen as 315 caixas que compoñen a doazón recibida esta semana pola USC? Destacan nomeadamente os 4.600 libros da súa biblioteca persoal, dos que algo máis de 600 son obras con dedicatoria manuscrita. Entre eles destacan os autores galegos, contemporáneos de Valle, Rafael e Eduardo Dieste, Álvaro Cunqueiro, Ramón Cabanillas, Enrique Amado Domínguez, Juan Bautista Andrade, Joaquín Arias Sanjurjo ou Lisardo Barreiro.

Hai, igualmente, varios centos de documentos como cartas, facturas, postais, recibos… Aparece tamén un importante fondo que permite afondar no Valle-Inclán dramaturgo: unha colección de fotografías de estreas teatrais, de programas de man e de carteis de diferentes obras representadas en España e no estranxeiro, que xuntaron Mercedes Alsina e Carlos del Valle-Inclán durante as súas vidas. 

Hai uns anos Margarita Santos Zas, profesora titular de Literatura Española na Facultade de Filoloxía da USC e directora da Cátedra Valle-Inclán, salientaba neste artigo a importancia do Legado Valle-Inclán Alsina, en custodia na USC desde o ano 2009 e que esta semana se enriquece con esta nova achega. "Por que os arquivos privados de escritores son tan valorados se raras veces conteñen unha obra que supere as xa publicadas?", preguntábase neste texto e respondía partindo do escrito por Stefan Zweig hai máis de 75, cando afirmou que "toda creación ten que materializarse para que a comprendamos: un cadro ha quedar pintado sobre un soporte, unha poesía debe ser escrita sobre o papel real [ou virtual], unha escultura ten que ser modelada en pedra, bronce, ferro…".

"Axuda a reconstruír a xénese das súas obras e a entender as súas complexas estratexias de escritura"

"E é aquí onde os que non somos artistas podemos achegarnos ao proceso da creación artística, pois é precisamente ese momento breve da transición da idea artística á realización artística, o instante que ás veces podemos observar. Aí ábresenos unha físgoa para o estudo do artista", escribía Margarita Santos. Unha idea semellante á expresada polo propio Valle-Inclán a través do Marqués de Bradomín: "Querido Rubén, los versos debieran publicarse con todo su proceso, desde lo que usted llama monstruo hasta la manera definitiva. Tendrían entonces un valor como las pruebas de aguafuerte".

"Aquí está expresada de forma inequívoca a importancia que Valle confire ao proceso de escritura en todas as súas fases, anticipándose ao valor que a crítica hoxe outorga aos manuscritos literarios contemporáneos", comentaba a profesora da USC, concluíndo que "este Arquivo encerra as respostas a moitos dos interrogantes que a ausencia de materiais manuscritos de Valle-Inclán suscitaba, axuda a reconstruír a xénese das súas obras e a entender as súas complexas estratexias de escritura".

Obras dedicadas a Valle-Inclán por Antonio Machado ou Rafael Dieste

Valle-Inclán, en México (1921) © Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela
Exemplar de “Poema en catro tempos” (1931) de Eduardo Blanco Amor © Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela
A colección inclúe unha recompilación de prensa con novas alusivas a Valle © Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela
Valle-Inclán e Otero Pedrayo en Ourense (1935) © Fundación Otero Pedrayo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.