Os autocines entraron no noso imaxinario a través das películas estadounidenses, onde si foron moi habituais dende a década dos 50. Porén, nunca houbo en Galicia esta tradición de ver un filme dende o coche, nunha pantalla xigante instalada nun aparcamento. Tampouco noutros territorios do Estado Español, aínda que si podemos atopar algúns exemplos de autocines na Comunidade Valenciana, Madrid, Asturias, Cantabria ou Euskadi.
O coronavirus semella estar impulsando os autocines, ante a necesidade de manter unha mínima distancia física, sobre todo es espazos pechados
Sexa como for, a pandemia do novo coronavirus semella estar impulsando estas instalacións, ante a necesidade de manter unha mínima distancia física, sobre todo en espazos pechados. Así, acotío anúncianse novos proxectos de posta en marcha de autocines en distintos puntos do Estado. Tamén en Galicia.
Si son máis habituais en Galicia os cines ao aire libre ou cines de verán, que nestes meses percorren sobre todo vilas e pequenos concello que non dispoñen de salas de proxección permanentes. Unha das principais promotoras destes cines é a produtora arousá Mr. Misto, que nos últimos anos organizou centos de proxeccións, sobre todo en localidades da provincia de Pontevedra.
Dende hai uns meses Mr. Misto estaba traballando nun novo proxecto, Autocine.gal, co obxectivo de poñer en marcha unha instalación permanente deste tipo nas Rías Baixas no verán do ano 2021. Porén, a crise do coronavirus fixo que se adiantase o proxecto a este verán, aínda que de forma itinerante e temporal, convertido no "primeiro autocine ambulante de Galicia".
As proxeccións deste autocine comezarán o 21 de xuño en Verín coa proxección de María Solinha. Seguirán A Rúa (10 de xullo) e Foz (24 de xullo) e outras localidades
Así, este verán varias localidades acollerán proxeccións que se realizarán sobre unha pantalla de 150 metros cadrados cun proxector HD duns 15.000 lumens. Os concellos interesados deben proporcionar un espazo duns 10.000 metros cadrados, como mínimo, que poida acoller uns 200 coches. O son dos filmes chegará a través dunha emisora de FM directamente ás radios dos vehículos. As instalacións completaranse con foodtrucks para dar servizo ás persoas asistentes. Os seus responsables destacan que se trata de eventos "seguros" e "100% libres de covid-19". En todo momento gardarase a distancia física entre os asistentes e, ademais, os vehículos pasarán por un arco desinfectante na entrada.
Os autocines non proxectarán estreas, cunha excepción: o filme María Solinha, de Ignacio Vilar, que ao non poder ser estreado nas salas de cine por mor do coronavirus, decidiu ser exhibido por primeira vez en proxeccións públicas e ao aire libre en vilas e concellos de pequeno tamaño. Ademais, nos autocines haberá pases especiais temáticos, programación especial para público infantil, concertos e unha curta dedicada "a todas persoas que loitaron contra a Covid-19".
Verín, A Rúa, Trives, Lalín, Padrón... e numerosos concellos lucenses
Concellos como A Pobra de Trives, Lalín, Padrón ou Lugo tamén terán autocine este verán
As proxeccións deste autocine comezarán o 21 de xuño en Verín coa proxección de María Solinha. Seguirán A Rúa (10 de xullo) e Foz (24 de xullo) e outras localidades. Porén, non son as proxeccións de Mr. Misto as únicas que se desenvolverán en formato de autocine. Concellos como A Pobra de Trives (o 4 de xullo Trives proxectará María Solinha), Lalín, Padrón ou Lugo terán autocine este verán. E tamén en Viveiro se está barallando a posibilidade a través de Multicines Viveiro.
A Deputación de Lugo levará por varios concellos da provincia sesións de autocine que comezarán na propia cidade da murall, concretamente no aparcadoiro do Pazo Universitario de Deportes
En Padrón o autocine é unha iniciativa conxunta do Concello coa empresa UFATEC e coa colaboración da Asociación Radioaficcionados (Asorapa). A primeira sesión do autocine terá lugar o venres 12 de xuño coa estrea de ‘Toy Story 4’. E o sábado 13 de xuño será a quenda de 'O que arde’. As seguintes sesións de autocine terán lugar o venres 19 e o sábado 20 de xuño. A idea é que os venres se proxecten filmes para o público infantil, e os sábados para público adulto. O autocine de Padrón situarase no Campo do Souto, será gratuíto e terá capacidade para acoller un total de 60 vehículos. As entradas estarán dispoñibles a partir do luns 8 de xuño, e poderán recollerse no Centro Social da localidade.
De igual xeito, en Lugo a Área de Cultura da Deputación levará por varios concellos da provincia sesións de autocine que comezarán na propia cidade de Lugo, concretamente no aparcadoiro do Pazo Universitario de Deportes. As proxeccións faranse nunha pantalla led de grandes dimensións e o son chegará ao interior dos vehículos pola radio do propio coche a través dunha frecuencia de FM que se activa a tal efecto. Para poder acceder haberá que solicitar unha invitación para evitar atascos e que acuda un número de vehículos superior á capacidade do autocine.
'María Solinha', ao aire libre
Vía Lactea tomou a decisión de que o filme se proxectase en primeiro lugar fóra das cidades, aproveitando estes cines de verán que achegan a sétima arte a localidades sen salas permanentes
Unha das películas que se poderán ver en varios destes autocines será María Solinha, de Ignacio Vilar. A produtora Vía Lactea tomou a decisión de que o filme se proxectase en primeiro lugar fóra das cidades, aproveitando estes cines de verán que achegan a sétima arte a localidades sen salas permanentes. O filme tiña prevista a súa estrea o venres 15 de maio no Auditorio Municipal de Cangas pero tivo que aprazarse a causa da pandemia de coronavirus.
A estrea definitiva terá lugar o 19 de xuño na Alameda de Redondela, e ao día seguinte poderá verse en Cangas, tamén ao aire libre. Estas dúas proxeccións, en dous dos concellos nos que a película foi rodada, estarán acompañadas de coloquios co equipo responsable da película. Xa o 21 de xuño o filme chegará a Verín, en formato de autocine.